Cartago Nova

From Wikipedia, the free encyclopedia

Cartago Nova

Cartago Nova foi o nome da cidade de Cartaxena desde a conquista romana até a dominación bizantina no século VI, cando mudou o nome polo de Carthago Spartaria.

Thumb
Augusto togado. Museo do Teatro Romano.
Thumb
Lingotes de chumbo procedentes das minas de Cartago Nova.
Datos rápidos Tipo, Localización ...
Cartago Nova
(la) Colonia Iulia Urbs Nova Carthago
(la) Carthago Nova
Thumb
Tipocolonia romana
cidade antiga
Localización
División administrativaHispania Citerior, Roma Antiga, Tarraconense, Roma Antiga, Cartaxinense, Roma Antiga e Cartaxena, España
Thumb
 37°36′00″N 0°59′00″O
Historia
Data de creación ou fundación227 a. C.
Período de tempoantigüidade clásica
Actividade
FundadorAsdrúbal o Belo
Pechar

Historia

Orixe

Cartago Nova foi fundada ao redor do ano -227. co nome de Qart Hadasht (Cidade Nova) polo xeneral cartaxinés Asdrúbal o Belo, xenro e sucesor do xeneral Hamílcar Barca, pai de Haníbal. Cartago Nova foi a máis importante das cidades da península, debido a unha posición forte e unha muralla ben construída, e estaba provista de portos, lagoas e minas de prata.[1] En Cartago Nova e nas cidades circundantes existiu a salgadura en abundancia, e foi o principal emporio para as mercadorías que viñan do mar destinadas aos habitantes do interior, e para os produtos do interior destinados aos estranxeiros.

Con todo, semella que a cidade non foi fundada ex novo, senón que se fixo sobre un asentamento anterior ibérico ou tartésico. Hai constancia de intercambios comerciais cos fenicios dende o século VIII a. C. ao longo de toda a costa. Ademais, tradicionalmente asociouse Cartaxena coa cidade de Mastia mencionada polo poeta grecolatino Avieno na obra chamada Ora maritima (que recollía as noticias máis antigas conservadas sobre a Península Ibérica), e tamén citada no segundo tratado romano-cartaxinés no ano 348 a. C. como Mastia Tarseion (Mastia dos Tartesios).

Toda a actual costa de Cartaxena e Mazarrón era extraordinariamente cobizada na antigüidade polos seus importantes xacementos minerais de chumbo, prata, cinc e outros minerais. A explotación e comercialización de minerais das minas de Cartaxena e Mazarrón está documentada dende tempos dos fenicios.

Trala primeira guerra púnica, os cartaxineses perderon a súa principal propiedade no Mediterráneo: a illa de Sicilia. O único xeneral invicto deste enfrontamento cos romanos, Hamílcar Barca, marchou á Península Ibérica coa intención de formar un dominio persoal dos Bárcidas —dos que el era cabeza— separado, en certo grao, do control do Senado de Cartago; convertendo a Cartago Nova no centro das súas operacións militares e permitíndolle, a maiores, o control das riquezas mineiras do sueste da península. Trala morte de Hamílcar nun enfrontamento con tribos hispánicas, o seu fillo Haníbal ocupou o seu posto coa intención de preparar un exército o suficientemente poderoso para se enfrontaren aos romanos. Qart Hadasht, converteuse así na principal cidade dos cartaxineses na península e dela partiu Haníbal, cos elefantes, na súa soada expedición cara a península italiana que o levaría a cruza-los Alpes, no comezo da segunda guerra púnica no ano 218 a. C.

Conquista romana e período republicano

Thumb
Altar de Xúpiter atopado no teatro romano. Museo do Teatro Romano.

Non hai dúbida, que o primeiro interese de Roma en Hispania foi o de tirar proveito das súas lendarias riquezas minerais, entre as que se atopaban moi especialmente os xacementos minerais da serra mineira de Cartaxena e Mazarrón, en mans de Cartago.

O xeneral romano Escipión o Africano tomou Qart Hadasht no ano 209 a. C., rebautizándoa co nome de Cartago Nova en calidade de civitas stipendaria (comunidade tributaria); posteriormente, recibiu o dereito latino baixo Xulio César e, finalmente, converteuse en colonia de dereito romano no ano 44 a. C.[2] O asentamento chego a se converter nunha das cidades romanas máis importantes de Hispania.[3] A cidade, nos primeiros momentos, pasou a depender administrativamente da provincia de Hispania Citerior.

Alto Imperio

O esplendor romano da cidade de Cartago Nova baseouse, fundamentalmente, na explotación das minas de prata e chumbo da serra mineira de Cartaxena-A Unión. Nos arredores de Cartaxena e Mazarrón víñase estraendo mineral dende os tempos dos fenicios, e Roma continuou coa explotación das minas estraendo mineral en grandes cantidades, facendo traballar nelas a un número de escravos cuxa cifra oscilaba ao redor dos 40 000.

