xénero de aves From Wikipedia, the free encyclopedia
Os cínclidos (Cinclidae) son unha familia de aves mergulladoras que comprenden un único xénero, Cinclus, e que se denominan comunmente merlos rieiros.[2] Son os únicos paseriformes que teñen a capacidade de mergullarse baixo a auga. En Galicia vive a especie Cinclus cinclus.
Cínclidos | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Cinclus mexicanus | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Mapa de distribución
Cinclus cinclus Cinclus pallasii Cinclus mexicanus Cinclus leucocephalus Cinclus schulzii |
| |||||||||||||||||||||||||||||||||
Filoxenia dos cínclidos[1] |
O xénero Cinclus foi introducido polo naturalista alemán Moritz Balthasar Borkhausen en 1797 e a especie tipo foi o merlo rieiro euroasiático Cinclus cinclus.[3][4] O nome cinclus procede da palabra do grego antigo kinklos, que se utilizaba para designar pequenas aves que movían a cola e vivían a carón da auga.[5]
Cinclus é o único xénero na familia Cinclidae. O xénero contén cinco especies:[6]
Un estudo de filoxenia molecular de 2002 examinou as secuencias de ADN de dous xenes mitocondriais das distintas especies de merlos rieiros. O estudo atopou que o merlo rieiro euroasiático (C. cinclus) e o C. pallasi son especies irmás como tamén o son o C. leucocephalus e o C. schulzii. O estudo tamén mostrou que a familia máis próxima á Cinclidae é a Turdidae.[1]
Son aves pequenas, robustas, de cola e ás curtas e patas fortes. As diferentes especies adoitan ser escuras (ás veces case negras), ou marróns e brancas, excepto o C. schulzii, que é marrón cun papo de cor marrón-avermellado. En tamaño van desde os 14 aos 22 cm de lonxitude e os 40 a 90 g de peso, e os machos son meirandes que as femias. As súas curtas ás fan que teñan un distintivo voo rumbante.[7][8][9] Teñen un característico movemento oscilante de arriba a abaixo cando están pousados ao lado da auga. Cando están baixo a auga están cubertos por unha fina película prateada de aire, debido a que quedan atrapadas pequenas burbullas na superficie da plumaxe.[8]
Os merlos rieiros encóntranse en hábitats de auga doce axeitados nas terras altas das Américas, Europa e Asia. En África só se encontran nas montañas do Atlas de Marrocos. Habitan nas ribeiras de ríos de augas rápidas de terras altas de augas frías e claras, aínda que na estación reprodutora visitan as beiras de lagos e costas mariñas.[8]
A diferenza de moitas aves acuáticas, os merlos rieiros son xeralmente de forma similar a moitas aves terrestres (por exemplo non teñen pés palmados), pero teñen algunhas adaptacións morfolóxicas e fisiolóxicas ao seu hábitat acuático. As súas ás son relativamente curtas pero fortemente musculadas, o que lles permite usalas como aletas baixo a auga. Teñen unha plumaxe densa cunha gran glándula uropixial para impermeabilizar as plumas. As súas patas relativamente longas e garras afiadas facilitan que se poidan agarrar ás rochas en augas rápidas. Os ollos teñen músculos para enfocar ben desenvolvidos, polo que poden cambiar a curvatura do cristalino para mellorar a visión subacuática.[10] Teñen unha especie de lingüetas nasais coas que impiden que lles entre auga polos orificios nasais.[11]
A alta concentración de hemoglobina do seu sangue dálles unha capacidade de almacenar oxíxeno maior que o doutras aves, polo que poden permanecer baixo a auga durante trinta segundos ou máis,[8] mentres que a súa taxa metabólica basal é aproximadamente un terzo máis lenta que a dos típicos paseriformes terrestres de masa similar.[12] Unha pequena poboación inverna nunha fonte termal nas Montañas Suntar-Khayata de Siberia e aliméntase baixo a auga cando as temperaturas do aire baixan de -55 °C.[13]
