From Wikipedia, the free encyclopedia
Antropoceno[1] é o nome que se lle deu a unha nova época xeolóxica proposta por algúns científicos. Esta época comezaría cando as actividades humanas empezaron a ter un impacto global significativo sobre os ecosistemas e a xeoloxía da Terra.[2][3][4] Con todo, esta proposta foi rexeitada pola Comisión Internacional de Estratigrafía e a Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas en 2024, polo que o nome non foi recoñecido oficialmente en xeoloxía.[5]
O proceso da proposta comezara en 2008, cando se presentou unha proposta na Comisión de Estratigrafía da Sociedade Xeolóxica de Londres para facer do Antropoceno unha unidade formal na división das épocas xeolóxicas.[4][6] Por ampla maioría, a Comisión decidiu que a proposta merecía ser examinada. Daquela fixéronse traballos por grupos científicos que traballaron de xeito independente en varias sociedades xeolóxicas para determinar se o Antropoceno debería ser aceptado ou non formalmente na escala de tempo xeolóxica.[7]
O Grupo de Traballo do Antropoceno (AWG) reuniuse a mediados de 2016 para analizar as probas e valorar se o Antropoceno era unha verdadeira época xeolóxica.[8] A proposta foi revisada pola Comisión Internacional de Estratigrafía ese mesmo ano. Unha vez aprobada alí, a proposta para adoptar o termo tería que ser ratificada pola Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas antes da súa adopción formal como parte da escala de tempo xeolóxico.[9] En maio de 2019, o Grupo de Traballo do Antropoceno (AWG) votou a favor de enviar unha proposta formal á Comisión Internacional de Estratigrafía (ICS) en 2021,[10] situando os posibles marcadores estratigráficos na metade do século XX.[11][10][12] Este período coincide co inicio da chamada Grande aceleración, un período de tempo posterior á segunda guerra mundial durante o cal as tendencias dos sistemas da Terra e socioeconómicos se incrementaron de xeito drástico,[13] e co da era atómica.
O termo "Antropoceno", xa utilizado por científicos soviéticos na década de 1960[14] para referirse ao Cuaternario, o período xeolóxico máis recente, foi acuñado cun sentido distinto na década de 1980[15] polo ecólogo Eugene F. Stoermer. Foi popularizado posteriormente polo químico atmosférico Paul J. Crutzen. Este consideraba que a influencia do comportamento humano sobre a atmosfera da Terra nos séculos recentes é tan significativa que permite constituír unha nova época xeolóxica. Un artigo de xaneiro de 2016 da revista Science, no que se investigaba as sinaturas climáticas, biolóxicas e xeoquímicas da actividade humana nos sedimentos e núcleos de mostras de xeo, suxerían que o intervalo desde mediados do século XX debería ser recoñecido como unha época xeolóxica distinta do holoceno.[16]
Malia non estar oficializado, na literatura científica empezou a estenderse o uso do termo "Antropoceno",[17] e a Geological Society of America titulou a súa xuntanza anual de 2011 Archean to Anthropocene: The past is the key to the future.[18] Non hai acordo sobre a data en que comeza o Antropoceno, mais algúns científicos propuxeron baseándose base nas evidencias atmosféricas, que se pode considerar que empeza coa Revolución Industrial, a finais do século XVIII.[6][19] Outras teorías ligan o termo a eventos máis antigos, como a Revolución Neolítica, hai arredor de 12.000 anos. As probas sobre o impacto humano relativo, como a influencia do aumento do uso da terra, os ecosistemas, a biodiversidade e a extinción de especies, son controvertidas. Tamén se cre que o impacto humano cambiou significativamente o crecemento da biodiversidade, ou mesmo chegou a detela.[20] Quen consideran que empeza en datas máis antigas sitúan o inicio do Antropoceno entre 14.000 a 15.000 anos atrás, segundo probas litosféricas. Isto fixo tamén suxerir que "o comezo do Antropoceno debería retrotraerse moitos miles de anos";[21]:1 de modo que sería case síncrono co termo actual holoceno (practicamente serían sinónimos).
