músico, cantautor e director de teatro chileno From Wikipedia, the free encyclopedia
Víctor Lidio Jara Martínez, nado en San Ignacio o 28 de setembro de 1932 e asasinado en Santiago de Chile o 16 de setembro de 1973, foi un músico, cantautor e director de teatro chileno.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2018.) |
Procedente dunha familia campesiña, converteuse nun referente internacional da canción reivindicativa e de cantautor. Foi asasinado durante a represión que seguiu ó golpe de estado do Xeneral Augusto Pinochet contra o goberno democrático de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973.
"Que el canto tiene sentido, |
"Manifiesto" - Victor Jara |
Fillo de pais campesiños, inquilinos da pequena localidade de Quiriquina, a 30 minutos de Chillán. O seu pai, Manuel Jara, traballaba nos labores propios do campo intentando arrancar algún rendemento á eira que lle alugaran. A súa nai, Amanda, cantora (cun amplo coñecemento da cultura popular, orixinaria do sur de Chile e con sangue mapuche), tocaba a guitarra. A familia completábase con María, Georgina (Coca), Eduardo (Lalo), Víctor e Roberto, o menor.
Desde neno, xa con seis ou sete anos, Víctor Jara viuse na obriga de acompañar nos traballos do campo á familia e a realizar tódolos labores propios encargados ós cativos (buscar auga, leña...). A actividade de cantora da súa nai supúxolle o primeiro contacto coa música. Acompañábaa a tódolos acontecementos ós que era requirida (vodas, bautizos, velorios...). A mala relación co seu pai provocou que Víctor se unira máis á súa nai, quen se preocupou da educación dos fillos mandándoos á escola, onde Víctor axiña destacou.
Trasladáronse á poboación de Nogales, onde volveu atoparse con Julio e Humberto Morgado, compañeiros da escola primaria. A familia Morgado proporcionou a Víctor comida e cama. Víctor deixou os estudos e traballou nunha fábrica de mobles e axudaba a Pedro Morgado, pai dos seus compañeiros, no seu traballo de transportista.
Por consello do pai Rodríguez ingresa no seminario dos redentoristas en San Bernardo. Víctor recorda así a decisión:
Para min foi unha decisión moi importante ingresar no seminario. Ao pensalo agora, desde unha perspectiva máis dura, creo que o fixen por razóns íntimas e emocionais, pola soidade e a desaparición dun mundo que ata entón fora sólido e perdurable, simbolizado por un fogar e o amor da miña nai. Eu xa estaba relacionado coa igrexa, e naquel momento procurei refuxio nela. Entón pensaba que ese refuxio me guiaría cara outros valores e me axudaría a atopar un amor diferente e máis profundo que quizais compensaría a ausencia de amor humano. Crin que encontraría ese amor na relixión dedicándome ao sacerdocio.
Dous anos despois, en 1952, abandonaría o seminario ó decatarse da súa falta de vocación, pero lembrando positivamente o canto gregoriano e a parte de interpretación da liturxia. Cando sae do seminario vai realizar o servizo militar.
Con 21 anos entra no coro da Universidade de Chile e participa na montaxe de Carmina Burana, comezando así o seu traballo de investigación e recompilación folclórica. Tres anos máis tarde forma parte da compañía de teatro "Compañía de Mimos de Noisvander", e empeza a estudar actuación e dirección na Escola Teatro da Universidade.
En 1957 entra a formar parte do grupo de cantos e danzas folclóricas Cuncumén e coñece a Violeta Parra, que o anima a seguir cantando.
Con 27 anos, en 1959, dirixe a súa primeira obra de teatro: Parecido a la felicidad, de Alejandro Sieveking, facendo actuacións por varios países latinoamericanos. Como solista do grupo folclórico grava o seu primeiro disco, dúas panxoliñas. No ano seguinte participa como asistente de dirección na montaxe de La Viuda de Apablaza, de Germán Luco Cruchaga, sendo o director Pedro de la Barra, e dirixe a obra La Mandrágora, de Machiavello.
En 1961, e como director artístico do grupo Cuncumén, viaxa polos Países Baixos, Francia, Unión Soviética, Checoslovaquia, Polonia, Romanía e Bulgaria.
Ese mesmo ano compón a súa primeira canción, "Paloma quiero contarte", e segue traballando como asistente de dirección na montaxe de La Madre de los Conejos, de Alejandro Sieveking. Ó ano seguinte dirixiría para Ituch a obra Animas de Día Claro, tamén de Sieveking.
Grava co grupo Cuncumén o álbum Folclore Chileno, onde ten dúas cancións propias, Paloma quiero contarte e La Canción del minero. Comeza a desempeñar a función de director na "Academia de Folclore de la Casa de la Cultura de Ñuñoa", cargo que desempeñaría ata 1968. Nesa mesma época e ata 1970 forma parte do equipo estable de directores do Instituto de Teatro de la Universidad de Chile (Ituch), e entre 1964 e 1967 é profesor de actuación na Universidade.
