From Wikipedia, the free encyclopedia
América precolombiana,[1] era precolombiana e culturas precolombianas son termos que inclúen os períodos da historia e da prehistoria de América antes da aparición da influencia europea no continente, unha época que abrangue dende o poboamento orixinal no Paleolítico superior até a colonización europea durante a Idade Moderna.
Malia que o termo se refire literalmente ó tempo precedente á chegada de Cristovo Colón en 1492, na práctica emprégase a expresión para facer referencia á historia das culturas indíxenas de América até que estas culturas foron exterminadas, menosprezadas ou alteradas polos europeos, mesmo se isto ocorreu décadas ou séculos despois da primeira chegada de Colón. Por este motivo os termos América precontacto, América precolonial ou América prehistórica tamén teñen certo uso. En áreas de América Latina, o termo máis común é prehispánico.
Moitas civilizacións precolombianas conseguiron crear asentamentos permanentes e cidades, desenvolver a agricultura, xerar arquitectura cívica e monumental e desevolver unha complexa sociedade xerárquica. Algunhas destas civilizacións desapareceron durante a época das primeiras colonias europeas permanentes e da chegada dos africanos escravos (c. finais do século XVI e comezos do XVII),[2] e só se coñecen a través das investigacións arqueolóxicas e a historia oral. Outras civilización foron contemporáneas co período colonial e puideron ser descritas polos historiadores europeos da época. Unhas poucas, como a civilización maia, tiñan os seus propios rexistros escritos. Por mor de que moitos europeos critiáns da época viron eses textos como herexía, persoas como Diego de Landa destruríron moitos textos en fogueiras. Só algúns documentos ocultos sobreviviron nas súas linguas orixinais, mentres que outros foron transcritos ou ditados ó castelán, dando aos historiadores modernos visións da cultura e do coñecemento antigos.
As culturas indíxenas americanas continúan a evolucionar despois da era precolombiana. Moitos destes pobos e os seus descendentes continúan as prácticas tradicionais ó evolucionalas e adaptalas as novas prácticas e tecnoloxías culturais.
O haplogrupo máis comunmente asociado coa xenética indíxena americana é o haplogrupo Q-M3.[3] O cromosoma Y, como o ADN mitocondrial, difire doutros cromosomas nucleares en que a maioría do cromosoma Y é único e non se recombina durante a meiose. Isto ten o efecto de que os padróns históricos de mutacións poden ser estudados facilmente.[4] Este padrón sinala que os indíxenas americanos experimentaron dous episodios xenéticos significativos; o primeiro durante o poboamente orixinal de América, e o segundo durante a colonización europea de Américas.[5][6] O primeiro é o factor determinante para o número de liñaxes xenéticas e os haplotipos presentes nas poboacións indíxenas americanas.[6]
O asentamento humano no continente produciuse por etapas dende a costa do mar de Bering, cunha escala de hai 20 000 anos en Berinxia pola poboación fundadora.[7][8] A diversidade e distribución de microsatélites da liñaxe Y de América do Sur indica que certas poboacións amerindias quedaron illadas dende o comezo da colonización da rexión.[9] As poboacións na-dené, inuit e os indíxenas de Alasca presentan mutacións do haplogrupo Q-M242, porén son distintas doutros indíxenas americanos con varias mutacións de ADN mitocondrial.[10][11][12] Isto suxire que as primeiras migracións nos extremos de América do Norte e Groenlandia proveñen de poboacións posteriores.[13]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.