From Wikipedia, the free encyclopedia
Aldfrith, finado o 14 de decembro de 704 ou 705, ás veces chamado Aldfrid, Aldfridus (latín), ou Flann Fína mac Ossu (irlandés clásico) foi rei de Northumbria desde 685 até a súa morte.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | década de 600 |
Morte | 705 (Gregoriano) (95/105 anos) Driffield, Reino Unido (pt) |
Rei de Northumbria | |
685 – 704 ← Ecgfrith de Northumbria – Eadwulf I de Northumbria → | |
Rei de Northumbria | |
665 (Gregoriano) – 670 (Gregoriano) ← Ecgfrith de Northumbria – Eadwulf I de Northumbria → | |
Datos persoais | |
Relixión | Cristianismo |
Actividade | |
Ocupación | monarca, poeta, monarca |
Outro | |
Título | Rei |
Cónxuxe | Cuthburh |
Fillos | Offa of Northumbria, Osric de Northumbria, Osred I de Northumbria, Osana |
Pais | Oswiu de Northumbria e Fín |
Irmáns | Alfleda Ostrida Aelfwine de Deira Alchfrith de Deira Ecgfrith de Northumbria |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography, 1885–1900 (en) |
É descrito por escritores como Beda, Alcuíno e Estevo de Ripon como un home de gran sabedoría, pervivindo algúns dos seus traballos, así como cartas escritas a el. O seu reinado foi relativamente pacífico, embazado só polas disputas co bispo Wilfrid, figura importante na igrexa de Northumbria.
Aldfrith foi fillo de Oswiu de Northumbria e unha princesa irlandesa chamada Fín. A data do seu nacemento é descoñecida. Oswiu morreu en 670 e sucedeulle o seu fillo Ecgfrith. Como fillo máis novo, Aldfrith foi educado para seguir a carreira eclesiástica. Con todo, cando Ecgfrith morreu na batalla de Nechtansmere no 685, Aldfrith foi reclamado de novo en Northumbria, e proclamado rei.
Beda sinala que no seu reinado el "restaurou habilmente a esnaquizada fortuna do reino, aínda que de forma menor as fronteiras"[1]. No seu reinado creáronse obras da arte hiberno-saxoas como os Evanxeos de Lindisfarne e o Codex Amiatinus, e adóitase ver como o comezo da idade de ouro de Northumbria.
No ano 600, a maior parte do que agora se coñece como Inglaterra fora conquistada por invasores do continente: incluíndo anglos, saxóns, e xutos. Bernicia e Deira, os dous reinos anglosaxóns no norte de Inglaterra, uníronse primeiro sobre o 605 cando Aethelfrith, rei de Bernicia, estendeu o seu poder sobre Deira. Durante o século VII os dous reinos tiveron ás veces un único rei e ás veces estiveron separados. O reino combinado pasou a coñecerse como o reino de Northumbria: estendéndose desde o río Humber polo sur até o río Forth polo norte[2].
No 616, Edwin, orixinario de Deira, sucedeu a Aethelfrith. Edwin desterrou aos fillos de Aethelfrith: Oswald e Oswiu de Northumbria. Os dous pasaron o seu exilio en Dalriada, reino que abarcaba partes do nordés de Irlanda e suroeste de Escocia. Oswiu era un neno cando chegou a Dalriada, e creceu no medio irlandés[3]. Aprendeu a falar de forma fluída o irlandés antigo e podería haberse casado cunha princesa da dinastía Uí Néill, probabelmente a filla ou a neta de Colmán Rímid[4][5]. Aldfrith naceu desta unión, pero a data do seu nacemento é descoñecida[6]. Probabelmente foi primo ou sobriño do destacado estudoso Cenn Fáelad mac Aillila, e quizais sobriño do bispo Finan de Lindisfarne. A relación entre os seus pais non foi considerada legal pola igrexa de Northumbria, por iso descríbeno como o fillo dunha concubina nas fontes da época. Algunhas fontes posteriores chegan mesmo a dubidar da súa paternidade, pero para as contemporáneas ben informadas non hai dúbida de que é o fillo de Oswiu.
