From Wikipedia, the free encyclopedia
A aguia de Haast (Harpagornis moorei) é un xénero e especie extintos de aguia que habitou na Illa Sur de Nova Zelandia. Esta foi a meirande aguia que se coñece. A súa presa principal eran as moas, xigantescas aves non voadoras que eran incapaces de se defender da forza de choque e a velocidade destas aguias, as cales podían acadar unha velocidade de 80 km/h. O gran tamaño da aguia pode ter sido unha resposta evolutiva ó tamaño das súas presas, xa que debía ter sido substancialmente menor cando chegou á illa, para logo medrar ó longo do tempo debido á carencia de competencia, un fenómeno que se coñece como xigantismo insular. A aguia de Haast extinguiuse polo ano 1400, cando a súa principal fonte alimenticia, as moas, foron cazadas até a extinción polos maorís e a maior parte do seu hábitat de bosques densos foi devastado.
Aguia de Haast | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Foto coa caveira | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Extinto dende 1400 | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Harpagornis moorei' Haast, 1872 |
As análises de ADN descubriron que esta rapaz estaba relacionada coa moito menor Hieraaetus morphnoides así como a Hieraaetus pennata (ambas especies clasificadas como pertencentes ó xénero Aquila[1]) e non, como se pensou nun principio, á relativamente grande Aquila audax.[2] Polo tanto, Harpagornis moorei podería ser eventualmente reclasificada como Aquila moorei. H. moorei pode ter diverxido destas aguias nun período relativamente recente, comprendido entre 700.000 a 1.8 millóns de anos. O seu incremento de tamaño de dez a quince veces neste período é o maior e máis rápido incremento evolutivo de masa de calquera vertebrado coñecido. Isto foi posible en parte grazas á presenza de grandes presas e á ausencia de competencia doutros grandes depredadores.
A aguia de Haast foi descrita orixinalmente por Julius von Haast na década de 1870, quen a denominou Harpagornis moorei na honra de George Henry Moore, o propietario de Glenmark Estate onde se atoparon os ósos da ave. O nome do xénero deriva do grego harpax, que significa 'arpexo', e ornis, que significa 'ave'.
As aguias de Haast foron as maiores rapaces coñecidas, levemente maiores incluso que os máis grandes voitres. As aguias femias son significativamente maiores que os machos. Moitas estimacións sitúan ás aguias de Haast femias no rango de 10 a 15 quilogramos e ós machos entre os 9 e 12 quilogramos.[3] Unha comparación coas aguias actuais da rexión de Australasia resultou nunha masa estimada para os machos de aguia de Haast de 11,5 quilogramos e de 14 quilogramos para as femias.[4] Unha fonte estimou que as maiores femias puideron ter chegado a pesar máis de 16,5 quilogramos de masa.[5] Tiñan unha envergadura relativamente curta para o seu tamaño, medindo aproximadamente 2,6 ata máis de 3 metros nalgúns casos.[6][7] Esta envergadura é semellante á dalgunhas aguias actuais (a envergadura reportada para os maiores exemplares de Aquila audax, a aguia real, a aguia marcial e o Haliaeetus pelagicus)[8][9], e aínda que os voitres máis grandes non acadaron a súa masa, si igualaron ou superaron a envergadura da aguia. Porén, mesmo as maiores aguias vivas son case un corenta por cento menores en tamaño corporal comparadas coa aguia de Haast.[8][10]
As ás curtas pódenlle ter axudado ás aguias de Haast a cazar en medio das densas matogueiras e fragas de Nova Zelandia. A aguia de Haast foi retratada de xeito incorrecto como se tivese evolucionado cara a unha condición non voadora, mais isto non é así; máis ben representa unha diverxencia do tipo de voo por planeo dos seus devanceiros, desenvolvendo unhas ás máis anchas.[11] Dúas das maiores aguias actuais, a aguia harpía e o Pithecophaga jefferyi tamén reduciron a lonxitude das súas ás para adaptarse a vivir nos bosques.[8]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.