From Wikipedia, the free encyclopedia
A A crise de Agadir, ou Segunda Crise Marroquí, foi un incidente diplomático e militar que tivo lugar en 1911, entre Francia e Alemaña, causado polo envío dun canoneiro (buque lixeiro armado) da mariña alemá, o SMS Panther, á baía de Agadir en Marrocos.[1]
.
Foi unha breve crise internacional provocada polo despregamento dunha forza substancial de tropas francesas no interior de Marroos en abril de 1911. Alemaña non se opuxo á expansión de Francia, senón que quería unha compensación territorial. Berlín ameazou coa guerra, enviou un canoneiro e provocou aos nacionalistas alemáns. As negociacións entre Berlín e París solucionaron a crise: Francia tomou Marrocos como protectorado a cambio de concesións territoriais a Alemaña no Congo francés, mentres que España quedou satisfeita cun cambio nos seus límites co seu protectorado de Marrocos. Con todo, o gabinete británico alarmouse pola agresividade de Alemaña cara a Francia. David Lloyd George pronunciou un dramático discurso na "Mansion House" (a residencia oficial do Lord Maior da City de Londres) no que denunciou o movemento alemán como unha humillación intolerábel.[2] Falouse de guerra e Alemaña retrocedeu.[3] Porén, as relacións entre Berlín e Londres seguiron sendo tensas, e o incidente estivo a piques de desencadear unha guerra entre Alemaña e Francia, que podería ter ocasionado a primeira guerra mundial tres anos antes do seu comezo real.
A principios do século XX Francia, que administra Alxeria dedesde a súa conquista en 1830, estaba preocupada pola seguridade da súa fronteira con Marrocos. O sultanato de Marrocos era entón un dos últimos países non colonizados de África, e espertou o interese de varias potencias europeas, principalmente de Francia e o tamén do Imperio alemán, que consideraba ter un atraso na conquista de colonias.
En 1904, Francia e Gran Bretaña concluíron un acordo, chamado a Entente Cordiale, contra Alemaña: Francia deixa as mans libres á Gran Bretaña en Exipto e, a cambio, podería establecer un protectorado en Marrocos.
En mazo de 1905, para "recordar" as súas reclamacións en Marrocos, o káiser Guillerme II desembarcou en Tánxer onde se entrevistou co sultán Abd al-Aziz, provocando a primeira crise marroquí, ou crise de Tánxer, que provoca tensións entre as potencias europeas.[4][5][6] Para diminuír estas tensións connvócase, en 1906, en Alxeciras, unha Conferencia internacional.[7] Alemaña obtén un certo dereito de control sobre os asuntos marroquís, mentres que Francia e España obteñen dereitos específicos sobre Marrocos en termos de policía e banca.[8]
En marzo de 1911, o sultán Mulay Abd al-Hafid, ameazado por unha revolta, pide a Francia que lle bote unha man. En maio, as tropas francesas ocupan Rabat, Fez e Mequinez. Alemaña, preocupada polas súas reclamacións en Marroos, considera esta ocupación como unha violación da Acta de Alxeciras e decide reaccionar.
As tensións anglo-alemás eran moi altas neste momento, en parte debido á carreira armamentística entre a Alemaña imperial e a Gran Bretaña, incluíndo os esforzos alemáns para construíren unha frota de dous terzos do tamaño da Gran Bretaña. Alemaña tiña como obxectivo probar a relación entre a Gran Bretaña e Francia e, posiíbelmente intimidar a Gran Bretaña nunha alianza con Alemaña.[9]
En 1911 estalou unha rebelión en Marrocos contra o sultán Abdelhafid. A principios de abril, o sultán foi sitiado no seu palacio en Fez. Os franceses preparáronse para enviar tropas para axudar a sufocar a rebelión, baixo o pretexto de protexer vidas e bens europeos, despachando unha columna de tropas a finais de abril. O 8 de xuño, o exército español ocupou Larache e, tres días despois, Alcazarquivir.
O 1 de xullo o canoneiro alemán SMS Panther chegou ao porto de Agadir, baixo o pretexto de protexer os intereses comerciais alemáns. Os cruceiros de superior clase SMS Bremen chegaron días despois, substituíndo ao canoneiro.[10] Un civil alemán, Hermann Wilberg, que estaba a 110 km ao norte, viaxou cara ao sur para ser rescatado tres días despois polo Panther.[11] Isto provocou unha reacción inmediata dos franceses e dos británicos.
O goberno británico intentou frear a Francia para que non adoptara medidas precipitadas e disuadila de enviar tropas a Fez, pero fracasou. En abril, o Secretario de Asuntos Exteriores Sir Edward Gray escribiu: "o que os franceses queren facer non é sabio, pero non podemos interferir no noso acordo".[12] Sentiu que as súas mans estaban atadas e que tiña que apoiar a Francia.
