From Wikipedia, the free encyclopedia
Sigeberht de Anglia Oriental (tamén coñecido como San Sigeberht), (inglés antigo: Sigebryht) foi un santo e rei de Anglia Oriental, o reino anglosaxón que hoxe inclúe os condados ingleses de Norfolk e Suffolk. Foi o primeiro rei inglés en recibir un bautismo cristián e educación antes da súa sucesión e o primeiro que abdicou para ingresar na vida monástica. A fonte principal para Sigeberht é a obra de Beda: Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século VII |
Morte | 636 |
Rei de Anglia Oriental | |
629 – 634 ← Ricberht de Anglia Oriental – Ecgric de Anglia Oriental → Xunto con: Ecgric de Anglia Oriental | |
Actividade | |
Ocupación | monxe, monarca |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 27 de setembro |
Familia | |
Familia | Wuffingas |
Pai | Raedwald de Anglia Oriental |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography, 1885–1900 (en) Enciclopedia Católica |
Sigeberht era probabelmente un fillo ou fillastro menor de Rædwald. Non se sabe nada del até o seu exilio na Galia, posibelmente para asegurar que os descendentes de maior idade de Rædwald puidesen gobernar. Despois do asasinato do seu medio irmán Eorpwald en 627, Sigeberht regresou a Anglia Oriental e chegou ao trono, gobernando conxuntamente con Ecgric, que puido ser fillo ou sobriño de Raedwald.
Durante o reinado de Sigeberht produciuse unha grande expansión do cristianismo, aínda que Ecgric permaneceu como pagán. Fortaleceu as súas alianzas cos reinos cristiáns de Kent e Northumbria e xogou un papel importante no establecemento da fe cristiá no seu reino: recibiu a axuda de San Félix, para fundar a sede episcopal de Dommoc, fundou unha escola de latín e concedeu terras a San Fursa para a fundación dun mosteiro en Cnobheresburg (posiblemente Burgh Castle). Finalmente abdicou en Ecgric e retirouse ao seu mosteiro de Beodricesworth. En data descoñecida, Anglia Oriental foi atacada por Penda de Mercia e Ecgric e os seus seguidores solicitaron a axuda de Sigeberht; este negouse e foi arrastrado ao campo de batalla, morrendo durante o enfrontamento no que o exército de Anglia Oriental foi aniquilado.
Sigeberht gobernou Anglia Oriental, un pequeno reino anglosaxón independente que comprendía os condados ingleses de Norfolk e Suffolk e quizais a parte oriental dos Fens[1].
Non sabemos nada de Sigeberht antes do seu exilio na Galia. A fonte máis fiábel da que dispomos é a Historia ecclesiastica gentis Anglorum, onde Beda afirma que Sigeberht era irmán de Earpwald e fillo de Rædwald, que gobernou entre 599 e 624, aínda que Guillerme de Malmesbury o describe como fillastro de Rædwald[2][3]. A teoría de fillastro está fortalecida polo feito de que o nome Sigeberht non aparece na dinastía Wuffinga, pero si na casa real de Essex. O herdeiro principal de Rædwald era Rægenhere (un mozo con idade de loitar en 616, cando morreu nunha batalla) e o seu segundo herdeiro era Earpwald, asasinado polo pagán Ricberht cara a 627[4][5][6].
Rædwald foi persoalmente convertido e bautizado antes de 616 e erixiu un altar cristián no seu templo, pero o seu fillo Earpwald non era cristián cando sucedeu ao seu pai en 624[7]. Xa que é sabido que a esposa de Rædwald (e nai de Sigeberht) non era cristiá, Sigeberht debeu recibir poucos estímulos para se converter ao cristianismo antes do seu exilio na Galia durante o reinado de Earpwald[8].
Durante a súa estancia na Galia, Sigerberht foi convertido e bautizado e converteuse nun devoto cristián e home de saber. Sentiu fortemente impresionado polas institucións e escolas relixiosas dedicadas ao estudo durante o seu exilio[9].
Despois dun interregno propiciado polo asasinato de Earpwald, Sigeberht regresou a Anglia Oriental para se converter en rei, probabelmente por medio da forza, xa que a súa valía como comandante aparece recoñecida posteriormente. Durante o seu reinado, parte do reino foi gobernada por Ecgric ao que o unía un parentesco descrito como cognatus[10]. Isto pode significar que Ecgric era fillo de Rædwald. Con todo, o historiador Steven Plunkett considera que Ecgric puido ser realmente Æthelric, mencionado na Anglian colection como fillo de Eni, irmán de Rædwald[11].