En xaneiro de 2015, 26 dos 38 membros do Grupo Internacional de Traballo do Antropoceno (International Anthropocene Working Group, IAWG) publicaron un artigo no que se propoñía que a proba nuclear Trinity, realizada o 16 de xullo de 1945, fose o punto de inicio da nova época.[22] Porén, unha significativa minoría apoia algunha das diversas datas alternativas que tamén se propuxeron.[22] En marzo de 2015, un artigo publicado en Nature suxería que os anos 1610 ou 1964 poderían tomarse como o inicio do Antropoceno.[23] Outros expertos sinalaron o carácter diacrónico dos estratos físicos do Antropoceno e argumentaron que o comezo e o impacto se estenden no tempo e non son reducíbles a unha soa data de comezo.[24]
Dos doce sitios candidatos seleccionados como posibles "cravos de ouro" ou Sección Estratotipo e Punto Límite Global (Global Boundary Stratotype Section and Point, GSSP), escolleuse propoñer finalmente os sedimentos de Crawford Lake do Canadá, en xullo de 2023, para marcar os límites do Antropoceno, que empezaría co piso/idade Crawfordiano en 1950.[25][26] En marzo de 2024, despois de 15 anos de deliberación, a proposta para oficializar a época Antropoceno da AWG foi votada e rexeitada por ampla marxe pola Subcomisión de Estratigrafía do Cuaternario (SQS), debido principalmente ao seu escaso rexistro sedimentario e a data de comezo proposta extremadamente recente.[27][28] A Comisión Internacional de Estratigrafía (ICS) e a Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (IUGS) confirmaron despois formalmente, en votación case unánime, o rexeitamento da proposta da AWG de que se incluíse a época do Antropoceno na escala de tempo xeolóxica.[5][29][30] A declaración da IUGS sobre o rexeitamento concluía o seguinte: "Malia o seu rexeitamento como unidade formal da escala de tempo xeolóxica, o Antropoceno continuará, non obstante, usándose non só polos científicos ambientais e da Terra, senón tamén polos científicos sociais, políticos e economistas, así como polo público en xeral. Permanecerá como un valioso descritor do impacto humano no sistema Terra."[30]
O nome Antropoceno é unha combinación das raíces gregas: anthropo- (ἄνθρωπος [31]) que significa "ser humano" e -ceno (de kainos), que significa "novo". Todas as épocas da era cenozoica rematan en "-ceno".
O biólogo Eugene Stoermer acuñou orixinalmentre o termo, pero Paul J. Crutzen reinventouno independentemente e popularizouno. Stoermer escribiu, "Empecei a usar o termo 'Antropoceno' na década de 1980, pero nunca o formalicei ata que Paul contactou comigo".[32] Crutzen explicou, "Foi nunha conferencia onde alguén dixo algo sobre o holoceno. De repente pensei que estaba errado. O mundo cambiara demasiado. Así que dixen: 'Non, estamos no Antropoceno.' Simplemente, inventei a palabra de improviso. Todo o mundo quedou estupefacto. Pero parecía que impactara."[33] O termo usouse primeiro en 2000 por Crutzen e Stoermer nun boletín do Programa Biosfera-Xeosfera Internacional (International Geosphere-Biosphere Programme).[19] En 2008, Zalasiewicz suxeriu en GSA Today que unha época co nome Antropoceno é agora apropiada.[6]
Xa en 1873, o xeólogo italiano Antonio Stoppani decatándose do incremento do poder e do efecto da humanidade sobre os sistemas da Terra denominouna 'era antropozoica'.[34] Un termo similar, homoxenoceno (do grego antigo homo-, igual, e xeno-, tipo, kainos-, -ceno, novo [período]), foi usado por primeira vez por Michael Samways no seu artigo editorial no Journal of Insect Conservation (1999) titulado "Translocating fauna to foreign lands: here comes the Homogenocene".[35] Samways usou o termo para definir a nosa época xeolóxica actual, na cal a biodiversidade está diminuíndo e os ecosistemas arredor do globo fixéronse máis similares entre si. O termo foi utilizado por John L. Curnutt en 2000 en Ecology, nunha curta lista titulada, "A Guide to the Homogenocene."[36] Curnutt estaba facendo unha revisión do traballo de George Cox titulado Alien species in North America and Hawaii: impacts on natural ecosystems. Andrew Revkin acuñou o termo antroceno no seu libro Global Warming: Understanding the Forecast (1992),[37] no cal escribiu: "estamos entrando nunha idade que podería algún día ser denominada, digamos, o antroceno. Despois de todo, é unha idade xeolóxica da nosa propia creación." O nome evolucionou a "Antropoceno", que parece un termo máis axeitado para o seu uso técnico.[38]
