Termas romanas de Bath
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
As termas romanas de Bath son unhas termas romanas situadas na localidade de Bath (Somerset), un edificio de interese histórico considerado dos máis importantes a nivel turístico de Inglaterra, o seu templo data dos anos 60–70 d. C. O complexo está moi ben conservado, grazas ao cal poden apreciarse moi ben os elementos arquitectónicos presentes no edificio. As termas propiamente ditas sitúanse por baixo do nivel da rúa e os edificios construídos por mor do seu descubrimento pódense dividir en catro grupos entre os que están o «Manancial Sacro», o Templo Romano, o Baño Romano e a Casa Museo. Estes edificios, que se atopan a nivel da rúa, datan do século XIX.
(en) Roman Baths | ||||
Tipo | Termas romanas atracción turística museo estrutura romana edifício de museu (pt) estrutura arquitectónica | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Bath and North East Somerset, Reino Unido (pt) e Bath, Reino Unido | |||
Localización | Pump Room, Stall Street, Bath BA1 1LZ | |||
| ||||
Características | ||||
Monumento clasificado como grao I | ||||
Data | 12 de xuño de 1950 | |||
Identificador | 1004678 | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | 1897 | |||
Páxina web | romanbaths.co.uk | |||
Os baños supoñen unha grande atracción turística e poden chegar a recibir un millón de persoas ao ano. En 2005 foron presentados no programa de televisión do mesmo nome como unha das «Sete Marabillas Naturais» do West Country.[1] Unha vez no complexo, os visitantes poden ver os baños e o museo, aínda que non poden acceder á auga. Está dispoñible unha guía sonora en varios idiomas.
A auga que finalmente constitúe o núcleo das augas termais dos baños de Bath provén orixinalmente das choivas que caen sobre Mendip Hills. Esta fíltrase a través dos acuíferos de pedra calcaria situados a unha profundidade entre os 2700-4300 metros, onde a enerxía xeotérmica eleva a temperatura da auga até os 64 °C (147,2 °F) e 96 °C (204,8 °F). Baixo dita presión, a auga quente sobe á superficie ao longo de fisuras e fallas localizadas na pedra calcaria. Este proceso é similar ao proceso artificial coñecido como Enhanced Geothermal System que tamén fai uso das altas presións e temperaturas por baixo da cortiza terrestre. A auga quente a unha temperatura de 46 °C (114,8 °F) elévase aquí todos os días a unha taxa de 1 170 000 litros (257 364 galóns imp), dunha falla xeolóxica (a falla de Pennyquick).[2] En 1983 apareceu un novo burato no interior do complexo que aseguraba unha subministración continua e limpa de auga ás instalacións.[3]
O primeiro santuario de augas termais erixido neste lugar foi construído polos celtas, que o dedicaron á deusa Sulis, cuxo equivalente romano sería Minerva.[4] No entanto, o nome de Sulis seguiu usándose trala conquista romana de Britania, dato probado debido ao nome da poboación de Aquae Sulis (literalmente, «as augas de Sulis»). O templo romano foi construído entre os anos 60-70 e o complexo termal durante os seguintes 300 anos.[5] Durante a ocupación romana da illa baixo o reinado do emperador Claudio, este ordenou aos seus enxeñeiros que trouxesen postes de carballo co fin de proporcionar ao complexo unha base sólida e que rodeasen a fonte da que brotaban as augas termais cunha cámara de pedra irregular recuberta de chumbo.[6] O complexo incluía un caldarium (baño quente), un tepidarium (baño tépedo) e un frigidarium (baño frío).[7] Trala retirada dos romanos de Britania durante o século V, o edificio caeu en desuso e finalmente quedou enterrado baixo un constante proceso de sedimentación.[8] A Crónica anglosaxoa suxire que os baños orixinais foron destruídos durante o século VI.[9]
Os baños víronse sometidos a diversas modificacións entre as que se inclúen as do século XII, cando Xoán de Tours construíu un edificio de augas curativas na mesma fonte do manancial que prové de auga ás termas, e as do século XVI, cando o goberno da cidade construíu uns novos baños (Queen's Bath) situados ao sur do manancial.[10] O manancial está actualmente localizado no interior dun complexo construído no século XVIII polos arquitectos John Wood (pai e fillo). Os visitantes podían beber a auga do manancial nunha habitación chamada Pump Room, un salón de estilo neoclásico que actualmente permanece en funcionamento, tanto para recoller as augas do manancial como para albergar aos visitantes. A ampliación vitoriana seguiu a tradición neoclásica establecida polos Woods. En 1810 a fonte deixou de funcionar, e William Smith abriu un novo edificio chamado Bath Hot Spring na parte inferior do complexo, onde atopou que o manancial circulaba por unha nova canle. Smith restaurou o rumbo da auga ao seu curso orixinal e os baños comezaron a funcionar de novo.[11]