A conversión de Sigeberht puido ser decisiva para lograr o poder real, xa que por aquel entón Edwin de Northumbria (616–632 ou 633) era o máis poderoso rei inglés e tanto el como Eadbald, que reinaba en Kent, eran cristiáns. Eadbald tiña contacto cos gobernantes francos. Despois de que Dagoberto sucedese a Clotario II en Francia en 628, a aparición de Sigeberht contribuíu a reforzar a conversión dos ingleses sobre a que repousaba o poder de Edwin[12]. Sigeberht probabelmente tentou converter a Ecgric, se é que aínda non era cristián, e o apoio de Edwin á cristianización tomou forma no matrimonio da súa sobriña neta Hereswitha, irmá de Hilda de Whitby, con Æthelric, o sobriño de Rædwald[13].
Beda relata que o apóstolo de Anglia Oriental, San Félix veu a Inglaterra desde Borgoña como bispo misioneiro e foi enviado por Honorio, Arcebispo de Canterbury, para axudar a establecer o cristianismo no reino de Sigeberht[14]. Isto data a ascensión de Sigeberht ao trono cara a 629-630, porque Félix foi bispo durante dezasete anos, o seu sucesor Tomé por cinco e o sucesor de Tomé, Berhtgisl Bonifacio outros dezasete - e Berhtgisl morreu ao redor de 669[15]. Sigeberht estableceu a sede en Dommoc, posibelmente en Dunwich ou Walton, Felixstowe[16]. Se a sede estivese en Walton Dommoc puido ocupar o lugar dun antigo castro romano[17].
Sigeberht asegurou o futuro da igrexa cando creou unha escola para que os nenos puidesen aprender a ler e escribir en latín, segundo o modelo que coñecera na Galia[18]. Félix axudouno a conseguir profesores como os que ensinaban en Kent[19].
A lealdade de Félix a Canterbury determinou a base Romana da igrexa de Anglia Oriental, influenciada polas liñas continentais a través da formación de Félix en Borgoña que puido estar influída polo misioneiro irlandés San Columbán en Luxeuil[20][21]. Ao redor de 633, quizais pouco antes San Aidan foi enviado a Lindisfarne desde Iona, e San Fursa chegou a Anglia Oriental desde Athlone, xunto cos seus sacerdotes e irmáns. Sigeberht concedeulle un lugar nun vello castro romano chamado Cnobheresburg, habitualmente identificado como Burgh Castle, preto de Great Yarmouth[22]. Félix e Fursa estableceron numerosas igrexas[23][24].
Nalgún momento do seu reinado, Sigeberht abdicou en Ecgric e retirouse a un mosteiro. Beda non cita a localización, pero fontes máis tardías sitúano en Beodricesworth, despois chamado Bury St Edmunds. Se se aceépta esta identificación, o lugar máis probábel sería o recinto orixinal da abadía medieval de Bury St Edmunds[25]. O sitio ocupaba unha posición forte na parte superior do val do Lark, que desemboca no Great Fen a través de antigas poboacións como Icklingham, Culford, West Stow e outros. Isto era unha vía de acceso a Ely, onde unha fundación de San Agostiño puido existir anteriormente, e cara a Soham, onde se pensa que Félix puido fundar un mosteiro[26].
Nunha data descoñecida, que puido ser a comezos da década de 640, Anglia Oriental foi atacada por Mercia e Ecgric viuse obrigado a se defender en inferioridade numérica, aínda que cun exército de considerábeis dimensións[27]. Os Anglos Orientais apelaron a Sigeberht para que abandonase o seu mosteiro e os dirixise na batalla, esperando que a súa presenza e a memoria das súas proezas militares animase ao exército. Sigeberht negouse, afirmando que renunciara ao mundo terreal e que agora só vivía para o mundo celestial. Aínda así, foi arrastrado ao campo de batalla onde se negou a portar armas. Os mercianos venceron e Sigeberht, Ecgric e moitos anglos orientais perderon a vida. Deste xeito Sigeberht converteuse en mártir cristián[28].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.