Sobreexplotación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A sobreexplotación é a extracción de recursos renovables en tan gran cantidade que se chega a un punto que imposibilita a súa recuperación. A sobreexplotación continuada pode levar á destrución de recursos. O termo aplícase a recursos naturais como: plantas medicinais silvestres, herbas de pasto, animais de caza, stocks de peixes, bosques e acuíferos.
En ecoloxía, a sobreexplotación é unha das cinco principais actividades que ameazan a biodiversidade global.[2] Os ecoloxistas usan o termo para describir poboacións que son explotadas a un ritmo que é insostible, dadas as súas taxas naturais de mortalidade e capacidades de reprodución. Isto pode ter como resultado a extinción de poboacións e mesmo de especies completas. Na bioloxía de conservación o termo utilízase xeralmente no contexto da actividade económica humana que implica a extracción de recursos biolóxicos ou organismos, en maiores cantidades que as que as súas poboacións poden soportar.[3] O termo é utilizado tamén e definido de forma algo diferente nas pesquerías, en hidroloxía e na xestión de recursos naturais.
A sobreexplotación pode orixinar a destrución de recursos, incluíndo as extincións. Porén, é tamén posible que a sobreexplotación sexa sostible, como se discute máis abaixo na sección de pesquerías. No contexto da pesca, o termo sobrepesca pode utilizarse en lugar de sobreexplotación, como tamén se usa sobrepastoreo na xestión do gando, ou sobrecorta na xestión forestal, exceso de descarga na xestión de acuíferos, e especie en perigo na monitorización e conservación de especies. A sobreexplotación non é unha actividade limitada aos humanos. Os predadores introducidos e herbívoros, por exemplo, poden sobreexplotar a flora e fauna nativa.
Aínda que a sobreexplotación non sempre conduza á extinción, a diminución da cantidade de recursos pode cambiar a súa calidade. Por exemplo, a palma Livistona rotundifolia é unha árbore silvestre do sueste de Asia cuxas follas se utilizan para cubrir os tellados e envolver a comida, e o exceso da súa recolección tivo como resultado que as súas follas se fixesen máis pequenas.