Encima de restrición
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un encima de restrición (tamén enzima de restrición) ou endonuclease de restrición é un encima que corta o ADN en puntos onde se encontran determinadas secuencias nucleotídicas específicas ou moi preto delas chamadas sitios de restrición.[1][2][3] Os encimas de restrición son endonucleases que se clasifican xeralmente en tres tipos principais, os cales se diferencian na súa estrutura e na súa forma de cortar o ADN no seu sitio de recoñecemento ou restrición, ou na separación ou non entre os sitios de recoñecemento e clivaxe. Para cortar o ADN, todos os encimas de restrición fan dúas incisións, unha en cada cadea azucre-fosfato da dobre hélice do ADN.
Estes encimas encóntranse en bacterias e arqueas e para elas son un mecanismo de defensa contra os virus invasores.[4][5] Dentro dunha célula procariota, os encimas de restrición cortan selectivamente o ADN alleo nun proceso chamado restrición; mentres que o ADN do hóspede está protexido por un encima modificador (unha metilase) que modifica o ADN procariótico e bloquea así a súa clivaxe (corte). En conxunto, estes dous procesos constitúen o sistema de restrición-modificación das bacterias.[6]
Estudáronse en detalle uns 3.000 encimas de restrición, e pode dispoñerse comercialmente de máis de 600.[7] Estes encimas utilízanse de forma rotineira para a modificación do ADN nos laboratorios, e son unha ferramenta fundamental na clonación molecular.[8][9][10]