A entrada dos visitantes realízase a través dunha sala construída en 1897 por J. M. Brydon. Constitúe unha continuación cara ao leste da Great Pump Room cunha cúpula de cristal no teito.[12] A construción da Great Pump Room iniciouse en 1789 por Thomas Baldwin. Baldwin dimitiu en 1791 e John Palmer fíxose cargo do proxecto até a súa culminación en 1799.[10] A elevación da Abbey Church Yard ten un centro constituído por catro columnas corintias con entaboamentos e frontón. Foi designada polo English Heritage como un edificio de grao I. A columnata norte foi tamén deseñada por Thomas Baldwin, similar á columnata sur a excepción do engadido no segundo caso dun piso superior erixido a finais do século XIX.[13][14][15] O museo e o Queen's Bath incluían unha «ponte» construída en 1889 por C. E. Davis que abarcaba o espazo situado entre a rúa York e a lavandaría da cidade.[16]
O museo que alberga o complexo termal exhibe utensilios da época romana entre os que se inclúen os que foron guindados ao manancial sacro, seguramente como ofrendas á deusa Sulis. Entre os distintos descubrimentos realizados na zona, atopáronse 12 000 moedas romanas, que supoñen a maior ofrenda votiva de Gran Bretaña.[17] Tamén se pode ver no museo unha cabeza de bronce dourado da deusa Sulis Minerva atopada en 1727.[18]
O templo do baño alzábase sobre un podio de máis de dous metros de alto e accedíase ao templo subindo uns chanzos. Na entrada había catro grandes columnas acanaladas de estilo corintio que sostiñan un friso e un frontón triangular decorado. No museo exhíbense algunhas partes do frontón, que medía 7,9 metros de ancho e 2,4 metros de alto.[19] Destacaba a poderosa imaxe central da cabeza de Gorgona no frontón, que miraba desde unha altura de 15 metros aos que se achegaban ao templo.
Nas esquinas do frontón hai unha parella de tritóns, criatura mitolóxica metade home metade peixe e servente do deus das augas, Neptuno. O centro da parte inferior esquerda está decorado por un golfiño, mentres que a parte inferior dereita está protagonizada por un bufo escondido. A parte central está decorada con gravados de mulleres que portan un escudo de follas de carballo, simbolizando con iso a Vitoria. Por encima de todo destaca unha grande estrela situada no que sería a parte máis alta do edificio. Subxugada á estrela áchase a cabeza da gorgona con serpes entrelazadas entre as súas barbas, ás por encima das orellas e un gran bigote.[20] No entanto, existe un debate en relación a se este relevo representa unha gorgona, xa que esta criatura é normalmente do sexo feminino.[21] Existen interpretacións alternativas que ven á cabeza como a representación do deus do mar, Océano ou como o deus do Sol dos celtas.[7]
Tamén se expoñen os restos do sistema de calefacción das saunas, o hipocausto.
As estatuas de finais do século XIX de emperadores romanos e gobernadores da provincia de Britania son vulnerables aos efectos da choiva ácida, polo que se tiveron que protexer mediante a aplicación cada poucos anos dunha capa de verniz.[22] As pezas dentro do templo son vulnerables ao aire quente que tiña o efecto de depositar sales corrosivos. Para tentar reducir esta erosión, instalouse en 2006 un novo sistema de ventilación.[23]
A cidade de Bath foi investida coa responsabilidade sobre o Hot Springs no Estatuto Real de 1591 outorgado pola raíña Isabel I. Esta obriga pasou agora ó organismo coñecido como Bath and North East Somerset Council, que leva a cabo a vixilancia da presión, temperatura e caudal destas augas. As análises realizadas a estas augas amosan que conteñen sodio, calcio e ións de cloruro e sulfato en altas concentracións.[24]
A auga que flúe a través dos baños romanos non se considera segura como para bañarse xa que é un lugar de propagación de enfermidades infecciosas. En 1979 unha nena bebeu accidentalmente un pouco da auga dos baños mentres nadaba neles e morreu ao cabo de cinco días por mor dunha meninxite amébica.[25] As probas demostraron que a orixe da meninxite era un bacilo de Naegleria fowlerii, unha perigora ameba,[26] que a nena collera na piscina. Tras esta morte, a piscina foi pechada ao público, estado no que permanece hoxe en día. Nas proximidades dos baños romanos construíuse un edificio coñecido como Thermae Bath Spa, deseñado por Nicholas Grimshaw & Partners, que xunto co remodelado Cross Bath, permiten que os bañistas experimenten as augas a través dunha serie de pozos de perforación máis recentes.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.