Fago lambda
From Wikipedia, the free encyclopedia
O fago λ (lambda) ou colifago λ (nome completo fago λ de enterobacterias ou Enterobacteria phage λ) é un virus que infecta a bacterias, é dicir, un virus bacteriófago ou fago, e infecta concretamente á especie bacteriana Escherichia coli. Descubriuno Esther Lederberg en 1950 cando traballaba con cultivos de mesturas de dúas cepas de E. coli, e decatouse de que cando unha delas era tratada con luz ultravioleta, no cultivo formábanse placas virais (áreas con bacterias mortas).[1][2] Este virus denomínase temperado, xa que no seu ciclo vital pode reproducirse normalmente dentro da bacteria e lisala (ciclo lítico) ou pode inserir o seu xenoma no xenoma da bacteria e non lisala (ciclo lisoxénico, temperación).
Enterobacteria phage λ | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Placas de lise do fago lambda nun cultivo da bacteria E. coli | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
|
As partículas do fago constan dunha cabeza (ou cápside), unha cola, e fibras da cola (ver imaxe máis abaixo). A cabeza contén o ácido nucleico xenómico, que é ADN bicatenario linear. Durante a infección, a partícula do fago recoñece e únese ao seu hóspede, E. coli, o que fai que o ADN no interior da cabeza do fago sexa inxectado a través da cola ao interior do citoplasma da célula bacteriana. Xeralmente, prodúcese un ciclo lítico no que se forman novos fagos completos dentro da bacteria, o que vai seguido da lise da célula, liberando o contido celular e a proxenie de virións no seu contorno. Porén, baixo certas condicións, o ADN do fago pode integrarse no cromosoma da célula hóspede orixinando un ciclo lisoxénico. Neste estado integrado, o ADN de λ dise que é un profago e permanece como residente dentro do xenoma do seu hóspede sen aparentemente causarlle danos á bacteria. O hóspede que contén un profago denomínase lisóxeno. Cando a bacteria se reproduce e copia o seu ADN, tamén se copia o ADN do profago, polo que todo o clon bacteriano formado levará o profago. Este profago pode entrar no ciclo lítico cando se dan certas condicións de estrés.