Remove ads
técnica para dar a sensación de movemento a imaxes ou debuxos From Wikipedia, the free encyclopedia
A animación é aquela técnica para dar a sensación de movemento a imaxes ou debuxos. Para realizar animacións existen numerosas técnicas que van máis alá dos familiares debuxos animados. Os cadros pódense xerar debuxando, pintando ou fotografando unha serie de minúsculos cambios feitos sucesivamente a un modelo da realidade ou a un modelo tridimensional virtual; tamén é posible animar coa mesma técnica obxectos da realidade e actores.
O feito de concibir unha animación tende a ser un traballo moi intensivo e aburrido. Por isto, a meirande parte da produción que provén de compañías de animación encargáronse de organizar este labor. Así e todo, existe a animación de autor (que ten relación coa animación independente), en xeral máis próxima ás artes plásticas. Esta xorde do traballo persoal dun ou duns poucos artistas. Algúns válense das novas tecnoloxías para simplificar a tarefa.
Os "Doce principios básicos da animación" de Disney son un conxunto de principios dados a coñecer polos animadores de Disney, Ollie Johnston e Frank Thomas no seu libro The illusion of life: Disney Animation.[1] Johnston e Thomas baseáronse no traballo dos animadores de Disney de 1930 en adiante, quen facían animacións cada vez máis realistas. O obxectivo principal destes principios era crear a ilusión de que os personaxes cumprían as leis da física, aínda que tamén abarcaban temas tan complexos como o tempo emocional e o atractivo do personaxe.
Este libro e algúns dos seus principios foron adoptados por estudios de animación tradicional, algúns dos cales refírense a el como "A biblia da animación".[2] En 1999 o libro foi votado como o número un nunha enquisa baixo a categoría "Os mellores libros de animación de todos os tempos".[3] Aínda que inicialmente se pretendía que estes principios se aplicaran á animación tradicional ou animación debuxada a mán, seguen a ter gran relevancia na hoxe predominante animación por ordenador.
Os debuxos animados créanse debuxando cada cadro por separado, habitualmente 24 deles por cada segundo. Ao principio pintábase cada cadro, e logo era filmado, proceso que se acelerou ao aparecer a animación por celas inventada por Bray e Hurd na década de 1910. Usaron láminas transparentes sobre as que "movían" os seus personaxes e así non ter que pintar o fondo unha e outra vez.
O proceso comeza co animador debuxando cada fotograma en papel. Despois o debuxo volve realizarse con tinta e píntase en láminas de acetato. Finalmente fotográfanse cunha cámara estática. As fotografías colócanse en secuencia para dar a ilusión de movemento. Esta práctica, non obstante, comezou a caer en desuso a partir da década de 1990 pola aparición da animación por ordenador e as facilidades que esta achega para a creación de animacións de xeito máis rápido e barato.
Animación de obxectos, monecos, marionetas, figuras de plastilina ou outros materiais así como maquetas de modelos a escala. Utilízase a gravación "fotograma a fotograma" ou "cadro a cadro".
O stop-motion é unha técnica de animación que consiste en aparentar o movemento de obxectos estáticos capturando fotografías. En xeral denomínase animacións de stop-motion as que non entran na categoría de debuxo animado, isto é, que non foron debuxadas nin pintadas, senón que foron creadas tomando imaxes da realidade.
Tradicionalmente existen dous grandes grupos de animacións stop-motion, a animación de plastilina e a animación de obxectos ríxidos.
Entre as diferentes variantes pódense distinguir:
Baséase en debuxar directamente sobre a referencia, que poden ser os cadros da filmación dunha persoa real. Así se animou en Disney a Brancaneves en Snow White and the Seven Dwarfs, protagonista da primeira longametraxe animada de Disney. A súa análoga infográfica pode considerarse a captura de movemento. Non obstante, existe certo grao de controversia sobre se o rotoscope é auténtica animación, e sobre o seu valor artístico como tal.
A animación por ordenador, tamén chamada animación dixital ou informática, é a técnica que consiste en crear imaxes en movemento mediante o uso de ordenadores. Os deseños elabóranse coa axuda de programas de deseño, modelaxe e renderización. Porén, neste tipo de animación as imaxes non se tomas senón que se producen individualmente e por iso non teñen que cumprir necesariamente co estándar do cinema. Un filme de animación ten sempre 24 fotogramas por segundo, pero non necesariamente todos eses fotogramas mostran imaxes diferentes xa que adoitan repetirse en varios fotogramas.
