escritor español From Wikipedia, the free encyclopedia
Antonio Ángel Custodio Sergio Alejandro María de los Dolores Reina de los Mártires de la Santísima Trinidad y de Todos los Santos, coñecido como Antonio Gala Velasco, nado en Brazatortas (Cidade Real), o 2 de outubro de 1930[1][2] e finado en Córdoba o 28 de maio de 2023,[3] foi un poeta, dramaturgo, novelista, guionista e articulista español.
Naceu e viviu a súa infancia en Brazatortas (Cidade Real) até os 9 anos.[4] En 1939 a familia trasladouse a Córdoba, onde Antonio escribiu as súas primeiras obras. Con 14 anos impartiu unha conferencia no Real Círculo da Amizade, Liceo Artístico e Literario da cidade.[5]
Lector precoz de Rainer Maria Rilke, Garcilaso, San Xoán da Cruz e outros autores, estudou desde os 15 anos a carreira de Dereito na Universidade de Sevilla. Como alumno libre cursou Filosofía e Letras, Ciencias Políticas e Económicas na Universidade de Madrid. En todas elas obtivo licenciaturas.
Ao acabar os seus estudos universitarios, iniciou a preparación de oposicións ao Corpo de Avogados do Estado. Abandonou o proceso no que el lembra como un xesto de rebeldía ante a presión do seu pai, para ingresar despois nos cartuxos. Porén, a ríxida disciplina monástica non estaba feita para el e, como conta na súa autobiografía, Ahora hablaré de mí (2000), foi expulsado da orde.
Mudouse entón a Portugal, onde levou unha vida bohemia. En 1959 comezou a impartir clases de Filosofía e Historia da arte e recibiu un accésit do Premio Adonáis de Poesía pola súa obra Enemigo íntimo. Empezou unha exitosa carreira teatral e xornalística que lle posibilitou desde 1963 vivir só da escritura. A mediados de 1962 marchou a Florencia (Italia), onde permaneceu case un ano. Nese tempo publicou na revista mensual Cuadernos hispanoamericanos poemas do seu libro La deshonra.
En 1973 sufriu en Madrid unha perforación do duodeno que case lle custa a vida. Durante a convalecencia empezou a utilizar caxato, obxecto de que reuniu xa uns 3000 exemplares, agasallos de amigos e admiradores.[6]
Publicou artigos no suplemento dominical de El País, desde a súa fundación en 1976 até 1998, como «Charlas con Troylo», «A los herederos» ou «A quien conmigo va». Todos estes artigos foron despois recompilados en libros.
Comezou a escribir novelas na década de 1990. Coa primeira delas, El manuscrito carmesí, obtivo o Premio Planeta en 1990.
Tamén colaborou no diario El Mundo entre 1992 e 2015 con artigos de opinión breves publicados na súa columna «La Tronera». O seu ritmo de creación e publicación literaria descendeu paulatinamente. De feito, en varias ocasións deu a entender que El pedestal de las estatuas sería a súa última novela.
Creou a Fundación Antonio Gala para Jóvenes Creadores, dedicada a apoiar o labor de artistas novos.[7]
O 14 de decembro de 2011 recibiu o Premio Quijote de Honra a toda unha vida, concedido pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE).[8]
O 5 de xullo de 2011 o escritor fixo público na súa columna de El Mundo que padecía «un cancro de difícil extirpación».[9] En febreiro de 2015, durante unha homenaxe en Málaga polo seu nomeamento como Fillo Adoptivo e a entrega da Medalla da cidade, manifestou estar libre xa dunha doenza que soportou «máis tempo do debido» e afirmou que o equipo médico do Hospital Reina Sofía de Córdoba declararao «libre do cancro».[10]
Durante o período coñecido como Transición española (aproximadamente entre 1976 e principios de 1981) defendeu publicamente posturas de esquerda non enmarcadas en ningún partido político. En 1978 reivindicou a autonomía para Andalucía na apertura do Congreso de Cultura Andaluza en Córdoba.[11]
En 1981 foi nomeado presidente da Asociación de Amistad Hispano-Árabe, cargo que desempeñou nos primeiros anos da existencia desta. Daquela formou parte tamén da Sociedad de Amistad España-URSS, subvencionada polo goberno soviético.[12]
En 1985 foi denunciado por un militar por inxurias e ofensas ao exército español no seu artigo Soldadito español, publicado no diario El País en maio dese ano. Porén, o caso foi desestimado.[13]
Foi presidente da plataforma cívica que propugnaba o "non" á permanencia de España na OTAN no referendo que se celebrou en marzo de 1986.[14]
Ten publicado en El Mundo artigos moi críticos co Estado de Israel que foron tachados de antisemitas. En 2014 a Comunidade Xudía de Madrid querelouse contra el por discriminación, incitación ao odio, ofensa aos sentimentos dos membros dunha comunidade relixiosa e inxurias por mor do artigo ¿Los elegidos?.[15][16][17]
Gala é un autor de grande éxito nos xéneros que cultiva: teatro, columnismo, novela ou lírica. O seu é un estilo moi elaborado no formal, con abondosas imaxes e recursos líricos. Amais, inclúe críticas a personaxes da actualidade ou a personaxes históricos.
As súas obras están marcadas por temas históricos, máis para iluminar o presente que para afondar no pasado. A obra teatral de Gala foi máis apreciada polo público que por parte da crítica. Esta atopa dificultade ao clasificala debido ao carácter lírico e épico do seu traballo. Ten colaborado, amais, en series televisivas.
A incursión de Gala na novela foi máis tardía en comparación co teatro. Porén, obtivo un éxito destacado con obras como El manuscrito carmesí, La regla de tres ou La pasión turca. Esta última foi adaptada ao cine polo director español Vicente Aranda.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.