ceca imperial romana en Lión From Wikipedia, the free encyclopedia
A ceca de Lugdunum, coñecida tamén como segunda ceca imperial, foi un obradoiro monetario do Imperio Romano creado o 15 a. de C. na cidade de Lugdunum (a actual Lión), capital da Galia, a partir da reorganización do sistema monetario imperial por parte de Augusto.[2] Co tempo converteuse nunha das cecas máis salientables da antiga Roma e cuñou unha grande variedade de tipos de moeda romana.[3][4]
En Lugdunum comezou a funcionar un obradoiro monetario en 43 a. de C., o mesmo ano de fundación da cidade. As súas primeiras emisións producíronse baixo Lucio Munacios Planco (87 a. de C. 15 d. de C.) como gobernador da Galia. Cando en novembro de 43 a. de C., Marco Antoino toma o poder como gobernador da Gallia Comata (a Galia céltica transalpina), ordenou dúas emisións de quinarios de prata, a primeira en decembro dese mesmo ano e a segunda en xaneiro de 42 a. de C.[6] As sucesivas emisións entre os anos 40 e 36 corresponderon xa ao mandato de Agripa. En 36 a. de C. cuñáronse moedas de bronce cos bustos acaroados de Xulio César e de Octavio cunha proa de galera no anverso.[7] A partir do ano 40 coñécense tamén algunhas emisións a nome de Octavio.Este primeiro obradoiro foi promovido á categoría de ceca imperial por Octavio Augusto en 15 a. de C., e converteuse de camiño nunha das cecas máis importantes do Imperio. Viuse na obriga de ampliar as súas dimensións, co fin de poder pagar aos soldados estacionados na Galia e nas rexións do Rin, evitando así que se tivesen que transportar desde Roma grandes cantidades de diñeiro en moedas cuñadas nesa cidade.[8]
Entre 15 a. de C. e 64 d. de C., baixo os mandatos de Tiberio, Calígula, Claudio e Nerón, a ceca de Lugdunum foi a única de todo o Imperio Romano que cuñou moeda de ouro e de prata.[2] Con todo, non resulta doado atopar mostras de cuñaxes pertencentes a determinados períodos, como é o caso dos mandatos de Claudio ou de Nerón. O principal argumento a favor da existencia de cuñaxes de Lugdunum nestes períodos radica na perfecta continuidade do estilo entre as cuñaxes de ouro e de prata de Calígula e de Claudio. Ademais, moitas das moedas foron cuñadas no Santuario das tres Galias (Ara trium Galliarum), o que supón unha marca contundente da orixe destas cuñaxes.[9] Así e todo, algúns investigadores subliñan que a rareza dos exemplares coñecidos debilita tal argumento.[10]
É máis difícil confirmar a produción de moeda lionesa baixo Nerón, aínda que existe un consenso científico en atribuír a esta ceca todas as moedas divisionarias de bronce dotadas dun pequeno globo baixo a efixie do anverso.[11] E despois de Nerón, as certezas son cada vez menores, mais a maioría dos especialistas estiman que a produción de moeda baixo Nerón continuou no período de Galba.[12] Pola contra, non parece que houbese cuñaxe ningunha baixo Otón, que tería cuñado unicamente na ceca de Roma.[13]
Logo dun período sen actividade, o obradoiro monetario foi reaberto por Vitelio, para a cuñaxe de moedas de ouro e de prata.[14] Nese momento aparece un estilo moi definido, non só nesas moedas senón tamén nas de bronce. A certeza desta reapertura apóiase na cantidade de dupondios e de ases no territorio da antiga Galia, xa que semella pouco probable que outra cidade á parte de Lugdunun acollese a ceca nesta rexión.[13]
A ceca pechou en 78[2] e non reabriu máis que dun xeito efémero en 197, para cuñar unha serie monetaria a nome de Clodio Albino, procedente de Bretaña, que parou en Lugdunm para preparar o seu asalto contra Roma. A ceca tivo que reactivarse en pouco tempo para este mester e funcionou só durante uns meses.[16] A partir de aí, non foi ata o século III d. de C., baixo Aureliano (probablemente en 274), cando o obradoiro retomou o seu labor dun xeito regular, por mor da renovada actividade das lexións, ás que cumpría pagar en momentos tan convulsos. Nesa época, a ceca de Lugdunum retomou o seu papel capital na produción de moeda imperial. Porén, a partir de 294, o poder imperial decidiu establecer un novo obradoiro monetario en Augusta Treverorum (Tréveris), o que levou a ceca lionesa ao rango de obradoiro monetario complementario. A súa produción mantívose durante o século IV e ata o comezo do século V, cara a 413.
Estas son as denominacións das moedas cuñadas na ceca de Lugdunum en diversos momentos da súa historia:
A reforma levada a cabo por Diocleciano xeneralizou o uso das marcas de ceca para informar da procedencia das moedas, xeralmente presentes no exergo dos reversos. Estas son as máis frecuentes das utilizadas pola ceca de Lugdunum para as moedas de ouro, de prata e de bronce, en función da época:[4][24]
Período | Ouro | Prata | Bronce |
---|---|---|---|
256-294 | Sen marca | Sen marca | L, LVG, SML |
300-310 | LC | ||
313-350 | LG | ||
336-392 | LVG | ||
340-351 | LG | ||
340-375 | LVG | ||
348-363 | FOLG, GPLG, LPLG, PPLG, MPLG, RPLG | ||
351-353 | NLVG | SPRLG | |
353-367 | SMLVG | LG | |
360-363 | LVGD | LVGDOFF | |
360-418 | LVG, LVGV | ||
367-375 | SMLAP | LVGA, LVGP,LVGPR, LVGS | |
378-395 | LVGPS | ||
388-411 | COM | ||
417-418 | COMB | LDPS, LDPV, SMLD |
O establecemento monetario non deixou rastro arqueolóxico ningún. Podería estar situado nas proximidades do lugar onde se estableceu a gornición romana. De feito, a inscrición epigráfica da tumba dun lexionario revelou que este fora asignado á cohors XVII lugdunensis ad monetam, e tal expresión suxire o papel particular desa cohorte, como garantía da seguridade do obradoiro monetario.[25]
Malia a ausencia de datos arqueolóxicos concluíntes, é plausible relacionar as instalacións da ceca co outeiro de Fourvière, no actual distrito lionés de Saint-Just. A coñecida como Grotte Bérelle (unha gran cisterna soterrada de orixe galo-romana, cuns 440 m3 de capacidade) podería ter sido a reserva de auga para a cohorte urbana asignada á seguridade da ceca. [26]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.