O impacto humano sobre a biodiversidade é un dos atributos principais do Antropoceno. A actuación da humanidade deu inicio ao que ás veces se chama a sexta grande extinción da Terra.[39][40] A maioría dos expertos concordan en que as actividades humanas aceleraron a taxa de extinción de especies. A taxa exacta é discutida, quizais é de 100 a 1000 veces maior á taxa de fondo de extinción normal.[41] En 2010 un estudo publicado en Nature atopou que o "fitoplancto mariño – a gran variedade de especies de algas que supoñen aproximadamente a metade do total da biomasa fotosintética da Terra – diminuíu substancialmente nos océanos do mundo durante o pasado século. Só desde 1950, a biomasa de algas decreceu un 40%, probablmente en resposta ao quecemento do océano, e este declive aumentou o seu ritmo nos anos recentes.[42] Algúns autores postularon que sen o impacto do home a biodiversidade do planeta continuaría crecendo a un ritmo exponencial,[20] o que implica que as actividades humanas aceleran ou exacerban o quecemento global. Os incrementos nas taxas globais de extinción empezaron a elevarse desde polo menos o ano 1500, e parece que se aceleraron desde o século XIX en adiante.[3]
Un artigo de opinión publicado o 13 de xullo de 2012 en New York Times polo ecoloxista Roger Bradbury predicía o fin da biodiversidade nos océanos, sinalando que os arrecifes de coral están condenados: "Os arrecifes de coral serán os primeiros, pero de seguro que non os últimos grandes ecosistemas que sucumbirán ao Antropoceno."[43] Este artigo axiña xerou grandes discusións entre os conservacionistas; The Nature Conservancy rebateu a Bradbury na súa páxina web, defendendo a súa posición de protexer os arrecifes de coral a pesar dos impactos humanos continuados que causan a súa decadencia.[44]
Nun par de estudos publicados en 2015, a extrapolación da extinción observada nos caracois de Hawai levou á conclusión de que "a crise de biodiversidade é real", e que o 7% de todas as especies da Terra puideron ter desaparecido xa.[45][46] A predación humana pode considerarse como algo único na historia da vida na Terra, xa que está globalmente distribuída e o home funciona como un gran "superdepredador", que mesmo depreda os adultos doutros superdepredadores e con amplos impactos sobre as redes tróficas en todo o mundo.[47]
Os cambios permanentes na distribución dos organismos debido á influencia humana serán identificables no rexistro fósil xeolóxico. Está documentado que moitas especies se moveron a rexións que antes eran demasiado frías para elas, a miúdo a velocidades maiores do agardado inicialmente.[48] Isto ocorreu en parte como resultado da evolución do clima, mais tamén en resposta á agricultura e pesca, e á introdución accidental de especies non nativas en novas áreas debido ás viaxes e transporte global.[3]
Un síntoma xeolóxico que é resultado das actividades humanas é o incremento do contido de dióxido de carbono atmosférico (CO2). Durante os ciclos glaciais–interglaciais dos pasados millóns de anos, os procesos naturais fixeron variar o nivel de CO2 en aproximadamente 100 ppm (desde 180 ppm a 280 ppm). En 2013, as emisións netas antropoxénicas de CO2 incrementaron a concentración atmosférica deste gas nunha cantidade comparable, desde 280 ppm ("equilibrio" do holoceno ou pre-industrial) ata aproximadamente 397 ppm.[49] Este sinal no sistema climático da Terra é especialmente significativo porque está ocorrendo máis rápido,[50] e nunha extensión enormemente máis grande, que os cambios similares acontecidos anteriormente. A maioría deste incremento débese á combustión de combustibles fósiles como o carbón, petróleo, e gas natural, aínda que fraccións menores son o resultado da produción de cemento e cambios no uso da terra (por exemplo, deforestación).