Os dous irmáns retornaron a Northumbria tras a morte de Edwin en 633, e entre os dous reinaron durante máis da metade do século VII. O monxe e cronista do século VIII Beda atribúelles manter un imperio ou señorío sobre os demais reinos anglosaxóns. No caso de Oswiu, o seu dominio estendeuse máis aló cara aos pictos, os escotos de Dalriada e outros reinos de nativos máis descoñecidos que ocupaban o que é agora o nordés de Inglaterra e o sueste de Escocia. A supremacía de Oswiu terminou en 658 co ascenso de Wulfhere de Mercia, pero o seu reinado continuou até a súa morte en 670 cando Egfrith, un dos fillos que tivo coa súa segunda muller, Eanfleda de Deira, o sucedeu no trono. Ecgfrith non foi quen de recuperar a posición de Oswiu en Mercia e os reinos do sur, sendo derrotado polo irmán de Wulfhere Aethelred nunha batalla no río Trent en 679.
Ecgfrith enviou unha armada ás ordes do seu xeneral Bert a Irlanda en 684 onde arrasou Brega, destruíndo igrexas e tomando prisioneiros. Crese que a incursión pretendía evitar o apoio ante unha posíbel reclamación ao trono que puidese facer Aldfrith, aínda que é posíbel que subxacesen outros motivos.
Ningún dos dous matrimonios de Ecgfrith — o primeiro coa santa virxe Eteldreda de Ely, o segundo con Eormenburh — concibiron fillos[7]. Por tanto a sucesión en Northumbria non estivo clara durante algúns anos tras a morte de Ecgfrith.
Ecgfrith morreu durante unha campaña contra o seu primo, o rei dos pictos Bridei map Beli, nunha batalla coñecida como Nechtansmere para os northumbrianos, aínda que se loitou preto de Forfar, no territorio dos pictos ao norte do Fiorde de Forth. Beda relata que a raíña Eormenburh e Cuthbert visitaron Carlisle ese día, e que Cuthbert tivo unha premonición da derrota. A morte de Ecgfrith ameazaba con romper a unión da herdanza de Aethelfrith en Northumbria, pero Aldfrith converteuse en rei nos tronos de Bernicia e Deira, manténdoos unidos.
Aínda que deben existir rivais que reclamaron o trono, non hai constancia de resistencia á ascensión de Aldfrith. Tamén se suxeriu que o ascenso de Aldfrith se logrou grazas ao apoio de Dalriada, os Uí Néill e os pictos, os cales preferirían un rei coa madurez e sabedoría de Aldfrith antes que un monarca máis guerreiro, como foran Oswiu ou Ecgfrith. O historiador Herman Moisl, por exemplo, escribiu que "Aldfrith estaba en Iona un ano antes da batalla de Nechtansmere; inmediatamente despois, el foi rei de Northumbria. É bastante obvio que el debe ser instalado no trono por unha alianza entre pictos e dalrianos". No seu reinado non se coñecen máis batallas.
Beda, parafraseando a Virxilio, escribiu o seguinte da morte de Ecgfrith, "as esperanzas e fortalezas do reino inglés comezaron a 'fraquear e escorregar cara a lugares cada vez máis baixos'. Northumbria nunca recuperou o dominio do centro da illa perdido en 679, ou do norte perdido en 685. Con todo, Northumbria seguiu sendo un dos estados máis poderosos de Bretaña e Irlanda até ben entrada a época viquinga.
Aldfrith tivo Bernicia e Deira baixo o seu reino, pero as dúas partes permaneceron diferenciadas, e serían divididas outra vez polos viquingos a finais do século IX. O centro de Bernicia situábase na rexión que rodea a posterior fronteira anglo-escocesa, con Lindisfarne, Hexham, Bamburgh, como Yeavering como importantes centros relixiosos e reais. Mesmo tras a morte de Ecgfrith, Bernicia incluía moito do actual sueste de Escocia, cun presumíbel centro real en Dunbar, e centros relixiosos en Coldingham e Melrose. Os detalles dos comezos da baixa Idade Media no noroeste de Inglaterra e o suroeste de Escocia son máis escuros, pero coñécese un bispado Whithorn desde pouco despois do reinado de Aldfrith. York, Catterick, Ripon, e Whitby semellan ser lugares importantes en Deira.