Así pois, hai varias taxas de animación:
Hai que ter en conta que diferentes elementos da imaxe (un personaxe, outro personaxe, un obxecto móbil, un plano do fondo, outro plano do fondo) anímanse por separado e que, por tanto, dentro da mesma escena pode haber elementos con diferentes taxas de animación.
A aportación da tecnoloxía informática á animación ten dous aspectos: como ferramenta de creación e como medio de representación.
Para as animacións debuxadas ou pintadas a mán hai programas que asisten á creación dos cadros intermedios. Trátanse de programas que traballan con esqueletos virtuais para os personaxes. Porén, tamén se continúa traballando de maneira tradicional, debuxando a mán cada intermedio, xa que a máquina non entende da mesma maneira que o cerebro humano, a simulación tridimensional nun debuxo bidimensional. Nas animacións feitas con gráficos vectoriais e con modelos tridimensionais, o programa mesmo calcula a transformación das imaxes mediante interpolación.
Diversos formatos de ficheiro permiten representar animación nun ordenador e a través de Internet. Entre os máis coñecidos están SWF, GIF, MNG e SVG. O ficheiro pode conter unha secuencia de cadros, como gráficos rasterizados (ou a diferenza entre un cadro e o anterior), ou pode conter a definición de trazos e as súas deformacións no tempo, nun formato vectorial. Hai formatos de ficheiro específicos para animacións e formatos xenéricos que poden conter diversos tipos de datos multimedia.
O time-lapse, tamén chamado "cámara rápida", é unha técnica fotográfica que consiste na captación de imaxes fixas que despois son reproducidas a unha velocidade maior. Esta técnica usouse bastante na televisión. Adoitan usala para facer un salto no tempo, xa sexa dun día enteiro, da mañá á noite ou calquera outro período temporal. O uso da velocidade cambia dependendo do rápido que se queira que pase o tempo, ou do rápido que se queira que se vexa.
Virtualmente, calquera xeito de producir imaxes ou calquera materia que poida ser fotografada pode empregarse para animar. Existen moitas técnicas de animación que só foron utilizadas por algúns creadores e son descoñecidas para o público. Entre estas inclúense a pintura sobre cristal, a animación de area, a Animación de pantalla de agullas, a pintura sobre celuloide, o tweening etc.
A animación coñeceu en Galicia un pulo moi importante desde a década de 1990.
Antes desa década, concordando coa case inexistente industria cinematográfica galega, as contribucións ao campo da animación foran testimoniais, aínda que convén destacar algúns nomes.
Un deles é o pintor coruñés Eugenio Granell quen, ao integrarse no movemento surrealista de André Breton, comezou a interesarse polo cine do francés. Exiliado de España, realizou algún corto inspirado na súa propia obra.[4] Anos despois o ourensán Santiago Genovés, instalado en México despois de abandonar España, plasmou en dúas curtas de animación, El músculo y la cultura (1968) e El mundial de la paz (1986), o seu compromiso coa causa pacifista.[4][5]
O tamén ourensán Enrique Nicanor, emigrado a Cuba sendo moi novo, chegou a dirixir o departamento de animación do ICAIC no que, como debuxante animador realizou varias curtas na primeira metade dos anos sesenta do século XX. En 1965 dirixe en París unha serie infantil, Le manège enchanté, para a ORTF. Dous anos despois, de volta a España, dirixe a primeira serie de animación de TVE, Las aventuras de Mumú.[4][6]
A produción de animación en Galicia non foi inexistente antes da gran eclosión, pero caracterizouse polo seu illamento. Puxeron as bases diversos produtos creados con capital e profesionais galegos, moitos deles saídos da Escola de Imaxe e Son da Coruña, coma Virginia Curiá[7] e Tomás Conde,[8] fundadores da produtora Algarabía, quen realizan diversos traballos publicitarios e curtas coma Noite Meiga (1998), Caderno de Bitácora (1998), Ignotus (2000) ou Os defuntos falaban castelán (2000), estas dúas últimas en coprodución con Lúa Films.[4]