Os cambios no patrón de drenaxe imputables á actividade humana persistirán no tempo xeolóxico en grandes partes dos continentes onde o réxime xeolóxico é erosivo. Isto inclúe as rutas por onde se trazaron as autoestradas definidas pola súa nivelación e control de drenaxe. Os cambios directos na forma da superficie da Terra causados polas actividades humanas (por exemplo, canteiras, escavacións, paisaxismo) tamén quedarán rexistrados como impactos humanos.
As actividades humanas como a deforestación e a construción de estradas crese que elevaron os fluxos medios sedimentarios totais en toda a superficie da Terra.[3] Porén, isto podequedar en parte enmascarado por outras causas; por exemplo, a construción de presas en moitos ríos implica que as taxas de depósitos de sedimentos nun determinado lugar non sempre parecen incrementarse no Antropoceno. Por exemplo, moitos deltas fluviais por todo o mundo están actualmente privados por causa das presas de boa parte dos sedimentos que antes lles chegaban, e están sufrindo subsidencia e non poden igualar o ascenso do nivel do mar que se está a producir.[3] O incremento da erosión debido á agricultura e outras operacións hase reflectir en cambios na composición dos sedimentos e un incremento do seu depósito nalgún outro sitio.
En áreas continentais cun réxime deposicional, as estruturas de grandes construcións de enxeñaría tenden a quedar enterradas e conservadas, xunto con residuos e cascallos. Os residuos e lastre botados polos barcos ou transportados polos ríos e regatos acumúlanse no ambiente mariño, especialmente nas zonas costeiras. Estes artefactos producidos polo ser humano quedan conservados na estrtigrafía e denomínanse "tecnofósiles".[3]
Os cambios na biodiversidade quedan tamén preservados no rexistro fósil, e igualmente a introdución de novas especies.
En termos de elementos traza, as sociedades modernas deixan tamén claras sinaturas. Por exemplo, no glaciar Fremont superior de Wyoming, hai unha capa de cloro nos núcleos de mostras de xeo desde a época dos programas de probas atómicas da década de 1960, e tamén unha capa de mercurio asociada coas centrais térmicas de carbón da década de 1980. Desde 1945 a 1951, produciuse chuvia radioactiva localmente arredor dos sitios onde se fixeron probas atómicas, mentres que desde 1952 a 1980, as bombas termonucleares deixaron un claro sinal global de exceso de 14C, 239Pu, e outros radionúclidos artificiais. As concentracións deses radionúclidos teñen un pico en 1964, unha das datas que se propuxeron como posible marca que sinala o punto de partida do Antropoceno definido formalmente.[3]
A queima humana de combustibles fósiles tamén deixou claramente elevadas concentracións de carbono negro, cinzas inorgánicas e partículas carbonosas esféricas en sedimentos recentes por todo o mundo. As concentracións destes compoñentes increméntanse marcadamente e case simultaneamente por todo o mundo comezando en 1950.[3]
Aínda que unha gran parte dos cambios ambientais ocorridos na Terra crese que son unha consecuencia directa da Revolución Industrial, William Ruddiman argumentou que a época proposta do Antropoceno empezou antes, aproximadamente hai 8.000 anos co desenvolvemento das culturas agrícolas e sedentarias. Nese momento, os humanos estaban dispersos por todos os continentes menos pola Antártida, e a Revolución Neolítica estaba en marcha. Durante este período, os humanos desenvolveron a agricultura e a gandería para suplementar ou substituír a súa forma de subsistencia anterior de cazador-recadador. A esas innovacións seguíronlles unha onda de extincións, empezando polas de grandes mamíferos e aves non voadoras. Esta onda foi impulsada pola actividade directa do home (por exemplo, a caza) e as consecuencias indirectas do cambio no uso da terra para a agricultura.