O traballo de dirección teatral lévalle moito tempo e realiza, ben como asistente de dirección ou como director, varias montaxes, entre elas unha para a TV (para Canal, a TV da Universidade de Chile) realizando unha xira pola Arxentina, o Uruguai e Paraguai coa obra Animas de día claro, de Sieveking. En 1963 é asistente de dirección de Atahualpa del Cioppo na montaxe de El círculo de tiza, de Bertolt Brecht, para o Ituch.
Segue compoñendo música e en 1965 dirixe a obra La remolienda, de Sieveking, e a montaxe de La maña, de Ann Jellicoe, para o Ictus, polas que recibe o premio Laurel de Oro como mellor director e o premio de La Crítica do Círculo de Periodistas á mellor dirección por La maña.
Exerce de director artístico para o grupo Quilapayún entre os anos 1966 e 1969 e ata 1970 actúa como solista en La Peña de los Parra. Segue cantando e dirixindo obras de teatro, e en 1966 grava o seu primeiro álbum, Víctor Jara, editado por Arena.
Coa casa Emi-Odeón gravaría ó ano seguinte os álbums Víctor Jara e Canciones Folclóricas de América, xunto a Quilapayún.
Segue traballando como director teatral e monta de novo La remolienda recibindo o premio da Crítica pola dirección de "Entretenimiento a Mr. Sloane" e o Disco de Prata do selo Emi-Odeón.
En 1969 monta a obra Antígona, de Sófocles, para a Compañía da Escola de Teatro da Universidade Católica. Coa canción Plegaria a un labrador gaña o primeiro premio no Primer Festival de la Nueva Canción Chilena e viaxa a Helsinqui para participar nun Mitin Mundial de Mozos por Vietnam e grava Pongo en tus manos abiertas.
En 1970 participa en Berlín na Conversación Internacional de Teatro, e en Buenos Aires no Primeiro Congreso de Teatro Latinoamericano. Implícase na campaña electoral da Unidad Popular e saca o disco Canto libre.
É nomeado Embaixador Cultural do goberno da Unidade Popular e en 1971 pon música, xunto con Celso Garrido Lecca, ó ballet Los siete estados de Patricio Bunster para o Ballet Nacional de Chile. Xunto a Violeta Parra e Inti-Illimani entran no Departamento de Comunicacións da Universidade Técnica do Estado. Coa casa Dicap edita o disco El derecho de vivir en paz, que lle vale o premio Laurel de Oro á mellor composición do ano.
Traballa como compositor de música para continuidade na Televisión Nacional de Chile desde 1972 ata 1973, e investiga e recompila testemuñas en Herminda de la Victoria, nas que basearía o seu disco La población. Viaxa á URSS e a Cuba e dirixe a homenaxe a Pablo Neruda pola obtención do Premio Nobel.
Os campesiños de Ranquil invítano á realización dunha obra musical sobre o lugar e dentro do seu compromiso social toma parte nos traballos voluntarios para impedir a paralización do país que as forzas reaccionarias queren lograr mediante a folga de camioneiros.
Ese mesmo compromiso levarao en 1973 a realizar diferentes actos, participando na campaña electoral para as eleccións ó parlamento a favor dos candidatos da Unidade Popular, e respondendo a un chamamento de Pablo Neruda participa dirixindo e cantando nun ciclo de programas de TV contra a guerra e o fascismo. Traballa en varios discos que xamais poderá gravar e realiza a gravación de Canto por travesura
O golpe de estado do xeneral Augusto Pinochet contra o presidente Salvador Allende, o 11 de setembro dese ano, sorpréndeo na Universidade Técnica do Estado. É detido xunto con outros alumnos e profesores e levado ó Estadio Chile, onde permanece detido varios días. Segundo algunhas versións, é torturado durante horas, golpeándolle as mans ata romperllas coa culata dun revólver, e finalmente dispáranlle o día 16 de setembro, atopándose o seu corpo tres días máis tarde [1] . A súa viúva, Joan Jara, negou que lle arrincaran as unllas e outra serie de torturas ás que se di que foi sometido.
Foi un destacado militante do Partido Comunista de Chile, sendo membro do comité central das Xuventudes Comunistas de Chile ata o momento do seu asasinato. Estando preso escribiu o seu último poema e testemuña: Somos cinco mil
Somos cinco mil
en esta pequeña parte de la ciudad.
presión moral, terror y locura!
Somos cinco mil
¿Cuántos seremos en total
en las ciudades y en todo el país?
Solo aquí
diez mil manos siembran
y hacen andar las fabricas.
¡Cuánta humanidad
con hambre, frío, pánico, dolor,
En 1990, a Comisión de Verdad y Reconciliación determinou que as forzas da orde executaron[2] a Víctor Jara o 16 de setembro de 1973 no Estadio Chile, e que o botaron nunhas matogueiras nas proximidades do Camposanto Metropolitano situado á beira da Estrada 5 Sur. Logo levárono á morgue como NN, onde máis tarde sería identificado pola súa esposa. Os seus restos atópanse no Camposanto Xeral de Santiago de Chile.
Como homenaxe, a 30 anos do Golpe Militar, en setembro de 2003 o Estadio Chile recibiu o seu nome.
Dirección:
Asistente de dirección:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.