Remove ads
parroquia civil do concello de Vigo From Wikipedia, the free encyclopedia
Santa María de Castrelos é unha parroquia do concello de Vigo. Ten 15 entidades de poboación, 11 lugares e segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 7.897 habitantes (3.860 homes e 4.037 mulleres).
Castrelos | |
---|---|
Concello | Vigo[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°12′31″N 8°43′31″O |
Poboación | 7.897 hab. (2022) |
Entidades de poboación | 15[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
As súas entidades de poboación son as seguintes: Castreliños (125), A Chantada (220), A Costa (205), A Falcoa (539), A Galindra (150), Macal (295), Pardarilla (200), Pazó (506), Pereiró (4.388), Portoloureiro (257), Pousa (105), Pousa de Abaixo (124), Ribadavia (155), A Telleira (249) e Viloura (331).
Os lugares (que xeralmente forman parte dalgunhas das entidades): Alvite, Campiño, A Canicouva, O Cocho, Eixón, A Igrexa, Monte da Serra, Nogueira de Abaixo, Pasales, Seixo e Xiña.
Limita coas parroquias de Beade, Coia, Freixeiro, Matamá e Sárdoma e pertence ó arciprestado de Vigo-Santo André.
Ten a súa orixe na propiedade particular do marqués de Valadares que adquiriu as terras para expansión dos seus dominios e dárllelas en arrendamento a colonos. O granito destas terras constituía a súa principal fonte de riqueza, destacando as canteiras de Serra e Porto Loureiro.
O parque urbano máis grande de Vigo (Parque de Castrelos) está nesta parroquia, cunha extensión de 22.000 metros cadrados. Nel atópase o Pazo Quiñones de León (reconvertido en museo) rodeado duns grandes xardíns que limitan co río Lagares. O pazo ten a súa orixe na Torre de Lavandeira, abandonada trala retirada do exército portugués entre os anos 1665 e 1670. O antigo edificio fora tributario da Orde do Temple, converténdose en torre no século XVI.
No parque de Castrelos tamén se atopa un antigo auditorio ó aire libre (que aproveita a pendente natural do terreo) que se utiliza para a celebración de concertos e festivais no verán.
A igrexa de Santa María de Castrelos (de estilo románico) foi consagrada no 1216. Destaca a rica ornamentación da súa porta occidental. Na zona consérvanse ademais unha ponte medieval e un cruceiro (Cruceiro da Costa) do século XVII. A casa parroquial é unha torre do século XIII.
A ponte de Castrelos atópase xa mergullada pola cidade. Trátase dunha pontiña medieval que atravesaba o río Lagares. Hoxe atópase entre as rúas de Castrelos e Alcalde Portanet, preto do Parque de Castrelos.
Cóntase que xunto á igrexa de Castelos houbo unha cova cun pasadizo que remataba no Pazo de Castrelos. Nesa cova, os mouros agocharon os seus tesouros e asegúrase que algún veciño entrou na cova para facerse con eles, pero só atopou ósos e armas (que se supón proviñan de fuxidos da Guerra Civil). A cova foi posteriormente tapiada.
Máis coñecida é a lenda da ferrería que había fronte á porta sur da igrexa de Santa María. O ferreiro era unha persoa maior e casou cunha moza nova de extraordinaria beleza. Polo si ou polo non, o ferreiro estaba cheo de celos e prohibía á súa dona saír de casa, permitíndolle unicamente ir á misa pero colocándose ante a porta, de modo que el podía vixiala. Así viviron ata que un día, estando ela na igrexa, achegouse ó home unha meiga murmurando que a muller lle era infiel. O home alporizouse de tal forma que colleu un ferro que tiña na forxa e dirixiuse onda ela con toda a intención de marcarlle a cara e afeala para sempre. Pero cando ía entrar na igrexa, a Virxe obrou o milagre de pechar e tapiar a porta, salvando así á muller. O milagre, ademais, puxo de manifesto as mentiras que lle contara a meiga.
O 2 de febreiro celébrase a romaría da Candelaria e, a derradeira semana de maio, a Festa das Flores, aínda que hoxe por hoxe só se celebra a romaría da Candelaria.
Lugares da parroquia de Castrelos no concello de Vigo (Pontevedra) | |
---|---|
Alvite | Campiño | A Canicouva | Castreliños | A Chantada | O Cocho | A Costa | Eixón | A Falcoa | A Galindra | A Igrexa | Macal | Monte da Serra | Nogueira de Abaixo | Pardarilla | Pasales | Pazó | Pereiró | Portoloureiro | Pousa | Pousa de Abaixo | Ribadavia | Seixo | A Telleira | Viloura | Xiña |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.