A fronteira do sur con Mercia atravesaba Inglaterra, desde o Humber ao leste, seguindo o río Ouse e o río Don, até o Mersey ao oeste. As evidencias arqueolóxicas parecen mostrar que esa foi unha fronteira ben defendida.
Xunto co rei, a familia real e a nobreza, a Igrexa tiña unha forza importante en Northumbria. Os clérigos non só eran figuras con autoridade espiritual, senón que eran importantes señores de terras, que tamén controlaban o comercio, centrado nas principais igrexas e mosteiros nunha terra sen cidades. O bispado do Lindisfarne foi ostentado por Cuthbert na ascensión de Aldfrith. A Cuthbert sucedeuno Eadberht, quen máis tarde sería abade de Iona e levaría a controversia da Pascua ao seu fin e posteriormente Eadfrith, creador dos Evanxeos de Lindisfarne. Os bispos de Lidisfarne ás veces ostentaron tamén o bispado de Hexham, pero durante o reinado de Aldfrith ostentábaos Xoán de Beverley, un pupilo e protexido de Teodoro de Tarsus, Arcebispo de Canterbury. O bispado de York estaba en mans de Bosa no 685. Pasou a Wilfrid no 687 pero foille revogado no 691 tras a volta de Bosa a York.
Aldfrith parece ter o apoio dos líderes eclesiásticos, máis notabelmente da súa medio-irmá Ælfflæd e o altamente respectado bispo Cuthbert. Sábese que recibiu o sacramento da confirmación de mans de Aldhelm, máis tarde Bispo de Sherborne no reino de Wessex. Aldhelm tamén recibira unha educación irlandesa, pero en Bretaña, en Malmesbury. A correspondencia entre os dous sobrevive, e Aldhelm enviou a Aldfrith o seu tratado de numeroloxía do número sete, a Epistola ad Acircium. Aldfrith tamén posuía o manuscrito de cosmografia, que (segundo Beda) adquiriu do Abade Ceolfrith a cambio dunha estatua. Aldfrith era un amigo próximo de Adomnán, Abade de Iona desde o 679, e podería estudar xunto a el. Na década do 680 reuniuse dúas veces con Adomnán, quen acudiu a pedir a liberdade dos irlandeses capturados na expedición de Berht do 684. Estes foron liberados e Adomnán recompensou a Aldfrith cunha copia do seu tratado De Locis Sanctis, unha descrición dos lugares de peregrinación en Terra Santa, Alexandría e Constantinopla. Beda informa que Aldfrith fixo circular o traballo de Adomnán para que fose lido.
Beda describiu a Aldfrith como un erudito, e o seu interese en aprender distíngueo dos anteriores reis guerreiros anglosaxóns como Penda. As fontes irlandesas descríbeno como un sapiens, un termo latino para sabios que se refire a un erudito non asociado a unha igrexa particular. Isto implica un grao de aprendizaxe e sabedoría que levan a historiador Peter Hunter Blair a comparar a Aldfrith co ideal platónico do filósofo-rei.
Con todo as relacións de Aldfrith coa Igrexa non foron sempre suaves. Herdou de Ecgfrith un problema relacionado con Wilfrid, unha importante figura eclesiástica da época. Wilfrid, bispo de York, fora exiliado por Ecgfrith polo seu papel persuadindo á muller de Ecgfrith, Æthelthryth, a permanecer santamente célibe. No 686, a instancias do arcebispo Teodoro, Aldfrith permitiu retornar a Wilfrid. As súas relacións foron tormentosas. A hostilidade entre os dous foi causada parcialmente polas lealdades de Aldfrith coa Igrexa celta, unha consecuencia da súa acollida no exilio. Pero unha causa máis significativa de conflitos foi a oposición de Wilfrid á división de Teodoro, no 677, da súa enorme diocese de Northumbria. Cando Wilfrid volveu do exilio a reconciliación con Aldfrith non incluíu o apoio deste ao intento de Wilfrid de recuperar a súa autoridade episcopal sobre todo o norte. Entre 691 e 692 as súas diferenzas eran irreconciliábeis.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.