Remove ads
Señora de Toro From Wikipedia, the free encyclopedia
Elvira de Toro, tamén coñecida como Elvira Fernández,[1] nada en 1038 e finada o 15 de novembro de 1099, foi unha nobre medieval, infanta de León, filla dos reis de Galiza Sancha I e do seu consorte Fernando I[2], e irmá de García II de Galiza, de Afonso VI de León, de Sancho II de Castela e de Urraca de Zamora. Era neta por parte materna de Afonso V o Nobre, rei de Galiza, e da súa esposa a raíña Elvira Méndez. Por parte paterna os seus avós eran Sancho III o Maior, rei de Navarra, e a súa esposa a raíña Muniadona de Castela.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1038 |
Morte | 15 de novembro de 1099 (60/61 anos) |
Lugar de sepultura | Panteón de Reis de Santo Isidoro de León |
País de nacionalidade | Reino de Galiza |
Outro | |
Título | Infante of León (en) Princesa |
Familia | Dinastía Ximena |
Pais | Fernando I de León e Sancha I de Galicia |
Irmáns | Urraca de Zamora Sancho III Afonso VI de León García II de Galicia |
Descrito pola fonte | Dictionary of Women Worldwide |
En 1063 seu pai convocou unha Curia Regia para dar a coñecer as súas disposicións testamentarias onde decidiu repartir o seu patrimonio entre os seus fillos, correspondéndolle á infanta Elvira a cidade de Toro, situada na actual provincia de Zamora, e, coa súa irmá Urraca, o infantado, isto é, «o padroado e mailas rendas de tódolos mosteiros pertencentes ó patrimonio rexio»[3] coa condición de non poder contraer matrimonio.[4] Ademais, a súa irmá, a primoxénita, tamén recibiu a cidade de Zamora, mentres Sancho, o irmán máis vello, recibiu Castela, Afonso recibiu León e García, o máis novo, recibiu Galiza.
Os seus abondosos bens do infantado distribuíanse principalmente entre os reinos de León e Galiza, con algúns outros no de Castela.[5] Así mesmo, realizou doazóns ás igrexas de Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, León e Burgos; e ós mosteiros de Celanova, Eslonza, Santo Isidoro de León e Oña.[1]
O 10 de decembro de 1068, nunha doazón de Elvira á diocese de Santiago de Compostela de varias vilas en Lemos, Triacastela, Valcárcere e outros lugares, a infanta aparece como «raíña» (Geluira regina);[6] un erro do compilador do Tombo A segundo López Ferreiro.[7]
O 25 de abril de 1087 concedeu un diploma á igrexa compostelá e ó seu bispo Diego Páez, onde lle doou a metade do mosteiro de Piloño e outras moitas herdades, outorgando ademais un privilexio polo cal no mosteiro non puidese entrar o meiriño real nin en caso de homicidio, roubo ou parricidio; só o ministro do prelado compostelán.[8]
En 1090 asistiu ós funerais en honor do seu irmán García canda a súa irmá Urraca.[9]
Antes do 11 de novembro de 1095 xa se encargaba da educación da súa sobriña-neta Sancha Raimúndez, nada había pouco e filla da súa sobriña Urraca, futura raíña, e do seu esposo Raimundo de Borgoña, conde de Galiza.[10]
Nunha das súas últimas aparicións, o 14 de marzo de 1099, testemuña nunha doazón do seu irmán Afonso VI ó mosteiro de San Pedro de Eslonza.[11]
A infanta outorgou testamento estando doente na súa vila de Tábara o 11 de novembro de 1099, catro días antes de falecer. A súa irmá Urraca e os bispos de Tui, León e Oviedo confirmaron o testamento. Entre as disposicións testamentarias, á súa irmá Urraca deixoulle a súa herdade de San Pelaio, Santo Isidoro e Covarrubias. Á súa sobriña-neta Sancha legoulle Tábara, Wamba e outras herdades. Tamén fixo doazóns a varios mosteiros e igrexas. Aínda que antigos xenealoxistas afirmaban que a infanta Elvira casara, uns decendo que foi co conde García Ordóñez, e outros cun tal Sancho Fernández de quen tivera un fillo chamado Fernando Iohannes (Ibáñez), a infanta non menciona marido ou fillos ningúns no seu testamento. O rei Afonso VI, un par de meses despois da morte da súa irmá, confirmou o 16 de xaneiro de 1100 á Catedral de Santiago de Compostela a doazón que fixera Elvira a dita igrexa do mosteiro de Piloño.[5]
En 1141, Sancha lembrou a súa tía-avoa cando doou o mosteiro de Wamba, con tódalas súas pertenzas, á Orde de San Xoán de Xerusalén:[12]
- pro redemptione omnium peccatorum meorum, pro salvatione anime mee, pro anima patris et matris mee et pro etiam anime domine Gelbire, mee amite.
