pintor e escritor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Antón Patiño Pérez, nado en Monforte de Lemos o 1 de xaneiro de 1957, é un pintor e escritor galego, coñecido polo seu papel como membro fundador do Grupo Atlántica e a súa obra individual.[1] É vicepresidente do Círculo de Bellas Artes de Madrid e presidente de VEGAP.[2][3]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de xaneiro de 1957 (67 anos) Monforte de Lemos, España |
Actividade | |
Ocupación | pintor, escritor |
Membro de | |
Xénero artístico | Ensaio e poesía |
Familia | |
Cónxuxe | Menchu Lamas |
Fillos | Lois Patiño |
Pai | Antón Patiño Regueira |
Participou na creación da revista Loia (1974-1978) con Manuel Rivas e os irmáns Xosé Manuel e Lois Pereiro.[4] Colaborou xunto a Menchu Lamas no deseño dos libros do grupo poético Rompente (1978-1980), formado por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manolo Romón,[4] e foi membro fundador do Grupo Atlántica, chave na escena pictórica galega dos anos oitenta. Foi membro do consello de redacción da revista de arte e pensamento Microfisuras (1997-2003).[5]
Estabelecido en Madrid, participou activamente como pintor na renovación da arte española na década dos oitenta, como parte de Atlántica e a través da súa inclusión en mostras como 26 Pintores/ 13 Críticos, En el Centro, Periferias, Kunst Aus Spanien, Por la Pintura, Venti Anni Dopo, Los Años Pintados, Tránsito de ideas. Arte en España (1972-1992), Junge Spanische Kunstler, Zeitgenossische Kunst IM a 11 e Spansk Egen-Art.[Cómpre referencia]
Expuxo individualmente en España e internacionalmente, e a súa obra atópase nas coleccións do MNCARS, MACBA, CGAC, Fundación La Caixa, MEIAC ou Artium.[6]
A súa obra pictórica ten un carácter sensorial e mestura elementos matéricos e simbólicos, incorporando con frecuencia oposicións e antagonismos. Nos seus inicios achegouse ao expresionismo abstracto, dando especial importancia á cor, pero nos oitenta comezou a realizar cadros de gran formato e forte carga conceptual. A presenza destas dúas dimensións na súa obra levou ao crítico Donald Kuspit a describila como "expresionismo conceptual".[7]
A finais dos oitenta realizou a serie Mareas negras (1989), sobre as catástrofes ecolóxicas, e o mar continuou presente en varios dos seus proxectos posteriores. Tamén ten traballado outros formatos como a banda deseñada (Esquizoide, 1978, como parte de Colectivo da Imaxe), o debuxo e o libro de artista.[8]
Patiño é autor dunha obra teórica e ensaística, centrada no mundo da imaxe e a percepción. Entre elas atópanse obras aforísticas como Xeometría líquida (1992), Mapa ingrávido (1992), que procura reflictir a incerteza e descontinuidade do presente tecnolóxico, ou Escritos de un sonámbulo (2011).[9]
É tamén autor de monografías sobre a obra de Reimundo Patiño (1999, 2005), Urbano Lugrís (2004, 2007), Lois Pereiro (2010, 2011) e Uxío Novoneyra (2010).
Tamén impartiu cursos e conferencias en universidades e centros de arte, e colaborou en revistas como Telos, Arte y Parte, Exit-book, Minerva ou Luzes e prensa xeralista.
Casou coa pintora Menchu Lamas. Ten un fillo, o cineasta Lois Patiño, e unha filla, Cora.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.