Os merlos rieiros buscan pequenas presas animais nas marxes das correntes fluviais de augas rápidas. Pousan en rochas e aliméntanse na beira da auga, pero a miúdo tamén se agarran firmemente ás rochas e camiñan sobre elas meténdose na auga ata quedaren parcial ou totalmente submerxidos. Despois buscan baixo a auga presas entre ou debaixo de pedras e restos; poden tamén nadar usando as ás para impulsarse. As dúas especies suramericanas nadan e mergúllanse con menos frecuencia que as tres especies do norte.[14] As súas presas son principalmente invertebrados como ninfas ou larvas de efémeras, simúlidos, plecópteros e tricópteros, pero tamén pequenos peixes e ovos de peixe. Tamén comen moluscos e crustáceos, especialmente en inverno cando as larvas de insectos son menos abondosas.[8]
As parellas de merlos rieiros establecen territorios reprodutores lineares ao longo de ríos axeitados e mantéñenos ante as incursións doutros individuos. Dentro do seu territorio a parella debe ter un bo sitio para aniñar e lugares para pousarse, pero o principal factor que afecta a lonxitude do territorio é a dispoñibilidade de comida suficiente para alimentarse eles e as crías. En consecuencia, a lonxitude dun territorio pode variar desde os 300 a uns 2 500 m.[8]
Os seus niños son xeralmente estruturas longas, redondas, cupuliformes feitas de musgo, cunha copa interna de herba e raiciñas e un burato de entrada lateral. Adoitan construílos en espazos confinados sobre ou preto das augas correntes. O sitio pode ser un saínte ou ladeira na ribeira, nunha greta ou canle de desaugamento, ou baixo unha ponte. Os sitios de nidación en árbores son raros.[8]
O tamaño habitual da posta das tres especies de merlos rieiiros do norte é de catro ou cinco ovos; o das de Suramérica non se coñece ben, aínda que algunha evidencia suxire que a do Cinclus schulzii é de dous ovos.[15] O período de incubación é de dezaseis a dezasete días, e dos ovos eclosionan crías altriciais, que son coidados só pola femia durante os seguintes doce ou trece días. As crías son alimentadas por ambos os proxenitores e o período necesario para o emplumado completo é de 20 a 24 días. Os polos fanse independentes dos seus pais un par de semanas despois de deixar o niño. Os merlos rieiros poden reproducirse por segunda vez no ano se as condicións o permiten.[8] A idade máxima rexistrada por datos de recuperación de aves aneladas da especie C. cinclus foi 10 anos e 7 meses nun individuo anelado en Finlandia.[16] A idade máxima nun individuo da especie C. mexicanus foi de 8 anos e 1 mes nun individuo recuperado en Dacota do Sur.[17]
Emiten sons fortes e agudos, similares aos sons doutras aves de ríos rápidos; as frecuencias das chamadas están nun estreito intervalo entre 4,0 e 6,5 kHz, bastante por riba da frecuencia de ruído dos torrentes, que é de <2 kHz.[18] Os merlos rieiros tamén se comunican visualmente polo seu característico movemento de arriba a abaixo, así como lanzando sinais luminosos rapidamente expoñendo as plumas brancas das súas pálpebras superiores como unha serie de flashes brancos durante o cortexo ou as exhibicións de ameaza.[10]
Son aves completamente dependentes dos ríos de augas rápidas e claras, con comida accesible e sitios de nidificación seguros. Poden verse ameazados por calquera cousa que afecte a esas condicións que necesitan, como a contaminación da auga, acidificación e turbidez causada pola erosión. A regulación dos ríos pola construción de presass ou encoros, así como a canalización dos ríos, pode degradar e destruír o hábitat destes paxaros.[8]
Os merlos rieiros son ás veces cazados ou perseguidos doutros modos polos humanos por varias razóns. A raza de Chipre de C. cinclus está extinta. Nas montañas do Atlas a xente considera que os merlos rieiros teñen propiedades afrodisíacas. En partes de Escocia e Alemaña, ata o comezo do século XX, pagábanse recompensas por matalos debido á errada percepción de que facían diminuír os peixes nos ríos pola súa predación de ovos e crías de salmónidos.[8]
Malia todas as ameazas que sofren poboacións locais, o status de conservación da maioría das especies de merlos rieiros é considerado como pouco preocupante. A única excepción é o C. schulzii, que é clasificada como vulnerable debido a que as súas poboacións son pequenas, fragmentadas e en declive e está ameazada, especialmente na Arxentina, por cambios na xestión dos ríos.[19]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.