Este período (iniciado hai 10.000 anos) é o que os xeólogos denominan normalmente holoceno. Durante a maior parte do holoceno as poboacións humanas eran relativamente pouco numerosas e as súas actividades eran considerablemente tenues comparadas coas dos últimos séculos. Non obstante, moitos dos procesos que actualmente alteran o medio ambiente da Terra estaban xa ocorrendo durante este período. En canto á mellor data para marcar o comezo do Antropoceno fixéronse varias propostas. Algúns autores consideran que o Antropoceno e o holoceno son un mesmo espazo de tempo xeolóxico,[51][52] e outros pensan que o comezo do Antropoceno é un pouco máis recente.[53] De feito, William Ruddiman na súa argumentación da hipótese do Antropoceno considera que o Antropoceno está definido por un impacto significativo sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro, e que non empezou na era industrial senón hai 8,000 anos, cando os primeiros agricultores roturaron os bosques para plantaren as súas colleitas.[54][55][56] O traballo de Ruddiman foi, á súa vez, discutido baseándose nunha comparación cunha interglaciación máis temperá (o "Estadio 11", aproximadamente hai 400.000 anos), que suxire que deben pasar outros 16.000 anos antes de que a actual interglaciación do holoceno chegue ao seu fin, e que por esa razón a hipótese antropoxénica temperá non é válida. Ruddiman argüíu para rebater esa postura que, iso é o resultado de facer un aliñamento non válido da insolación máxima recente cunha insolación mínima do pasado, entre outras irregularidades, o cal invalidaría estas críticas. Ademais, o argumento de que cómpre que haxa "algo" que explique as diferenzas en canto ao interglacial no holoceno é posto en dúbida por investigacións máis recentes que mostran que todos os interglaciais presentan diferenzas.[57]
Aínda que hai 8.000 anos o planeta mantiña só a uns poucos millóns de persoas e estaba aínda esencialmente prístino,[58] algúns consideran que unha data temperá para o termo proposto do Antropoceno é axeitada, xa que foi o comezo do que despois serían impactos maiores.[59]
Outros poñen un momento da Antigüidade como comezo do Antropoceno. Un momento de inicio plausible para do Antropoceno podería ser hai uns 2.000 anos, que coincide co comezo da fase final do holoceno ou fase subatlántica.[60]
Nese momento o Imperio Romano abranguía unha gran parte de Europa, Oriente Próximo e Norte de África. Na China as dinastías clásicas estaban florecendo. Os reinos medios da India desenvolveran xa a economía de maior tamaño do mundo antigo e medieval. O reino Napata/Meroítico estendíase polos actuais Sudán e Etiopía. Os olmecas controlaban o centro de México e Guatemala, e o pobo preincaico chavín controlaba grandes áreas do norte do Perú. Aínda que a miúdo estes reinos vivían de costas aos outros reinos máis afastados e separados por ecosistemas tampón, as áreas directamente impactadas por estas civilizacións e outras eran grandes. Ademais, algunhas actividades, como a minería, implicaban unha perturbación moito máis ampla das condicións naturais.[61]
Crutzen propuxo a Revolución Industrial como comezo do Antropoceno.[34] Aínda que é evidente que a Revolución Industrial foi acompañada por un impacto humano global sen precedentes sobre o planeta,[62] moitas das paisaxes da Terra xa foran profundamente modificadas antes polas actividades humanas.[63] Por tanto, a datación do comezo dun período co nome de Antropoceno debería asignarse ao momento no que a humanidade se sumou ás outras forzas ambientais con capacidade de darlle forma ao planeta. Pero identificar ese momento é difícil, e mesmo é pouco realista querer identificar un Ano Cero para o comezo do Antropoceno. De feito, o impacto humano sobre a Terra foi crecendo progresivamente, con poucos períodos máis lentos substanciais. Lovelock propuxo que o Antropoceno empezou coa primeira aplicación do motor atmosférico de Newcomen (motor de vapor) en 1712. Ata entón, o nivel máximo de enerxía dispoñible en toda a historia humana estivera limitado a 1 kW por metro cadrado, procedente do sol.