- para a redención de tódolos meus pecados, para a salvación da miña alma, para a salvación das almas de meu pai e de miña nai, e tamén para a da alma de dona Elvira, a miña tía.
Após o seu pasamento, o cadáver da infanta Elvira foi sepultado no Panteón de Reis de Santo Isidoro de León, onde recibiran sepultura seus pais e o seu irmán García.[13] Sobre a tampa do seu sartego foi esculpido o seguinte epitafio latino:
H. Re. Domna Geloira, Filia Regis Magni Ferdinandi. Vas Fidei, Decus Hesperiae Templum Pietatis. Virtus Justitiae, Sidus, Honor Patriae. Heu Quindena Dies Mensis, Geloira, Novembris. Exilium Multis, Te Moriente Fuit. Annis Mile VIIII CXXX peractis. Te tua mors rapuit, Spes Miseros Latuit.[14]
Aquí xace Dona Elvira, filla do gran rei Fernando. Copa de fe, honra de Hesperia, templo de piedade, virtude de xustiza, luz e honor da patria. Morreu Elvira a quince de novembro. A túa morte foi exilio para moitos. No ano de 1101. Arrebatada pola morte, perderon os pobres a esperanza.
O epitafio parece ser que foi unha ampliatio, isto é, unha inscrición que foi sendo realizada en diferentes épocas.[15] O sartego foi destruído na Francesada, en 1809, cando as tropas francesas ocuparon a Basílica de Santo Isidoro de León, convertendo esta en cuartel e o panteón en corte. Para isto último, os sartegos foron profanados e tornados bebedoiros para cabalos, amoreando os restos nun curruncho. Estes foron recolleitos polos cóengos e levados á igrexa de Santa Mariña la Real de León, onde ficaron até seren, unha vez rematada a guerra, devoltos ó panteón e introducidos nos sarcófagos sen orde ningunha.[16] Por mor disto, resulta imposíbel o recoñecemento dos seus restos, igual que acontece cos demais personaxes alí enterrados.[17] En 1997 abríronse os sarcófagos de novo para un ambicioso estudo multidisciplinar[18] co obxectivo principal de identificar os restos dos personaxes rexios alí enterrados.[19] No entanto, despois de 10 anos de pescudas, o proxecto fracasou sen chegar a conclusión ningunha.[19]
16. Sancho II de Navarra | ||||||||||||||||
8. García II de Navarra | ||||||||||||||||
17. Urraca Fernández de Castela | ||||||||||||||||
4. Sancho III de Pamplona | ||||||||||||||||
18. Fernando Bermúdez de Cea | ||||||||||||||||
9. Ximena Fernández | ||||||||||||||||
19. Elvira Díaz de Saldaña | ||||||||||||||||
2. Fernando I de León | ||||||||||||||||
20. García Fernández, Conde de Castela (=26) | ||||||||||||||||
10. Sancho García, Conde de Castela | ||||||||||||||||
21. Ava de Ribagorza (=27) | ||||||||||||||||
5. Muniadona de Castela | ||||||||||||||||
22. Gómez Díaz, Conde de Saldaña | ||||||||||||||||
11. Urraca Gómez | ||||||||||||||||
23. Muniadona Fernández de Castela | ||||||||||||||||
1. Elvira de Toro | ||||||||||||||||
24. Ordoño III de León | ||||||||||||||||
12. Vermudo II de León | ||||||||||||||||
6. Afonso V de León | ||||||||||||||||
26. García Fernández, Conde de Castela (=20) | ||||||||||||||||
13. Elvira García | ||||||||||||||||
27. Ava de Ribagorza (=21) | ||||||||||||||||
3. Sancha de León | ||||||||||||||||
28. Gonzalo Menéndez, Conde de Portugal | ||||||||||||||||
14. Menendo González, Conde de Portugal | ||||||||||||||||
29. Ilduara (Ildonza) Peláez | ||||||||||||||||
7. Elvira Méndez | ||||||||||||||||
15. Tutadona | ||||||||||||||||
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.