From Wikipedia, the free encyclopedia
A decidualización é un proceso que ten como resultado a aparición de cambios significativos nas células do endometrio en preparación do ou durante o embarazo. Isto inclúe cambios morfolólxicos e funcionais (a reacción decidual) nas células estromáticas endometriais, a presenza de leucocitos deciduais e cambios vasculares nas arterias maternas. O conxunto destes cambios ten como resultado que o endometrio cambie a un tecido con outra estrutura chamado decidua. En humanos, a decidua despréndese despois do parto.[1]
A decidualización ten un importante papel na promoción da formación da placenta entre o corpo da nai e o do feto ao favorecer a invasividade das células trofoblásticas. Tamén desencadea a produción de factores celulares e moleculares que causan cambios estruturais ou remodela as arterias espirais maternas. A decidualización é necesaria nalgunhas especies de mamíferos nas que se produce a implantación do embrión e a invasión das células trofoblásticas do endometrio, tamén chamada placentación hemocorial. Isto permite que o sangue materno entre en contacto directo co corion fetal, unha membrana entre os tecidos fetais e maternos, e permite o intercambio de nutrientes e gases. Porén, reaccións similares á decidualización tamén se observaron nalgunhas especies que non presentan placentación hemocorial.[2]
En humanos a decidualización ocorre despois da ovulación durante o ciclo menstrual. Despois da implantación do embrión, a decidua segue desenvolvéndose a favorece o proceso da placentación. No momento en que o embrión se implanta, o recubrimento endometrial decidualizado despréndese ou, como no caso das especies que seguen un ciclo estral, é absorbida.[1] Nas especies que menstruan, a decidualización é espontánea e ocorre como resultado da secreción de hormonas maternas. En especies non menstruantes, a decidualización non é espontánea, o que significa que só ocorre despois de que hai sinais externos de que se implantou un embrión.[3]
Despois da ovulación os altos niveis de proxesterona inician os cambios moleculares que levan á decidualización. O proceso desencadea un influxo de leucocitos deciduais xunto con cambios morfolóxicos e funcionais das células do estroma endometrial. Os cambios nas células estromáticas endometriais causan o desenvolvemento do endometrio nun recubrimento secretor que produce diversas proteínas, citocinas e factores de crecemento. Estes factores segregados regulan a invasividade das células trofoblásticas que finalmente forman a conexión placentaria se un embrión se implanta na decidua.[4]
Unha das características identificadoras da decidua é a presenza de gran cantidade de leucocitos que son principalmente células asasinas naturais uterinas (uNK) especializadas[5] e algunhas células dendríticas. Como o feto consta tanto de ADN de orixe materna coma paterna, os leucocitos deciduais teñen un papel na supresión da resposta inmunitaria da nai para previr que o feto sexa tratado como un elemento xeneticamente alleo. Ademais das súas funcións inmunes, as células uNK e dendríticas actúan tamén como reguladores da remodelación das arterias espirais da nai remodelando a diferenciación das células estromáticas endometriais.[6]
As células estromáticas endometriais son as células do tecido conectivo do endometrio, de aparencia fibroblástica. Porén, a decidualización causa que se inchen e adopten unha aparencia epitelial debido á acumulación de glicóxeno e pingas de lípidos. Ademais, empezan a segregar citocinas, factores de crecemento e proteínas como a IGFBP1 e a prolactina, xunto con proteínas da matriz extracelular, como a fibronectina e a laminina. O incremento da produción destas proteínas da matriz extracelular fai que o endometrio adquira unha estrutura mais densa, converténdose no que se denomina decidua, a cal produce factores que promoven a adhesión do trofoblasto e inhiben a invasión excesivamente agresiva.[7]
A reacción decidual obsérvase no inicio do embarazo na área xeneralizada onde o blastocisto contacta coa decidua endometrial. Consiste nun incremento das funcións secretoras do endometrio na área de implantación, así como no estroma circundante, que se volve edematoso.[8]
A reacción decidual soamente ocorre en humanos e unhas poucas especies máis. A reacción decidual e a decidua non cómpren para a implantación. As probas disto son que en embarazos ectópicos e nas histerectomías, a implantación pode ocorrer noutras partes da cavidade abdomino-pélvica distintas do útero.[9]
As anormalidades na decidualización foron implicadas en doenzas como a endometriose, na cal a alteración da decidualización leva ao crecemento ectópico de tecido uterino. A falta de decidualización foi tamén ligada a taxas máis altas de aborto natural.[10]
A deciduíte crónica, unha inflamación crónica da decidua, foi ligada a nacementos prematuros.[11]
O proceso de decidualización é iniciado pola proxesterona, pero necesita adenosín monofosfato cíclico (AMPc) para que actúe como molécula de sinalización inicial para sensibilizar as células endometriais á proxesterona. En consecuencia, as células estromáticas endometriais humanas foron decidualizadas en cultivo con análogas químicos do AMPc xunto con proxesterona. A decidualización in vitro orixina cambios morfolóxicos similares nas células estromáticas endometriais humanas e tamén unha produción regulada á alza de marcadores de decidualización como a IGFBP1 e a prolactina.[7]
Os modelos de ratos usáronse moitísimo para a identificación dos factores moleculares necesarios e implicados na decidualización.[12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.