De 1997 é a curta animada Nut do coruñés Ángel Fernández de la Parra[9] na que destaca a súa atmosfera visual.[4] O compostelán Juan Pablo Etcheverry ten unha obra moi persoal de cinema experimental na que destaca Minotauromaquia, Pablo no labirinto (2004) recoñecida nacional e internacionalmente cunha morea de galardóns.[10]
Mención especial merece o traballo do monfortino Lhosca Arias, quen no ano 2000 fai unha serie de animación de 26 capítulos baseada no popular personaxe O Carrabouxo,[4] creado en 1984 por Xosé Lois.[11]
A gran eclosión da animación en Galicia veu da man de dúas produtoras Dygra Films e Filmax, coas que se supera a etapa dos estudos pequenos e illados que xorden e desaparecen cun proxecto. Estas produtoras van dar traballo a un gran número de profesionais e van permitir asumir proxectos de maior envergadura, comezando a dotar á animación galega dun selo de calidade propio.[4]
Dygra, nacida na Coruña en 1987 como un estudio de deseño gráfico, inicia en 1997 os traballos en animación. Catro anos máis tarde estrean O bosque animado. Gañadora de dous premios Goya, á mellor película de animación e á mellor canción orixinal,[12] tivo unha audiencia nas salas de medio millón de espectadores e a súa edición en DVD foi número un en vendas en España, e foi exportada ao estranxeiro. Aínda que outras películas precedérona no uso da animación electrónica en 3D, foi a primeira con éxito de público.[4] Os mesmos directores do bosque animado, Manuel Gómez e Ángel de la Cruz, estrean en 2005 O soño dunha noite de San Xoán', galardoada con outro Goya á mellor película de animación[13]. En 2008, Ángel de la Peña e David Rubín dirixen Espírito do bosque, tamén coñecida como O bosque animado 2,[4] que levou o Premio especial do xurado infantil do Festival Internacional de Cine Infantil de Galicja, en Polonia.[14] No Festival de Cannes de 2009, presentouse un avance da primeira longametraxe española realizada coa tecnoloxía 3D estereoscópica, Holy Night!. Dirixida por Juan Galiñanes, estaba prevista a súa estrea para o Nadal de 2010, pero os graves problemas económicos que atravesaba Dygra obrigaron a anunciar o adiamento ao Nadal de 2011; desgraciadamente tampouco se puido estrear nesa data, continuando sen saír á luz debido á desaparición da produtora Dygra en 2012.[15][16]
En 1998, Filmax crea en Santiago a súa división de animación, Bren Entertainment.Tense manifestado como a produtora máis prolífica e a máis premiada, chegando a estar traballando nun proxecto máis de cen persoas, das que a metade eran galegas.[4] Están entre as súas producións Goomer (1999), premio Goya á mellor película de animación en 1999,[17] O Cid, a lenda (2003), premio Goya á mellor película de animación en 2003,[18] Pinocho 3000 (2004), premio Goya á mellor película de animación en 2004,[19] Gisaku (2005),[20] Pérez, o ratiño dos teus soños (2006) premio Goya á mellor película de animación en 2006,[21] Nocturna (2007), premio Goya á mellor película de animación en 2007,[22] Donkey Xote (2007)[23] ou Pérez 2, o ratiño dos teus soños (2008).[24] En 2010 realizou Copito de nieve, película que integraba imaxe real e 3D, contando coa participación de Elsa Pataky.[25] En 2012, a produtora estaba intervida xudicialmente pois acumulaba compromisos pendentes de pago por valor de 153,4 millóns de euros.[15]
Xunto a Dygra e Filmax, sobresae a produtora Continental, da que saíron títulos como De Profundis (2006)[26] de Miguelanxo Prado, unha especie de poema visual na liña de realizadores das vangardas, e A crise carnívora (2007),[27] primeira longametraxe realizada integramente en animación Flash.
A produtora Perro Verde Films conseguiu dous premios Goya á mellor película de animación con O lince perdido en 2008[28] e Engurras no 2011.[29] O Apóstolo (2008)[30] de Artefacto Producciones obtivo varios premios nacionais e internacionais.
Trala crise que levou por diante ás grandes produtoras da primeira década do século XXI, xurdiron pequenas produtoras que seguen a facer de Galicia un referente na animación a nivel nacional e europeo.[4] Entre estas produtoras está Abano, dirixida por Chelo Loureiro, e Antaruxa, que en 2020 abordou a produción de Valentina, a súa primeira longametraxe de debuxos animados.[31]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.