Lipofuscina

composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia

Lipofuscina

A lipofuscina é o nome que reciben certos gránulos celulares dun pigmento de cor amarela-castaña finamente granular, que están compostos de residuos principalmente de contido lipídico resultantes da dixestión lisosómica. Considérase que é un dos pigmentos que se orixinan coa idade, que se encontra no fígado, riles, músculo cardíaco, retina, glándulas adrenais, neuronas, e células ganglionares. Coa idade orixina manchas na pel chamadas lentigo solar ou senil[1] Acumúlase arredor do núcleo das células, e é un tipo de lipocromo. Presenta fluorescencia en bandas próximas aos 400 nm.[2][3]

Thumb
Micrografía na que se mostra a lipofuscina, de cor castaño/amarelo, nunha biopsia de fígado con GGH; tinguidura de hematoxilina-eosina.

Formación e reciclaxe

A lipofuscina considérase que é principalmente o produto da oxidación/polimerización de ácidos graxos insaturados e proteínas[4], e pode ser sintomática de danos na membrana, ou danos nas mitocondrias ou nos lisosomas. Ademais do seu grande contido lipídico, a lipofuscina contén tamén azucres, e metais, como aluminio, ferro, cobre cinc e mercurio.[5]

A acumulación de materiais de tipo lipofuscina pode ser o resultado dun desequilibrio entre os seus mecanismos de formación e eliminación: Esta acumulación poode ser inducida en ratas administrando un inhibidor da protease, como a leupeptina; despois dun período de tres meses, os niveis de materiais similares á lipofuscina volven ao normal, o que indica que actuou un mecanismo de eliminación significativo.[6] Porén, este resultado é controvertido, xa que é cuestionable que o material inducido pola leupeptina sexa verdadeira lipofuscina.[7][8] Hai probas de que a "verdadeira lipofuscina" non é degradable in vitro;[9][10][11] e non está claro se estes resultados se producen tamén in vivo en longos períodos de tempo.

Relación con doenzas

Thumb
Micrografía de músculo cardíaco con pigmento lipofuscínico, con tinguidura de hematoxilina-eosina.

Aínda que a lipofuscina se acumula de forma natural coa idade, pode interferir co proceso autofáxico, e favorecer a acumulación de compoñentes celulares degradados, sensibilizar aos lisosomas e células á oxidación, e interferir coa actividade fagocítica das células do epitelio pigmentado da retina, polo que pode influír en diversas doenzas.[4]

A acumulación de lipofuscina é un importante factor de risco implicado na dexeneración macular da retina,[12] e na enfermidade de Stargardt, unha forma xuvenil herdada de dexeneración macular.

A acumulación anormal de lipofuscina está asociada cun grupo de doenzas neurodexenerativas chamadas lipofuscinoses, por exemplo, a lipofuscinose ceroide neuronal, tamén chamada enfermidade de Batten entre outros nomes.

A acumulación patolóxica de lipofuscina está implicada na enfermidade de Alzheimer, enfermidade de Parkinson, esclerose lateral amiotrófica, certas enfermidades lisosómicas, acromegalia, atrofia por denervación, miopatía lipidica, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica,[13] e miopatía centronuclear. A acumulación de lipofuscina no colon é a causa da condición chamada melanose do colon.

Posibles terapias

A restrición de calorías,[5] a vitamina E,[5] e o incremento do glutatión parecen reducir ou deter a produción de lipofuscina.

A droga nootrópica piracetam reduce significativamente a acumulación de lipofuscina no tecido cerebral das ratas.[14]

Outros posibles tratamentos:

A dexeneración macular húmida pode ser tratada usando fototermólise selectiva[18], na cal un pulso láser non enfocado quenta predominantemente e elimina as células ricas en pigmento (é dicir, en lipofuscina), deixando intactas as células sas, que se multiplican e enchen os ocos. A técnica tamén se usa no tratamento da pel para eliminar tatuaxes, lentigo solar (manchas na pel), e en xeral para facer que a pel pareza máis nova. Esta capacidade de actuar selectivamente contra a lipofuscina abriu novas oportunidades de investigación no eido da medicina antienvellecemento.

Recentemente descubriuse un novo fármaco que pode eliminar a lipofuscina nas células epiteliais pigmentadas da retina.[19] Isto é unha nova terapia que se pode aplicar para o tratamento da dexeneración macular relacionada coa idade seca e a enfermidade de Stargardt, para as cales actualmente non hai tratamento específico. O fármaco ten a designación de medicamento orfo para o tratamento da enfermidade de Stargardt na Axencia Europea de Medicinas.

Outros usos

A cuantificación da lipofuscina utilízase para a determinación da idade en varios crustáceos como os lumbrigantes e as lagostas.[20][21] Nestes animais, carentes de otólitos, non se pode determinar a idade do mesmo modo que o utilizado cos peixes óseos, nos cales o animal incrementa o número de capas nos seus otolitos, que se poden contar. Varios estudos indican que a cantidade de lipofuscina dos pedúnculos oculares destes crustáceos pode servir para coñecer a súa idade. Este método aínda non foi aplicado amplamente nas pesquerías principalmente debido a diferenzas nas curvas de acumulación de lipofuscina entre os animais salvaxes e os de acuario.

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.