Para caracterizar o Antropoceno cómpre utilizar un marcador que indique un impacto global substancial dos humanos no medio ambiente total, comparable en escala aos que están asociados con perturbacións significativas no pasado xeolóxico, en lugar de cambios menores na composición da atmosfera.[64][65]
Unha candidata útil para este propósito é a edafosfera ou pedosfera (os solos), que pode reter información da súa historia climática e xeoquimica indicando características que duran séculos ou milenios.[66] A actividade humana está agora firmemente establecida como o sesto factor da formación dos solos.[67] Afecta á pedoxénese de forma directa por medio, por exemplo, da nivelación de terras, construción de trincheiras ou terrapléns en obras para varios propósitos, enriquecemento de materia orgánica debido á adición de esterco ou lixo, empobrecemento en materia orgánica debido a un cultivo continuado, compactación por exceso de pastoreo ou, afecta de forma indirecta por medio da acumulación de materiais erosionados ou de contaminantes. Os solos antropoxénicos son os que están marcadamente afectados polas actividades humanas, como o arado repetido, a adición de fertilizantes, a contaminación, selaxe ou enriquecemento con artefactos (na Base de Referencia Mundial para Recursos do Solo este tipo de solos clasifícase como antrosol e tecnosol). Son depósitos persistentes de artefactos e propiedades que testemuñan a dominancia do impacto humano, e, por tanto, parecen ser marcadores fiables para o Antropoceno. Algúns solos antropoxénicos deberían ser vistos como marcas características polos xeólogos, xa que son localizacións cunha sucesión de estratos con claras evidencias dun evento a escala mundial, incluíndo a aparición de fósiles distintivos.[60] A perforación para a procura de xacementos de combustibles fósiles creou tamén buratos e tubos na codia terrestre que se cre serán detectables dentro de millóns de anos.[68]
En abril de 2019, o Grupo de Traballo do Antropoceno (AWG) anunciou que votarían unha proposta formal para enviar á Comisión Estratigráfica Internacional, para continuar o proceso que iniciaran en 2016.[12] En maio de 2019, 29 membros do total de 34 persoas que formaban parte do panel do AWG votaron a favor de facer unha proposta oficial en 2021. O AWG tamén adoptou por votación con 29 votos a favor que a data de comezo do Antropoceno se situase na metade do século XX. Identificáronse dez candidatos que podían ser considerados un estratotipo límite mundial ou GSSP (do inglés Global Boundary Stratotype Section and Point), un dos cales terá que ser elixido para incluílo na proposta final.[10][11] Posibles marcadores son os microplásticos, os metais pesados ou os núcleos radioactivos deixados polas probas de bombas termonucleares.[69]
O concepto de Antropoceno foi tamén abordado desde o punto de vista das humanidades, a filosofía, a literatura e as artes. No mundo erudito, foi suxeito dunha crecente atención en números especiais de revistas,[70] conferencias,[71][72] e informes académicos.[73] O Antropoceno, a súa duración, e implicacións ecolóxicas formula cuestións sobre a morte e o fin da civilización,[74] a memoria e arquivos,[75] os obxectivos e métodos da investigación humanística,[76] e as respostas emocionais ao "fin da natureza".[77] Porén, tamén foi criticado como unha construción ideolóxica.[78]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.