Telomerase
From Wikipedia, the free encyclopedia
A telomerase (EC 2.7.7.49) é un complexo ribonucleoproteico que funciona como un encima con actividade polimerase, que permite o alongamento dos telómeros dos cromosomas. Está presente en células da liña xerminal, en tecidos fetais e en certas células nai pouco diferenciadas, e tamén en organismos eucariotas unicelulares. Polo contraio, nas células somáticas maduras está inactiva, xa que é reprimida en ditas células despois do nacemento, o que implica que se produce un acurtamento dos telómeros cromosómicos despois de cada división celular.
ADN polimerase ARN-dirixida | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Identificadores | |||||||||
Número EC | 2.7.7.49 | ||||||||
Número CAS | 9068-38-6 | ||||||||
Bases de datos | |||||||||
IntEnz | vista de IntEnz | ||||||||
BRENDA | entrada de BRENDA | ||||||||
ExPASy | vista de NiceZyme | ||||||||
KEGG | entrada de KEGG | ||||||||
MetaCyc | vía metabólica | ||||||||
PRIAM | perfil | ||||||||
Estruturas PDB | RCSB PDB PDBe PDBj PDBsum | ||||||||
Gene Ontology | AmiGO / EGO | ||||||||
|
A telomerase alonga a rexión dos telómeros engadindo a secuencia repetida de ADN "TTAGGG" (en todos os vertebrados) ao extremo 3' das cadeas de ADN dos extremos dos cromosomas eucarióticos. O telómero contén secuencias repetidas de nucleótidos de ADN non codificante. O feito de non ser unha rexión codificante dificulta que se perdan secuencias importantes do ADN situadas despois do telómero, xa que en cada mitose os extremos dos cromosomas se fan máis curtos. En cada replicación do ADN só se perden 100–200 nucleótidos nos telómeros, que non son codificantes, o que non causa danos ao organismo. A telomerase ten tamén actividade de transcriptase inversa ou reversotranscitase, xa que leva a súa propia molécula de ARN, que se utiliza como molde para alongar os telómeros.
A existencia dun mecanismo de compensación para o acurtamento dos telómeros foi predito en primeiro lugar polo biólogo soviético Alexey Olovnikov en 1973,[1] que tamén suxeriu a hipótese do telómero sobre o envellecemento e as conexións do telómero co cáncer. A telomerase descubrirona Carol W. Greider e Elizabeth Blackburn en 1984 no ciliado Tetrahymena.[2] Greider e Blackburn, xunto con Jack W. Szostak foron galardoados en 2009 co Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina por este descubrimento.[3]