Os británicos estaban moi preocupados pola chegada do Panther a Marrocos. A Royal Navy tiña unha base naval en Xibraltar, no sur de España. Crían que os alemáns querían converter a Agadir nunha base naval no Atlántico.[13] O Reino Unido enviou acoirazados a Marrocos, por se estalase unha guerra. Como na primeira crise marroquí, o apoio británico a Francia mostrou a forza da Entente Cordiale.
No medio desta crise, Alemaña foi golpexada por grandes turbulencias financeiras. O mercado de accións caeu nun 30 % nun só día, o público comezou a cobrar en moedas de ouro, e houbo carreiras aos bancos. O Reichsbank perdeu un quinto das súas reservas de ouro nun mes. Rumoreábase que o ministro de Finanzas francés organizara esta crise.[14] Ante a posibilidade de ser expulsado do padrón ouro, o Káiser retrocedeu e deixou que os franceses tomaran a maior parte de Marrocos.[Cómpre referencia]
O 7 de xullo o embaixador alemán en París informou ao goberno francés de que Alemaña non tiña aspiracións territoriais en Marrocos e que negociaría un protectorado francés baseado en "compensacións" para a Alemaña na rexión do Congo francés e na salvagarda dos seus intereses económicos en Marrocos. Os termos dos alemáns, presentados o 15 de xullo, mentres contiñan unha oferta para ceder a parte norte de Cameruún e Togolandia, exixiron a Francia todo o Congo francés desde o río Sangha até o mar, ao que máis tarde engadiu a transferencia de Francia do dereito á prevención do Congo belga.
O 21 de xullo David Lloyd George fixo un discurso na Mansion House, en Londres, onde declarou que o honor nacional era máis precioso que a paz: "Se a Gran Bretaña é tratada mal onde os seus intereses son vitalmente afectados, coma se ela non tivese ningunha conta no concerto das nacións, entón eu digo enfaticamente que a paz a ese prezo sería unha humillación intolerábel para que un gran país como o noso resista". O discurso foi interpretado por Alemaña como unha advertencia de que non podía impoñer un acordo irrazonable sobre Francia.[2]
O 4 de novembro as negociacións franco-alemás levaron a unha convención denominada Acordo franco-alemán,[15] baixo a cal Alemaña aceptou a posición de Francia en Marrocos a cambio dun territorio na colonia africana francesa do Congo Medio (hoxe República do Congo).
Este territorio, de 275.000 km2, coñecido polos alemáns como Neukamerun, pasou a formar parte da colonia alemá de Cameruún. Esta zona é en parte pantanosa, onde a enfermidade do sono (tripanosomíase africana) estaba xeneralizada, pero deu a Alemaña unha saída ao río Congo ao sueste de Fort Lamy (hoxe parte do Chad).
O conflito solucionouse co tratado de Fez, asinado en dita cidade o 30 de marzo de 1912, e polo cal o sultán Abdelhafid de Marrocos cedeu a soberanía do seu país a Francia, facendo del un protectorado.
Como parte do tratado, Alemaña recoñeceu as esferas de influencia francesas e españolas en Marrocos, recibindo a cambio territorios no Congo Medio (actual República do Congo), unha colonia da África Ecuatorial Francesa, os cales se converteron en parte do Camerún alemán.[16][17]
Por este tratado, o goberno de Marrocos —o sultán e os seus visires— perdeu a plena soberanía sobre unha boa parte do seu territoreio, que pasou aos protectorados francés e español (1912-1956) baixo a dependencia e a protección de Francia.
O 15 de xullo de 1912 foi aprobada unha lei polo Parlamento francés, e promulgada polo presidente da Terceira República Francesa da época, Armand Fallières.[16][18]
En canto á presenza de España en Marrocos, faise referencia a unha futura consulta entre os gobernos francés e español sobre os intereses de España, debido á súa posición xeográfica e ás súas posesións territoriais na costa marroquí.[16][17]
Case cinco meses máis tarde, o 12 de agosto de 1912, Moulay Hafid, no poder desde 1908, abdicou,[19] e foi substituído por Mulay Youssef.[20]), seu irmán, pai do futuro sultán Sidi Mohammed (1927), daquela de tres anos de idade e futuro rei Mohammed V, pouco despois do fin dos protectoradoss franés e español, en 1956.[21]
A colonia alemá do Camerún (xunto con Togolandia) foi capturada polos aliados no inicio da primeira guerra mundial.
Na historia da Europa Occidental, a crise de Agadir segue sendo o exemplo máis coñecido de diplomacia de barco.
O filósofo e historiador alemán Oswald Spengler afirmou que a crise de Agadir inspiroulle a escribir o seu The Decline of the West.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.