rocha ígnea hipoabisal (ou filoniana) leucócrata From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha aplita[1] é unha rocha ígnea hipoabisal (ou filoniana) leucócrata de granulometría moi fina. As aplitas están asociadas con rochas ígneas ou con rochas metasomáticas.
As aplitas caracterízanse polo pequeno tamaño dos seus cristais (menos de 1 mm), e por ter un contido moi baixo en minerais máficos (xeralmente por debaixo do 5 %).
A nome deriva do antigo grego ἀπλος (haplos, aplos), que significa simple. Este nome utilizouno por primeira vez A. J. Retz arredor de 1800 e máis tarde Karl Cäsar von Leonhard, que o introduciu na literatura científica, probablemente por analoxía coa estrutura simple destas rochas.
O prefixo aplo- utilízase para outras rochas de cor clara de mineraloxía simple e pobres en minerais ferromagnesianos, como aplodiorita ou aplogranito. O termo aplosienita, introducido en 1935 por Walter Ehrenreich Tröger, xa non está en uso.
A causa da súa asociación cos granitoides, poden atoparse aplitas xeralmente en todos os sitios onde hai tereos de zócolo ; pero tamén se atopan nas zonas de oróxenos, nos batólitos, nas intrusións e nas provincias magmáticas.
As aplitas son rochas filonianas de aspecto claro; son compactas e de granulometría de fina a moi fina, mesmo afanítica. A súa cor pode variar de branquecha a avermellada, pasando por cincenta. Os filóns aplíticos poden estar zonados. O grosor dos filóns é centimétrico, máis raramente decimétrico. A textura das aplitas é equidimensional e non porfírica. A dimensión dos grans é submilimétrica. Xa que logo, cómpre usar unha lupa para identificalos. A causa desta granulometría fina e equidimensional, pode observarse nas aplitas magmáticas unha cristalización rápida e simultánea. O hábito dos cristais é maioritatriamente hipidiomorfo e a textura semella un mosaico. Ás veces poden formar pequenos corpos graníticos ou cúmulos irregulares no seo ou no perímetro de plutóns. As pegmatitas mostran a miúdo bordos aplíticos.
As aplitas están constituídas esencialmente de cuarzo, feldespato alcalino (ortoclasa ou micropertita) e de plaxioclasio. Son pobres en minerais máficos (biotita, normalmente) e por esa razón o seu índice de cor está por debaixo de 5, son, pois, hololeucócratas. O índice das aplitas ligadas ás intrusións máis básicas é un pouco máis elevado, pero sempre por debaixo de 10. A súa composición química é moi similar ao material intersticial das rochas porfíricas, moi semellante á composición eutéctica dos granitoides. O feldespato alcalino pode mostrar tendencias porfíricas, mais nunca o cuarzo. Hai que salientar a asociación das aplitas cos granófiros, riolitas e felsitas. As aplitas en relación coas dioritas e as dioritas cuarcíticas teñen unha mineraloxía un pouco diferente, xa que están dominadas polo plaxioclasio ; a el engádense a moscovita, apatita e circón. As aplitas sieníticas están constituídas esencialmente de feldespato alcalino, ocasionalmente aparece tamén nefelina. Cando o contido en sílice aumenta, as aplitas poden pasar a ser fiñons de cuarzo.
A biotita e os outros minerais ferromagnesianos son moi raros ou non existen nelas.
Ao lado dos minerais pneumatolíticos como o topacio e a fluorita pode tamén formarse turmalina.
As aplitas adoitan posuír un forte contido nos elementos berilio e litio.
As aplitas orixínanse por dous procesos moi diferentes :
Pénsase que as aplitas pasaron ao estado líquido abríndose paso nas fisuras dun corpo plutónico baixo unha restrición de dilatación. A inxección do magma aplítico produciuse probablemente moi tarde na evolución do plutón e a súa composición química era eutéctica. A granulometría moi fina favorece o arrefriamento moi rápido no filón estreito.[2].
Noutros casos orixínanse aplitas por procesos metasomáticos, é dicir, unha formación no mesmo lugar onde estaba a rocha orixinal por causa da chegada de solucións quimicas quentes, pero sempre en estado sólido (por diferenciación metasomática). A zona do cambio químico non pasa de varios centímetros ou decímetros. A rocha orixinal (o paleosoma) empobrécese en minerais claros como os feldespatos (e convértese así nun melanosoma), que se acumulan enseguida na aplita metasomática. Comparados coa rocha que as hospeda, as aplitas así formadas están sempre enriquecidas en SiO2.
Os aplogranitos ou granitos aplíticos son rochas claras coa mesma composición que un granito, pero non conteñen (ou soamente moi pouca) biotita. Hai tamén aplodioritas, aplosienitas e mesmo aplogabros.
As microaplitas son recheos de granulometría extremadamente fina; aparecen nas fisuras e pequenas cavidades de granitoides sintectónicos [3]. Se a deformación continúa durante a cristalización dos granitoides, o proceso de cristalización é apertado a causa das resticións distensivas. Ademais, os grans xa cristalizados poden romper e sufrir cataclase. O magma restante é forzado a cristalizar moi rápido nos espazos creados pola extensión. Orixínanse así grans minúsculos de plaxioclasio (albita, oligoclasa) e de cuarzo xenomórfico con bordos sinuosos e dentados. Tipicamente estes recheos microaplíticos non conteñen microclina, de temperatura máis baixa e diaclasados.
Debido o seu limitado grosor, as aplitas raramente se utilizan comol pedras decorativas ou para tallar.
Un exemplo raro é o Grigio Argento, unha aplita de Sardeña.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.