Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha baralla[1] é un conxunto de naipes ou cartas. Os naipes son tarxetas de cartón, que teñen unha cara frontal con debuxos, números e/ou letras que permite diferencialas. Ao dorso habitualmente teñen un deseño uniforme que impide identificalas. Adoitan empregarse para os xogos de cartas, aínda que tamén se empregan en ilusionismo, xogos de mans,[2][3] lanzamento de cartas,[4] e construción de castelos de cartas, ademais de seren obxectos de colección. Algunhas barallas de tarot tamén se empregan para a adiviñación.
Existen diferentes tipos de barallas, as tradicionais, xeralmente asociadas a algunha cultura, por exemplo a baralla española, a inglesa, a francesa ou a de tarot. Entre as modernas, destacan as barallas para os xogos de cartas coleccionables.
Os xogos de cartes xa se practicaban na antigüidade. Hai diferentes opinicións sobre se se orixinaron na India, ou se se empregaron primeiro na China e o Exipto, aínda que a opinión maioritaria é que foran creadas no séculoo XII, na China.[5][6]
Probablemente os xogos de cartas que se practicaban na antigüidade empregábanse primeiro con símbolos máxicos e despois simbolizando batallas.
Na China xogábase cun tipo de naipe que derivou do papel moeda e das fichas do dominó. En Persia orixinouse o Ganjifa o Gânjaphâ, un tipo de xogo de cartas que se fixo popular na India durante o Imperio Mongol no século XVI. Na India xogábse ao "Dasavatara Ganjifa", que está formado por unha baralla con dez paus baseados nos dez avatares ou reencarnacións de Vishnu: peixe, sapoconcho, porco bravo, león, anano, machado, arco e frecha, raio, pota e cabalo. A maioría dos naipes indios son redondos, de diferentes tamaños e están feitos con cartón lacado, cartón pedra e en ocasións marfil. Igualmente, no Xapón xógase aos xogos de cartas Karuta (derivado do portugués 'carta') e as súas dúas barallas máis populares son a Hanafuda e a Uta-garuta.
O máis probable é que os naipes chegasen a Europa dende Oriente, introducidos polos árabes a través dos reinos cristiáns da Península Ibérica, aínda que tamén se di que foron levados polos cruzados. A primeira versión pode apoiarse no feito de que a baralla europea máis antiga sexa a chamada española, xa que os paus da baralla árabe eran moedas, copas, cimitarras e bastos, que despois evolucionaron a ouros, copas, espadas e bastos.
No Principado de Cataluña, o Consell de Cent, prohibiu os xogos de cartas en 1310 en Barcelona,[7] sendo esta a mención máis antiga dos xogos de naipes en Europa, e proba que levaba anos existindo. Tamén se coñecían noutras partes da Península Ibérica, xa que os estatutos da orde de cabalería da Banda fundada por Afonso XI de Castela en 1331, prohibían aos cabaleiros xogar aos naipes. Igual prohibición ditou Xoán I de Castela en 1387. Da Coroa de Aragón puideron pasar a Italia, a partir da conquista de Sicilia por Pedro III de Aragón (1282).
En Francia, en 1337, nas constitucións da abadía de San Vítor, en Marsella, menciónase (para prohibirllo aos frades) un xogo que chaman «páxinas» que podería referirse aos naipes:[8]
quod nulla persona audeat nec praesumat ludere ad taxillos nec ad paginas
En ocasións usáronse para distraer os nenos, en papeis realizados a man. En 1397 un decreto ditado en París prohibiu xogar aos naipes ás clases traballadoras en días de labor. Por outra banda, algúns investigadores estiman que as cartas, na súa versión francesa, se fabricaron por primeira vez en España en 1392 para que o rei Carlos VI se entretivese; así o contou o xesuíta Menéstrier (1631-1705), quen nun artigo publicado en 1702 no Journal de Trévoux expuxo que o xogo simbolizaba a estrutura feudal.
Un decreto do Senado de Venecia de 1441 que prohibía a introdución de naipes na Señoría indica que a súa fabricación despois de ser floreciente achábase en decadencia polas importacións de barallas estranxeiras. Os naipes do século XV que se conservan en Venecia e noutras cidades son máis grandes ca os actuais e dun cartón groso semellante ao papel de algodón. As figuras resáltanse sobre campo de ouro e son tres reis, dúas mulleres e dúas sotas, unha delas a cabalo. Cada figura leva un basto, unha espada ou unha moeda. As cores parecen aplicadas por medio duns contramoldes.
Francesa | Corazóns |
Diamantes |
Trevos |
Picas |
Alemá | Corazóns |
Campás |
Landras |
Follas |
Italiana | Copas |
Moedas |
Bastos |
Espadas |
Española | Copas |
Moedas |
Bastos |
Espadas |
Suíza-alemá | Rosas |
Campás |
Landras |
Escudos |
Unha baralla está composta de varias decenas de naipes. Un naipe, ou carta, é unha tarxeta, tradicionalmente feita de cartón (e actualmente tamén de plástico), xeralmente rectangular en que ambas as caras están claramente diferenciadas. Pola fronte conteñen números, letras e/ou debuxos que permiten identificalas e diferencialas unhas das outras dentro de cada baralla. Polo dorso, teñen todas un mesmo deseño co obxecto de que non sexa posible identificalas.[9] Se algunha tivese un elemento no dorso que permitise recoñecela, chámase carta marcada e implica a nulidade de toda a partida.
Nas barallas tradicionais cada naipe pertence a un dos paus da baralla e o debuxo da carta correspóndese con devandito pau. Ademais, pode haber cartas especiais, como o comodín ou os arcanos maiores do tarot que non pertencen a ningún pau.
Á súa vez, cada carta está numerada, nunha serie por cada pau. Chámanse cartas numéricas aquelas en que o debuxo de cada pau se repite a cantidade de veces que indica o número. Para os números máis altos, omítese isto e no seu lugar aparecen figuras,[10] que é a representación dunha persoa. Nestes casos, o número pode substituírse pola inicial do nome da figura. Por exemplo a letra R se é o rei. Isto tamén pode facerse na primeira carta, chamada ás. Neste caso, pode empregarse a letra A.
Na maioría dos xogos de naipes, a baralla, ou unha parte dela, debe mesturarse de xeito que as cartas queden dispostas de forma aleatoria, é dicir, constituíndo unha sucesión que non poida ser obtida mediante un algoritmo máis curto que a sucesión mesma. Á acción de mesturar as cartas chámalla barallar. O carácter aleatorio das cartas implica que en todo xogo de cartas hai un compoñente de azar.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.