A coma ou vírgula[1][2] (,) é un signo de puntuación que sinala unha breve pausa que se produce dentro do enunciado.
Datos rápidos ,, Signos ortográficos ...
Pechar
- Este artigo trata sobre o signo de puntuación, para o estado de perda da conciencia véxase Coma (medicina).
No século III antes de Cristo, Aristófanes de Bizancio inventou un sistema de puntos (distinctiones) para separar versos e indicar a cantidade de aire que era preciso tomar para ler en voz alta o texto.[3] As distintas lonxitudes das pausas eran sinaladas por un punto inferior, medio ou superior. O punto medio ou media distinctio ( · ) equivalía ao concepto actual de coma.
O símbolo actual descenda da barra diagonal ou virgula suspensiva ( / ), empregada entre os séculos XIII e XVII para representar unha pausa. A coma moderna foi empregada por primeira vez por Aldo Manuzio.[4][5]
- Utilízase para separar os membros dunha enumeración, salvo os que veñan precedidos por algunha das conxuncións e, ou ou nin. Por exemplo:
- Teño cans, gatos, coellos e ratos.
- María volveu a casa, fixo os deberes, ceou e foise á cama.
- A coma entre oracións relacionadas entre si marca dentro do texto o final dunha delas e o comezo doutra:
- Os soldados saudaban, a xente aplaudía, e os nenos non paraban de cantar.
- As oracións subordinadas circunstanciais que preceden á principal deben de ser separadas desta por unha coma. No caso de que vaian inseridas no medio da principal deben de ir entre comas. Débese facer o mesmo cos complementos circunstanciais: Cando veñas outra vez á miña casa, chámame antes.
- Tamén se utiliza para delimitar unha aclaración ou inciso:
- Nacho, o meu curmán, acaba de conseguir o seu primeiro emprego.
- As locucións conxuntivas ou adverbiais, sexa cal for a súa posición, van precedidas e seguidas de coma, tales como: en efecto, é dicir, en fin, por conseguinte, no entanto, así a todo, porén e outras da mesma clase.
- Dáme iso axiña, é dicir, se che parece ben.
- Pasou unha má noite. Ao día seguinte, no entanto, aprobou o seu exame.
- O vocativo escríbese seguido de coma se vai ao principio da frase; precedido de coma se vai ao final; e entre comas se vai no medio.
- Carlos, ven aquí. Ven aquí, Carlos. ¿Sabes, Carlos, quen veu?
- Separa o suxeito do predicado cando se suprime o verbo: A mellor comida, o pan
- As oracións explicativas que van dentro doutras sepáranse entre comas: Esas mozas, que tanto saltan, chegaron tarde.
- No período adversativo, se antes da conxunción hai unha pausa, márcase cunha coma: Estou certo, pero non o sei demostrar.
- A coma utilízase como signo decimal en gran parte do mundo non anglosaxón. Por exemplo
- 3,14159
- No mundo anglosaxón e algúns países castelanfalantes, a coma emprégase en números grandes para separar os seus díxitos en grupos de tres, empezando pola dereita.
- $15,000,000
En Matemáticas a coma emprégase en moitos contextos:
- Separa as variables dunha función: f(x, y, z).
- Separa os elementos dun par ordenado, como as coordenadas dun punto ou dun vector.
- Separa os extremos dun intervalo: [2, 5].
- Indica os vectores que se operan nun produto mixto: .
Servizo de Normalización Lingüística; Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia (2006). Universidade da Coruña, ed. "A coma ou vírgula" (PDF). Criterios para o uso da lingua. A Coruña. p. 40.
Truss, Lynn (2004). Gotham Books, ed. Eats, Shoot & Leaves: The Zero Tolerance Approach to Punctuation. New York. p. 72. ISBN 1-59240-087-6.
Omniglot (ed.). "Latvian". Consultado o 27 de xaneiro de 2014.
Aoki, Haruo (1994). University of California, ed. Nez Perce Dictionary.