Amoeba
xénero de protozoos From Wikipedia, the free encyclopedia
Amoeba (ameba) é un xénero de protozoos sen forma definida formadores de pseudópodos e uninucleados da familia Amoebidae. Actualmente comprende a especie Amoeba proteus (antes chamada Chaos diffluens e Amoeba diffluens) e outras tres especies.
- Este artigo trata das amebas do xénero Amoeba, para as células con forma de ameba en xeral ver ameboide.
Outra especie que antes se clasificaba neste xénero é Amoeba dubia, que actualmente se clasifica como Polychaos dubium.
O xénero Amoeba está moi relacionado co xénero Chaos, pero este é multinucleado.
Historia
As amebas foron descubertas por August Johann Rösel von Rosenhof en 1757.[1] Os primeiros naturalistas denominaban ás amebas animálculos de Proteo polo deus grego Proteo, que podía cambiar de forma, igual que estes microorganismos. O nome "amiba" foille dado por Bory de Saint-Vincent,[2] procedente do grego amoibè (αμοιβή), que significa cambio.[3]
Características

O citoplasma divídese en ectoplasma e endoplasma. Son células heterótrofas que capturan o alimento cos seus pseudópodos por fagocitose, e almacenan a comida nun vacúolo dixestivo. As Amoeba teñen un só pseudópodo grande en posición anterior (no sentido do avance), e varios secundarios nos lados. Cando se move a masa celular flúe cara ao pseudópodo anterior e retráese dos outros, o que se chama movemento ameboide. A especie Amoeba proteus en movemento ten un tamaño entre 220 e 740 μm,[4] o que a converte nunha das células ameboideas máis grandes.[5]
Debido á presenza de fitocromos, Amoeba proteus pode ter diversas cores (xeralmente, amarelo, verde, púrpura) vista ao microscopio.
Reprodúcense asexualmente por mitose e citocinese.[6] En ambientes desfavorables as amebas poden segregar unha membrana protectora e formar quistes nos que están en estado dormente agardando a que melloren as condicións.[7]
A Amoeba proteus ten un xenoma de gran tamaño de 290.000 Mb (100 veces maior que o humano).[8]
Osmorregulación
Amoeba proteus é unha especie de vida libre de auga doce, que se osmorregula mediante vacúolos contráctiles. Ten un só vacúolo contráctil que expulsa auga para manter o equilibrio osmótico. O exceso de auga do citoplasma entra no vacúolo, e este ao fusionarse coa membrana plasmática, contráese rapidamente liberando a auga no exterior. O vacúolo está rodeado de pequenas vesículas, van aumentando de tamaño e parece que son as que traen a auga. Cando se baleira queda enrugada e pouco despois aparecen as pequenas vesículas arredor,[9] que se suxeriu que proceden da propia membrana do vacúolo contráctil. As membranas do vacúolo e das pequenas vesículas teñen a proteína acuaporina,[9] que facilita o paso de auga. Como as vesículas entre todas teñen unha gran superficie, recollen máis rápido a auga que un vacúolo grande só.[9]
Na membrana das pequenas vesículas hai tamén ATPase vacuolar,[9] que bombea H+ ao interior das vesículas, acidificando o seu pH, creando un gradiente para facilitar o transporte de ións (seguramente K+ e Cl-), o que crea un gradiente osmótico que favorece a entrada de auga nas vesículas.[9] Se a célula non expulsa o exceso de auga, incha e pode chegar a rebentar.[10]
Vídeos
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.