Vector (bioloxía molecular)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En clonación molecular, un vector é unha molécula de ADN usada como vehículo para transportar artificialmente material xenético alleo a outra célula, onde pode ser replicado ou expresado (por exemplo, un plásmido, cósmido, fago lambda). Un vector que conteña un ADN alleo denomínase ADN recombinante. Os catro tipos principais de vectores son plásmidos, vectores virais, cósmidos e cromosomas artificiais. Destes os vectores que máis se usan son os plásmidos.[1] Unhas características comúns a todos os vectores usados en enxeñaría son ter unha orixe de replicación, un sitio de clonación múltiple e un marcador seleccionable.
O vector é unha secuencia de ADN que consiste nun inserto (transxene) e unha secuencia máis grande que serve como "esqueleto" do vector. O propósito dun vector que transfire información xenética a outra célula é tipicamente illar, multiplicar ou expresar o inserto na célula diana. Todos os vectores poden usarse para a clonación e, por tanto, son vectores de clonación, pero hai tamén vectores deseñados especialmente para a clonación, mentres que outros poden ser deseñados especificamente para outros propósitos, como a transcrición e a expresión proteica. Os vectores deseñados especificamente para a expresión do transxene na célula diana denomínanse vectores de expresión e xeralmente teñen unha secuencia promotora que dirixe a expresión do transxene. Os vectores máis simples, chamados vectores de transcrición só poden ser transcritos pero non traducidos: poden ser replicados nunha célula diana mais non expresados, a diferenza dos vectores de expresión. Os vectores de transcrición son usados para amplificar os seus insertos.
A manipulación do ADN realízase normalmente con vectores de E. coli, que conteñen os elementos necesarios para o seu mantemento en E. coli. Porén, os vectores poden tamén ter elementos que lles permiten ser mantidos noutros organismos como as células de lévedos, plantas ou mamíferos, e estes vectores denomínanse vectores lanzadeira. Tales vectores teñen elementos bacterianos ou virais, que poden ser transferidos ao organismo hóspede non bacteriano; porén, tamén se desenvolveron outros vectores denominados intraxénicos para evitar a transferencia de calquera material xenético dunha especie allea.[2]
A inserción dun vector nunha célula diana é denominada xeralmente transformación nas células bacterianas[3] e transfección nas células eucariotas,[4] aínda que a inserción dun vector viral adoita denominarse transdución.[5]