Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Círculo de Belas Artes (CBA) de Madrid é unha entidade cultural privada sen ánimo de lucro localizada na rúa Alcalá e fundada en 1880. Desde 1921 está declarado Centro de Protección das Belas Artes e de Utilidade Pública. É un centro multidisciplinar, no que se desenvolven actividades que abranguen desde as artes plásticas ata a literatura, pasando pola ciencia, a filosofía, o cine ou as artes escénicas.[1][2]
Círculo de Belas Artes de Madrid | |
---|---|
Tipo | institución cultural, organización e institución educativa |
Data de fundación | 1880 |
Presidente/a | Juan Miguel Hernández León (pt) (1995-) |
Director/a | Valerio Rocco Lozano |
Premios | Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes |
Sede | Círculo de Bellas Artes |
En | Comunidade de Madrid |
País | España |
40°25′06″N 3°41′48″O | |
Na rede | |
http://www.circulobellasartes.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O CBA fundouse en 1880 grazas aos esforzos dun reducido grupo de artistas. Durante os primeiros anos do século XX pasaron pola directiva da institución personaxes salientables da vida social e cultural da época, como o premio Nobel Jacinto Benavente ou o dramaturgo Carlos Arniches, mentres o rapaz Picasso asistía como alumno ás súas clases de pintura e Ramón María del Valle-Inclán frecuentaba os seus salóns.
En 1983 produciuse un auténtico proceso de refundación do CBA, grazas ao impulso da Asociación de Artistas Plásticos, que agrupaba algúns dos máis importantes creadores españois. O CBA abriuse ao público madrileño e ás correntes culturais internacionais e iniciou un proceso de expansión e reorganización.
Desde a súa creación, desenvolveu un importante labor de alcance internacional no campo da creación, a difusión e a xestión cultural, e considérase un dos centros culturais privados máis importantes de Europa.
As diversas actividades que ao longo do tempo tiveron lugar no CBA xeraron un importante e variado fondo patrimonial.
A sede do CBA posúe en si mesma un senlleiro valor arquitectónico. Salienta entre os edificios lindeiros pola súa imaxe urbana e monumental, a súa ecléctica volumetría e o espectacular tratamento das súas fachadas, cuxa ornamentación correu a cargo de coñecidos artistas da época.
Doutra banda, o CBA conta cun considerable patrimonio artístico: máis de 1.200 pezas de pintura, escultura, gravado, debuxo e cerámica, así como numerosos obxectos de moblaxe. Pola súa vez, o fondo bibliográfico e documental do CBA contén o legado da galerista Juana Mordó, con máis de 3.000 libros e unha colección de 150 libros autógrafos. Ademais, o CBA conta cun gran fondo de revistas de temática artística e unha notable colección de documentos históricos.
O edificio, situado na confluencia das rúas Alcalá e Gran Vía, é obra do arquitecto galego Antonio Palacios Ramilo e foi construído a comezos da década de 1920. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1981. Ademais do Círculo de Belas Artes, ao longo da súa historia o edificio foi sede doutras instuticións: no comezo da Guerra Civil Española no seu soto instalouse un centro de detención pertencente ao Comité Provincial de Investigación Pública (CPIP)[3]; tras o final da contenda, acolleu durante algún tempo a sede do Servizo Exterior da Falanxe, antes de recuperar a súa función orixinal[4]. O eirado do edificio do Círculo de Belas Artes amosa unha perspectiva única de Madrid. Situado a 56 metros de altura, ofrece aos seus visitantes unha das máis espectaculares vistas da cidade. É posible acceder ao eirado desde o vestíbulo: un ascensor con portas de cristal permite o acceso a este privilexiado espazo.[5]
O edificio está coroado pola escultura Minerva, de Juan Luís Vassallo, unha peza que representa a deusa romana da sabedoría e a arte, símbolo do Círculo desde a súa fundación.[6]
A espectacularidade do edificio foi aproveitada en diversas ocasións pola industria audiovisual:
O obxectivo principal do CBA é difundir as principais manifestacións artísticas e culturais desde unha perspectiva plural. No centro teñen lugar arredor dun milleiro de actos anuais, coordinados por diferentes áreas: exposicións, conferencias, seminarios, obradoiros, concertos, representacións de teatro e danza, publicacións, cine, etc.
O presidente e a xunta directiva encárganse da escolla do cadro de persoal, á fronte da cal se atopa o director da institución.
O financiamento do CBA é mixto. Por unha banda existe un consorcio, cuxos membros realizan achegas económicas á entidade e que na actualidade está integrado pola Comunidade de Madrid, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o Concello de Madrid e Iberia Liñas Aéreas de España. Doutra banda, o CBA acorda colaboracións e convenios específicos con outras institucións públicas e empresas privadas españolas e internacionais.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.