From Wikipedia, the free encyclopedia
Abelardo Moure García, coñecido como Lardo, nado na Pobra do Caramiñal en 1979 é un deportista, especialista en lanzamento de xavelina, e adestrador de atletas galego.
Este artigo ou apartado contén afirmacións non neutrais e/ou texto que promociona o tema tratado de forma subxectiva sen achegar información neutral e verificable. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1979 (44/45 anos) A Pobra do Caramiñal, España |
Actividade | |
Ocupación | adestrador, deportista |
A súa actividade deportiva comezou sendo moi neno. Seu pai, o histórico Pepe Moure, foi o fundador, en 1984, da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, e con só 5 anos, o pequeno Lardo foi un dos primeiros atletas deste club.
Moure foi un brillante e prometedor deportista que comezou practicando desde disciplinas como medio fondo e salto de altura até lanzamentos. Aos 12 anos xa estaba entre os primeiros de Galicia. E no ano 1993 acompañou a un primo para competir nun trofeo infantil compostelán. Era a primeira vez que lanzaba unha xavelina en competición, e conseguiu a marca mínima para asistir ao campionato galego de atletismo en Ourense. Alí quedou terceiro nos 1 000 m obstáculos, a súa disciplina potencial, pero «para a miña sorpresa e a do meu pai, quedei subcampión de Galicia en xavelina, mellorando en 8 m a miña marca». Cando pasou a ser cadete, combinou o medio fondo e o lanzamento de xavelina, até que unha tendinite crónica de nacemento o apartou sen remedio das carreiras.
Lardo Moure converteuse en autodidacta do lanzamento de xavelina, nunha época na que na comarca do Barbanza se carecía de recursos e de coñecementos para practicalo. Pero o destino adoita aliarse co esforzo. Mentres que na Coruña se construía o actual estadio de Riazor, un dos mellores adestradores españois desta disciplina, Raimundo Fernández, comezou a adestrar na Alta. A este ídolo de Moure acompañábano atletas da categoría da olímpica Ángeles Barreiro. Así foi como o pobrense recibiu o mellor asesoramento posíbel e comezou a adestrar ao lado dos que eran os seus referentes. Iso non marcaría soamente a diferenza na súa carreira como atleta, senón que tamén influiría na súa traxectoria como adestrador, que comezou con 16 anos.
Moure viviu unha fulgurante carreira como lanzador, de forma paralela aos seus estudos e traballo, primeiro no Club Atletismo Rías Ferrol e despois ascendendo nunha escaleira que o levou polo Club Atletismo Ourense, Scorpio de Zaragoza, Scania de Pamplona, Universidad de Burgos e Fent Camí Mislata de Valencia.
Trinta anos despois de dar os seus primeiros pasos deportivos na Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, os rostros no pobrense campo da Alta, en Cabío, cambiaron, pero aínda máis o fixo o medalleiro da asociación. Desde que Lardo Moure tomou o testemuño do seu proxenitor e se converteu en adestrador, o conxunto dos atletas que dirixiu acumula 47 metais en campionatos nacionais, tres en europeos e mundiais, catorce récords estatais, 27 récords autonómicos, oito finalistas internacionais e máis de 200 medallas a nivel galego. Nesta lista sobresaen os nomes de campioas do talle de Ana Peleteiro e Lidia Parada.
Baixo a súa disciplina, da Alta xurdiron importantes méritos. Foi o adestrador máis novo do campionato do mundo júnior en clasificar a dúas atletas para unha selección nacional: Ana Peleteiro e Lidia Parada. A primeira erixiuse en campioa mundial júnior de triplo salto.[1][2] E na actualidade, Parada non perdeu nin un só campionato estatal de lanzamento de xavelina.[3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.