Testosterona
composto químico / From Wikipedia, the free encyclopedia
A testosterona é unha hormona esteroide do grupo dos andróxenos propia dos mamíferos, réptiles,[1] aves,[2] e outros vertebrados. Nos mamíferos, a testosterona prodúcese principalmente nos testículos dos machos e nos ovarios das femias, aínda que se segregan pequenas cantidades polas glándulas suprarrenais. É a hormona sexual principal masculina e un esteroide anabólico.
Nos homes, a testosterona desempeña un papel chave no desenvolvemento dos tecidos reprodutivos masculinos como os testículos e próstata, e na promoción dos caracteres sexuais secundarios tales como o incremento da masa muscular e ósea e o crecemento do pelo corporal.[3] Ademais, a testosterona é esencial para a saúde e o benestar[4] e tamén para a prevención da osteoporose.[5]
De media, o corpo dun adulto humano masculino produce arredor de dez veces máis testosterona ca o corpo dunha muller adulta, pero as mulleres son máis sensibles á hormona.[6]
A testosterona é unha hormona conservada a través da maioría dos vertebrados, aínda que os peixes producen unha lixeiramente distinta chamada 11-cetotestosterona.[7] O homólogo da testosterona nos insectos é a ecdisona.[8] Estes esteroides ubicuos suxiren que as hormonas sexuais teñen unha historia evolutiva antiga.[9]