Casa da Moeda de Perth
ceca pública australiana From Wikipedia, the free encyclopedia
ceca pública australiana From Wikipedia, the free encyclopedia
A Casa da Moeda de Perth (en inglés: Perth Mint) é unha ceca propiedade do Goberno de Australia Occidental dedicada á cuñaxe e á comercialización de moedas e lingotes de investimento en metais preciosos.[1][2][3][4]
Casa da Moeda de Perth –Perth Mint– | |
---|---|
Edificio da Casa da Moeda de Perth | |
Tipo | Compañía estatal. |
Fundación | 20 de xuño de 1899. |
Matriz | Goberno de Australia Occidental. |
Localización | 310 Hay Street, East Perth. Perth Australia |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas de investimento e lingotes. |
Notas | |
Marca de ceca: P | |
Na rede | |
https://www.perthmint.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A compañía fundouse en 1899, como unha das tres filiais australianas da ceca real da metrópole, a Royal Mint de Londres (xunto coas extintas Sydney Mint e a Melbourne Mint), para se encargar da cuñaxe de soberanos e medios soberanos para o Imperio Británico.[2][3][4][5][6]
A Casa de Moeda de Perth actúa en paralelo á Real Casa da Moeda de Australia, con sede en Camberra, que desde 1965 se encarga da cuñaxe da moeda circulante no país, do sistema do dólar australiano.[7]
Logo da colocación da primeira pedra en 1896 por parte do primeiro gobernador da Australia Occidental, John Forrest, o edificio da casa de moeda, obra do arquitecto George Temple Poole, inaugurouse o día 20 de xuño de 1899, dous anos antes do establecemento da Federación de Australia, en 1901.[4][6][8]
Naquel momento, a poboación da Australia Occidental estaba a crecer rapidamente (de 23.000 en 1869 a 180.000 en 1900) debido en gran parte á descuberta de diversas veas de ouro naquela zona, sinaladamente en Coolgardie e Kalgoorlie.[6] Ao haber pouca moeda en circulación en Perth, os buscadores de ouro debían acudir á casa da moeda para converter o mineral bruto en moeda cuñada coa que adquiriren os bens que precisaban.[4]
Aínda que a proclamación da Federación Australiana se produciu en 1901, a casa de moeda mantívose baixo xurisdición británica ata o 1 de xullo de 1970, cando pasou a constituírse como unha compañía dependente do Goberno de Australia Occidental.[4][6]
Entre 1899 e 1931, a Casa da Moeda de Perth cuñou máis de 106 millóns de soberanos de ouro e arredor de 735.000 moedas de medio soberano (estas de xeito intermitente entre 1900 e 1920), para a súa circulación non só en Australia, senón en todo o Imperio Británico.[6] En 1931 cesou a cuñaxe de soberanos cando o Reino Unido abandonou o padrón ouro e, a partir dese momento, a actividade da ceca seguiu centrada nos labores de refinaxe e na elaboración de barras e lingotes de ouro. Mais a partir de 1940, logo do inicio da segunda guerra mundial, a ceca retomou a cuñaxe de moeda e, ata 1973, produciu unha gran parte das moedas circulantes en Australia en metais básicos, correspondentes aos valores faciais máis baixos.[4][6]
A Perth Mint acadou en 1957 o que se considerou como o ouro máis puro posible, cando fabricou unha placa de 13 onzas troy (400 gramos) con seis noves de pureza, é dicir 999,999 partes de ouro por cada mil.[9] Esta consecución foi moi recoñecida pola Royal Mint, ata o punto de que solicitou unha parte deste ouro como referencia para o establecemento dos seus propios padróns.[6]
En 1987, unha lei estatal aprobada polo Parlamento creou a compañía pública Gold Corporation, que, en virtude dun acordo co Departamento do Tesouro da Commonwealth de Australia, autorizaba a Casa da Moeda de Perth a cuñar e a comercializar moedas de prata, de ouro e de platino destinadas ao coleccionismo numismático e ao investimento.[10]
Ese mesmo ano de 1987 emitiuse a serie de moedas de ouro coñecida como Australian Gold Nugget, substituída en anos posteriores pola Australian Gold Kangaroo[11]. Estas series foron seguidas por outras tan populares como a Australian Silver Kookaburra[12], de moedas de prata, ou a Australian Lunar,[13][14] con moedas de ambos os metais.[6]
Ata 2000, a produción de ouro refinado da Perth Mint ascendía a 4.500 toneladas, o que representaba o 3,25% do total de ouro refinado no mundo. Isto supuña aproximadamente as existencias de lingotes de ouro do depósito dos Estados Unidos en Fort Knox naquel momento.[4]
En 2003, a compañía inaugurou unhas modernas instalacións de produción de 8.400 metros cadrados ao pé do orixinal edificio de pedra calcaria sede da corporación.[6]
En outubro de 2011 a ceca anunciou a creación da moeda máis grande, máis pesada e máis valiosa do mundo, co que rachaba co anterior récord acadado en 2007 pola Real Casa da Moeda do Canadá.[15][16] A moeda australiana, que amosa a data de 2012, mide aproximadamente 80 centímetros de diámetro e 12 de grosor, pesa máis dunha tonelada (1.012 quilogramos) e está feita en ouro puro, de 99,99 milésimas. No seu anverso amosa o busto da Raíña Isabel II e no reverso un canguro vermello, animal característico de Australia. Consonte a lei, a moeda é de curso legal en Australia, cun valor facial dun millón de dólares, aínda que no momento da súa emisión xa estaba valorada en 53 millóns e medio.[17]
A Casa da Moeda de Perth continúa a ofrecer servizos de refinaxe e outros relacionados coa produción de ouro, e fabrica unha diversidade de artigos numismáticos, coa mirada posta tanto nos coleccionistas como nos investidores. É a responsable da manufactura e da comercialización da maioría das moedas australianas cuñadas en metais preciosos, entre as que destacan as actuais series Australian Gold Nugget[11], Australian Platinum Koala[19], Australian Silver Kookaburra[20] e Australian Swan (en ouro e prata)[21], así como de lingotes deses metais.[4] En novembro de 2019, a ceca refinaba aproximadamente o 79% da produción de ouro do mercado australiano e o 30% da prata, nunhas instalacións dotadas de grandes medidas de seguridade situadas na periferia da cidade.[22] A orixe do ouro manufacturado non só está en Australia, senón en diversos países do mundo, e supón un 10% da produción mundial. En 2018 vendeu moedas e lingotes de prata, de ouro e de platino por un valor de arredor de 19.000 millóns de dólares.[23]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.