tipo de células que dan soporte ás células dos túbulos seminíferos dos testículos From Wikipedia, the free encyclopedia
As células de Sertoli son un tipo de células que dan soporte estrutural e metabólico ás células dos túbulos seminíferos dos testículos. Encóntranse no interior dos túbulos seminíferos, envolvendo as células xerminais e formando a barreira hematotesticular. As súas funcións coñecidas inclúen a fagocitose dos restos celulares producidos durante a diferenciación das células xerminais, sustento físico do proceso de diferenciación, formación da mencionada barreira hematotesticular e mantemento do microambiente tubular para a axeitada proliferación e diferenciación das espermatogonias primitivas e para a produción de espermatozoides.
A célula é activada pola hormona estimulante dos folículos (FSH), xa que ten na súa membrana o receptor FSH.
As células de Sertoli levan o nome do seu descubridor, o fisiólogo italiano Enrico Sertoli,
A súa principal misión é a nutrición das células espermáticas en desenvolvemento que están experimentando a espermatoxénese. Durante a fase de maduración da espermioxénese, as células de Sertoli actúan tamén como fagocitos consumindo as porcións citoplasmáticas residuais innecesarias dos espermatozoides en maduración. O desprazamento das células xerminais desde a base ao lume dos túbulos seminíferos ten lugar grazas a cambios conformacionais das marxes laterais das células de Sertoli. As células de Sertoli únense ás espermatogonias por medio de N-cadherinas.
As células de Sertoli secretan tamén varias proteínas.
As células de Sertoli secretan as seguintes substancias:
A barreira hematotesticular está formada por unións herméticas de células de Sertoli que illan inmunoloxicamente os compartimentos nos que ten lugar a espermatoxénese. Esta barreira é dinámica, xa que se remodela, e permite a migración de espermatocitos desde a zona basal á adluminal, e non pode ser atravesada por células pertencentes ao sistema inmunitario como os linfocitos. Os complexos de unión que forman parte desta barreira empezan a aparecer na puberdade, cando as células de Sertoli deixaron de se dividir e comezaron a actividade meiótica, o que inclúe a aparición dos antíxenos específicos de células meióticas e haploides que o sistema inmunitario pode recoñecer, polo que cómpre o seu illamento. O túbulo queda dividido en dous compartimentos: un basal coas espermatogonias e espermatocitos preleptoteno (de leptoteno, fase da meiose) e outro adluminal coas células xerminais postmeióticas. Como a barreira é dinámica, as células xerminais poden migrar. Ademais estas van depender unicamente das células de Sertoli para a súa nutrición, debido ao seu illamento.
O proceso de diferenciación dunha espermatogonia en espermatozoide tarda aproximadamente 74 días. Durante este tempo as células de Sertoli verten nutrientes e metabolitos ao lume dos cales dependen as células xerminais, xa que non teñen contacto ningún con vasos sanguíneos e intersticios debido ao seu illamento pola barreira hematotesticular. As células de Sertoli controlan a entrada e saída dos túbulos do testículo de nutrientes, hormonas e outras substancias, ademais de illar inmunoloxicamente a zona.
Suxeriuse que as células de Sertoli poden derivar do mesonefros.[2]
Unha vez completamente diferenciadas, as células de Sertoli xa non poden proliferar. Por tanto, cando empeza a espermatoxénese non se poden formar máis células de Sertoli.
Porén, atopouse recentemente un modo de cultivar estas células fóra do corpo. Isto pode dar lugar á posibilidade de reparar algúns defectos que causan infertilidade masculina.
Nas preparacións con tinguiduras estándar, é fácil confundir as células de Sertoli coas outras células do epitelio xerminal. A característica máis distintiva das células de Sertoli é o seu nucléolo intensamente tinguido.[3]
A célula de Sertoli apoia na lámina basal e esténdese ao longo de todo o epitelio do túbulo seminífero ata a superficie do mesmo. Presenta moitas prolongacións delgadas laterais que rodean as células espermáticas e enchen os intersticios entre elas. Núcleo ovoide ás veces con pregamentos e nucléolo moi grande. Citoplasma con numerosas mitocondrias alongadas, retículo endoplasmático liso grande en posición basal e o rugoso é menor, aparato de Golgi grande e lisosomas e algunhas gotas lipídicas ou gránulos de lipofuscina. Filamentos e microtúbulos do citoesqueleto abundantes. As células de Sertoli humanas presentan unhas inclusións características chamadas cristaloides de Charcot-Böttcher, que son estruturas finas fusiformes formadas por filamentos densos [4].
Existe un tipo de tumor chamado tumor de células de Sertoli-Leydig.
As células de Sertoli reciben ese nome polo seu descubridor o fisiólogo italiano Enrico Sertoli, que as describiu en 1865 cando estaba estudando medicina na Universidade de Pavia, Italia.[5]
Na súa publicación de 1865, utilizou o termo "células arbóreas" ou "células fibrosas" e describiunas como células nutritivas. A utilización por outros científicos do nome "célula de Sertoli" en publicacións comezou en 1888.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.