![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/5b/PBR322.svg/langgl-640px-PBR322.svg.png&w=640&q=50)
Vector de clonación
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un vector de clonación é un pequeno fragmento de ADN, tomado dun virus, un plásmido ou unha célula dun orgnismo superior, que pode ser mantido establemente nun organismo, no cal se pode inserir un fragmento de ADN alleo co obxectivo de clonalo.[1] O vector presenta características que permiten unha axeitada inserción no vector dun fragmento de ADN ou a súa eliminación, por exemplo tratando o vector e o ADN alleo cun encima de restrición que corta o ADN. Os fragmentos de ADN así xerados conteñen extremos romos ou con extemos coherentes ou "adhesivos" que sobresaen, e despois o ADN do vector e o ADN alleo con extremos compatibles poden volver a unirse por ligación. Unha vez que o fragmento de ADN foi clonado nun vector de clonación, pode ser despois subclonado noutro vector deseñado para un uso máis específico.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/5b/PBR322.svg/640px-PBR322.svg.png)
Hai moitos tipos de vectores de clonación, pero os utilizados máis frecuentemente son os plásmidos modificados por enxeñaría. A clonación xeralmente realízase utilizando a bacteria Escherichia coli, e os vectores de clonación en E. coli poden ser plásmidos, bacteriófagos (como o fago λ), cósmidos e cromosomas artificiais bacterianos (BAC). Porén, algúns ADN non poden manterse establemente en E. coli, como ocorre cos fragmentos de ADN moi longos, e nese caso poden usarse outros organismos como os lévedos. Os vectores de clonación en lévedos adoitan ser cromosomas artificiais de lévedos (YAC).