No ano 44 a. C., a cidade recibiu o título de colonia baixo a denominación de Colonia Vrbs Iulia Nova Carthago (C.V.I.N.C), formada por cidadáns de dereito romano.

Augusto no 27 a. C. decidiu reorganizar Hispania, de xeito que a cidade foi incluída na nova provincia imperial Hispania Tarraconensis.

Da época republicana conservábase na cidade un anfiteatro romano. Con todo, é durante o mandato de Augusto, cando a cidade foi sometida a un ambicioso programa de urbanización e monumentalización, que incluíu, entre outras intervencións urbanísticas, a construción dun impresionante teatro romano e un foro de grandes dimensións.

Entre os mandatos de Tiberio e Claudio, a Tarraconensis foi dividida en sete conventus iuridicus, sendo un destes o Conventus Iuridicus Carthaginensis cuxa capital se atopaba na cidade.

A partir do século II, do mesmo xeito que ocorriu con outras cidades de Hispania, prodúcese un lento declive económico e demográfico na cidade que fai que todo o sector oriental da cidade quedase abandonado, incluíndo o foro construído na época de Augusto, quedando a cidade reducida ao sector que vai desde o cerro da Concepción ao Molinete. Unha das causas do declive da cidade parece que se debeu ao esgotamento da explotación mineira.

Baixo Imperio: creación da provincia Cartaxinense

Thumb
Mozo con clámide procedente do foro romano. Museo Arqueolóxico de Cartaxena
Thumb
Rea Silvia. Museo do Teatro Romano

Este declive viuse freado cando no ano 298, o emperador Diocleciano dividiu a Tarraconense en tres provincias, e constituíu a provincia romana Cartaxinense, establecendo a capital en Cartago Nova.

Unha gran parte do sector oriental da cidade foi reurbanizado empregando materiais procedentes dos edificios construídos durante o mandato de Augusto como, por exemplo,no mercado monumental, construído sobre os restos do teatro romano aproveitando materiais deste, ou nas termas da rúa Fonda.

A actividade comercial da cidade reorientouse á fabricación do garum, salsa de pasta de peixe fermentada, da que se atoparon numerosos restos de explotacións por toda a costa. Un exemplo do cambio de actividade económica da minería á fabricación de garum deuse na vila romana do Paturro.

Cara ao 425, a cidade foi arrasada e saqueada polos vándalos antes de pasar estes a África.

A cidade debeu reporse do ataque vándalo dalgunha maneira, pois en 461, o emperador Maioriano reuniu na cidade unha frota de 45 barcos coa intención de invadir e recuperar para o Imperio o Reino vándalo do norte de África. A batalla de Cartaxena saldouse cunha gran derrota da armada romana, que foi totalmente destruída.

Antigüidade tardía

Artigo principal: Carthago Spartaria.

Tras ser saqueada polos vándalos cara a 439, e trala caída do Imperio romano de Occidente no 476, a cidade pasou a poder visigodo, aínda que mantendo unha poboación fortemente romanizada. No marco das guerras civís visigodas, a metade do século VI unha facción pediu axuda ao emperador bizantino Xustiniano I, quen, tras unha curta campaña, conquistou unha franxa importante do sur de Hispania e converteu a cidade en capital da provincia de Spania co nome de Carthago Spartaria, e o bispado de Cartaxena converteuse en sede metropolitana.

Arqueoloxía

Xacementos

  • Anfiteatro romano. De época republicana, atópase baixo a actual praza de touros. Pódese ver moi parcialmente parte das estruturas. En 2009, levouse a cabo a súa escavación e musealización.
  • Augusteum e foro romano. Edificio romano sede dos sacerdotes dedicados ao culto do emperador. Século I d. C.
  • Canteiras romanas.
  • Casa da Fortuna. Vivenda romana do século I a. C. Destacan as súas pinturas murais e mosaicos.
  • Barrio e museo do foro romano. Conxunto de edificios romanos descubertos en 1968. É visitable un tramo de calzada, o decumano máximo da cidade, parte dunhas termas baixoimperiais, un edificio colexial e un santuario dedicado á deusa Isis. No outono de 2020 está prevista a apertura dun novo museo do foro romano de Cartago Nova.
  • Teatro romano. Descuberto en outubro de 1988, é un dos máis grandes da Hispania romana.
  • Torre Cega. Monumento funerario romano do século I d. C. Chamada así por carecer de vans.
  • Vila romana do Paturro, en Portmán.

Museos

A maior parte dos restos arqueolóxicos relacionados con Cartago Nova atópanse nalgún destes museos:

  • Museo Arqueolóxico Municipal.
  • Museo Nacional de Arqueoloxía Subacuática.
  • Museo do Teatro Romano. Inaugurado en 2008.
  • Museo Foro Romano Molinete.Inaugurado en 2021.
  • Museo Arqueolóxico da Unión. Na vila de Portmán.

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.