equipo galego de fútbol sala feminino From Wikipedia, the free encyclopedia
O Club Deportivo Burela Fútbol Sala Feminino, coñecido por motivos de patrocinio como Burela Pescados Rubén, é un equipo galego feminino de fútbol sala con sede en Burela. Dende 2009 xoga na Primeira División, sendo o club máis laureado da historia da competición, empatado a seis títulos co Futsi Navalcarnero e o Femesala Elche.
Burela Pescados Rubén | |
---|---|
Nome | Club Deportivo Burela Fútbol Sala Feminino |
Alcume(s) | Guerreiras Laranxas |
Fundación | 2008 |
Estadio | Estadio Municipal de Vista Alegre |
Capacidade | 1.200 |
Presidente | Manuel Blanco |
Adestrador | Julio Delgado |
Liga | Primeira División |
2020/21 | 1º |
Vestimenta | Joma |
Patrocinador | Pescados Rubén |
Na rede | |
http://www.burelafs.org | |
Fundouse en 2008 en Foz como a sección feminina do CD Burela FS, comezando a competir na Segunda División tras tomar os dereitos do Foz FSF e ascendendo a Primeira na súa primeira tempada.[1] Conta no seu palmarés con seis títulos de liga, seis Copas da Raíña e seis Supercopas de España.
O equipo xurdiu en 2008, cando o CD Burela FS decidiu crear unha sección feminina. Tomou os dereitos do Foz FSF, polo que estableceu a súa sede en Foz, e disputou a tempada 2008/09 na División de Prata. Logrou ese mesmo ano o ascenso despois de quedar en primeira posición no seu grupo, perdendo só 1 dos 26 partidos.[2] Ademais gañou a súa primeira Copa Galicia na súa primeira participación.
No seu debut na Primeira División, con Javier Pardeiro como adestrador, o Burela acabou sexto e clasificouse para a Copa de España, mentres que na tempada 2010/11 rematou cuarto. Nese momento o club cambiou a súa sede, instalándose en Burela, ao igual que o equipo masculino.[3]
Tras rematar en terceira posición na tempada 2011/12, o club conseguiu o seu primeiro título de liga ao ano seguinte, despois de perder só dous partidos durante a tempada.[4][5] Redondeou a campaña gañando tamén a Copa de España, tras derrotar na final ao Atlético de Madrid Navalcarnero por 6-1.[6] Tras a marcha de Pardeiro no verán de 2013,[7] o equipo quedou subcampión de liga na tempada 2013/14 e terceiro na seguinte, ata que conquistou un novo título de liga na 2015/16.[8] Neses anos xogou ademais tres finais de Copa, perdendo as tres fronte ao Navalcarnero, tónica que se rompeu en 2019, cando o Burela conseguiu vencer ao equipo madrileño na quenda de penaltis e gañou a súa segunda Copa.[9][10]
Na tempada 2019/20 o club mariñán comezou gañando a Copa das 4 Nacións, un torneo que enfrontou ás vencedoras das copas de España, Italia, Rusia e Ucraína;[11] venceu logo na Supercopa de España contra o Futsi Navalcarnero cunha grande actuación da nova fichaxe Jane Marqués;[12] gañou a súa terceira liga, na primeira edición con playoffs, despois de vencer ao AD Alcorcón FSF na final;[13] e pechou a tempada coa conquista do seu terceiro título de Copa tras derrotar na final ao Poio Pescamar FS por 1-0 cun gol de Elena Aragón.[14]
Na tempada 2020/21 o equipo reafirmou o seu dominio absoluto no fútbol sala español, revalidando os tres títulos. Comezou gañando a Supercopa de España por terceira vez, tras derrotar por 2-0 ao Poio Pescamar,[15] e en maio conquistou a súa terceira Copa da Raíña consecutiva, ao vencer na final ao Torreblanca Melilla por 3-1, grazas a dous goles da brasileira Dany e a un en propia meta do equipo melillense.[16] En xuño logrou o seu cuarto título de liga, derrotando na final ao Futsi Navalcarnero por 5-2, cun triplete de Ale de Paz.[17]
En decembro de 2021 o Burela sumou un novo título ao seu palmarés: o Futsal Women's European Champions. Aínda que de carácter non oficial, enfrontou no Pazo dos Deportes de Lugo aos campións de España, Italia, Portugal, Rusia e Ucraína.[18] O equipo laranxa desfíxose do MFC Normanochka ruso con dúas goleadas por 5-0 cada unha, pasando á final, onde se enfrontou ao Pescara italiano, ao que tamén goleou, esta vez por 6-0, facéndose así co título.[19][20] Xa en 2022, o Burela converteuse no único equipo en gañar catro Copas da Raíña consecutivas, ao derrotar ao Futsi Navalcarnero na quenda de penaltis da final disputada no Paco Paz de Ourense.[21]
Nº | Nome | Posición | Idade |
---|---|---|---|
1 | Jozi Oliveira | Porteira | (42 anos) |
3 | Dany | Pívot | (40 anos) |
4 | Sandra Buzón | Porteira | (28 anos) |
5 | Cristina | Pívot | (32 anos) |
6 | Cilene | Peche | (40 anos) |
7 | Peque | Á-Pívot | (37 anos) |
8 | Cami | Peche | (34 anos) |
9 | Jenny | Á | (32 anos) |
10 | Lara Balseiro | Á | (31 anos) |
13 | Lucía Paz | Porteira | (21 anos) |
14 | Bea Mateos | Á-Peche | (37 anos) |
17 | Ale de Paz | Á-Peche | (29 anos) |
19 | Elena Aragón | Á-Pívot | (29 anos) |
21 | Leti Martín Cortés | Á-Peche | (36 anos) |
23 | Cely | Á | (26 anos) |
|
Foi recoñecido nos Futsalplanet Awards do ano 2020 como o mellor club feminino do mundo.[22]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.