Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os britanos[1] foron un pobo de orixe céltica que habitou Gran Bretaña dende tempos prehistóricos. A invasión romana e a posterior romanización supuxo a adopción do latín e a civilización romana polos britanos do sur da illa o que facilitaría a adopción do cristianismo no século IV. A anarquía propia do final do Imperio Romano de Occidente permitiu que tanto outros célticos dende o norte (pictos e escotos) coma os xermánicos polo leste (anglos, saxóns, xutos e frisóns) invadisen as súas terras forzándoos a emigrar a Armórica, onde fundarían a Bretaña, e a Gallaecia, onde fundarían Bretoña.
Cara a mediados do século V o poder de Roma chegaría ao seu fin e Britania sería vítima de diversas invasións, tanto por parte doutros pobos célticos da illa, como os escotos ou os pictos dende o norte, como de pobos xermánicos chegados alén do mar do Norte, concretamente os anglos, os saxóns, os xutos e os frisóns. Estes pobos asentaríanse primeiramente no leste da illa, estendéndose logo cara ao val do Támese e as Terras Medias.
Isto fixo que as poboacións locais iniciasen un éxodo cara ao oeste da illa como Gales, Cornualla, Cumbria ou Strathclyde, no suroeste de Escocia. Mentres tanto, outros britanos decidiron marchar máis lonxe, pondo mar entre eles e os invasores xermánicos cruzando o canal da Mancha até chegaren á península da Armórica, a cal «receltizaron», impondo a súa lingua e cultura, cambiándolle o nome á rexión pola Bretaña.
Por outra banda, outros decidiron navegar cara ao sur até chegar á Gallaecia. Descoñécese se estas expedicións bretoas chegaron directamente dende Gran Bretaña ou a través da Bretaña, mais chegaron ao norte de Gallaecia a fins do século V e comezos do VI,[2] asentándose no macizo montañoso da costa galega entre a ría de Ferrol e a ribeira do Eo, chegando algúns a se estender alén do Eo,[3] no oeste de Asturias.
A colonia britana fundou a diocese de Britonia, á fronte da cal se atopaba polo 572 o bispo Mailoc. Durante anos haberá falantes de britano e latino-britano nas terras dende o río Eume até as proximidades do Eo. Non obstante a presenza deste idioma e do seu dialecto froito da mestura desaparecerían pouco antes ou durante a expedición escandinava que destruíu a diocese de Bretoña. Malia todo o idioma non foi a única pegada britana no lugar, xa que as comunidades cristiás do lugar agrupábanse segundo a tradición britana. Outros signos son a música ou as cantigas das terras das Pontes, Terra Chá ou Mondoñedo, deixando tamén numerosos topónimos procedentes da lingua britana ou co propio nome de "bretóns" para denominar o lugar no que vivían estas xentes, pervivindo a pegada deste pobo.
Os locais non supuxeron un atranco ao asentamento dos britanos, pois mesturáronse e conviviron sen aparentes disputas. Uns dos posíbeis factores polos que os galaicos do norte asimilaron ben a cultura britana pode ser polos continuos achegamentos comerciais que se mantiñan entre as illas británicas e o norte da Península ademais do parecido entre ambas culturas.
É indubidábel que se dirixiron tamén para outras partes. Certos grupos deberon chegar até as costas setentrionais galegas, onde se organizaron en comunidades, e onde introduciron a a súa peculiar organización relixioso-cristiá algo diferente. Os toponimistas non dubidan en identificar os seus asentamentos cos varios lugares denominados Bretoña en Galiza, á parte do da Pastoriza: Bretoña (Barro), Bertonía, Bertoña etc.
Coñecemos da existencia desta diocese polo Parochiale suevorum, no cal aparece citada como Sedem Britonorum, isto é, sede dos britanos. En diferentes concilios suevos e visigodos de Lugo, Braga e Toledo nos amosan de novo a súa existencia e pervivencia no tempo, indicándose directamente o bispo Mailoc como representante de Britonia.
Ad sedem Britonorum ecclesias que sut intro Britones una cum monasterio Maximi et que in Asturiis sunt
Cómpre resaltar como o concilio de Lugo non lle asigna a diocese britoniense uns determinados territorios como si fai co resto de dioceses galaicas, senón que só se indica que esta estaba no Mosteiro Máximo. Podemos falar, deste xeito, de que se trataba dunha diocese de “de tipo persoal de raza, presidida por un bispo monxe, con carácter local indeterminado en Galicia e en Asturias”, baixo a forma de "comunidades cristiás celtas" estruturadas ao redor dun mosteiro central.[4]
Bispos coñecidos da ecclesia Brittaniensis:
Resulta difícil discernir até que punto os britanos conservaron a súa lingua e identidade co paso do tempo. Neste senso, cómpre salientar que a sé de Bretoña extinguiuse no século VIII. Malia que aínda no ano 1233 un documento menciona unha herdade sita no concello de Castro de Rei que pertencía «a aqueles homes chamados bretóns ou biortos, y cuxas mulleres chamábanse chavellas».
Aliás, a adaptación dos britanos ao país e a perda da súa personalidade nacional e lingüística nun ambiente xeográfico e étnico non moi diferente ao do seu país de orixe houbo ser bastante rápida. Proba disto son os nomes xa non britanos dos representantes da diocese nos concilios do século VII.[5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.