concello da comarca do Salnés, na provincia de Pontevedra, España From Wikipedia, the free encyclopedia
Sanxenxo é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE, en 2018 tiña 17.212 habitantes (8.487 mulleres e 8.725 homes), cifra que segundo o concello se multiplica por seis en época estival[1]. O xentilicio é sanxenxino ou sanxenxeiro[2] e, popularmente, lilaino, -a [3].
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital | Sanxenxo | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 17.854 (2023) (405,77 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 44 km² | ||||
Bañado por | ría de Pontevedra e Océano Atlántico | ||||
Altitude | 0 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 4000 a. C. | ||||
Santo padrón | Rosalía de Palermo | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Telmo Martín | ||||
Eleccións municipais en Sanxenxo | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36960 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36051 | ||||
Páxina web | sanxenxo.es | ||||
O topónimo Sanxenxo é a evolución do nome latino de SANCTUS GENESIUS, Xenxo de Arles[4][5], un mártir cristián, santo patrón da vila xunto con santa Rosalía, cunha evolución fónica normal dentro do galego (perda de nasal intervocálica nasalizando a vogal resultante da amálgama, recuperación posterior da nasal como coda -habitual no occidente galego-, palatalización de oclusiva velar sonora inicial e posterior enxordecemento, e palatalización de fricativa alveolar xorda en contacto con iode).[4]
O municipio, de 44,1 km2, está situado no oeste da costa de Pontevedra e de Galicia no seu conxunto. Linda ó norte coa ría de Arousa, ó sur coa de Pontevedra e o Atlántico, ó oeste co concello do Grove e o mesmo océano, e ó leste cos concellos de Meaño e Poio.
Os seus ríos son todos regos de pequeno tamaño, como os de Dorrón, Sear, Bordóns, Carabuxeira, Baltar, Fabaíños, Besadoiros ou Souto, que desembocan na costa atlántica (sur ou oeste); ou os regos Carballo, dos Balleneiros, das Besadas, dos Mouros, Lagares, Barbosa ou Trilleiro, que van desembocar na ría de Arousa (costa norte) ou no Río da Chanca, en terras de Dena (Meaño). Existen outros regos cuxo caudal é aínda menor.
Na costa norte (A Arnosa, Rouxique, A Revolta, das parroquias de Noalla e Vilalonga) existe unha decena de lagoas artificiais, abertas ó longo do século XX co obxectivo de extraer arxila coa que alimentar as numerosas telleiras que existiron na zona e que foron pechando co paso do tempo ata quedar hoxe unha única explotación industrial activa, de fabricación de tellas e ladrillos, no norte de Vilalonga, Nueva Cerámica Campo S.L. Ó irse abandonando estas escavacións a ceo aberto, fóronse enchendo de auga de chuvia para converterse hoxe en pequenas lagoas de auga doce onde repousan e aniñan numerosas aves acuáticas.
A orografía do concello non ofrece ningunha particularidade. Predomina a planicie, con escasos montes de pouca entidade na metade leste do concello: Lagueiros (262 m), Chan da Gorita (257 m) ou Con do Laraño (254 m). Na zona central do concello elévase o Monte Faro, con 158 m.
A temperatura media anual rolda os 15 °C, con oscilacións comprendidas entre os 10-11 °C en xaneiro e temperaturas pouco superiores a 20 °C, en xullo. As precipitacións anuais roldan os 1.500 mm de media.
É o concello galego con maior número de bandeiras azuis europeas (datos de 2016), con 12 praias galardoadas, ás que hai que sumar as concedidas ós dous portos deportivos do concello: o Porto Deportivo Juan Carlos I (en Sanxenxo) e o Club Náutico de Portonovo.
No concello existen as seguintes praias (márcanse en letra grosa as que dispuxeron deste distintivo en 2016):
A praia de Silgar é un areal de 800 m de lonxitude, resgardado dos ventos fríos do norte. Entre o núcleo urbano de Sanxenxo e o de Portonovo, tras pasar Punta Vicaño, está a praia de Baltar, duns 600 m e características similares a Silgar.
A poboación do concello de Sanxenxo experimenta un continuo incremento desde que se posúen datos estatísticos: en 1981 contaba con 14.358 habitantes; en 2004, 16.424; en 2014 xa contaba con 17.543 habitantes, cifra que descendeu lixeiramente nos anos seguintes: 17.391 en 2015 e 17.314 en 2016.
No termo municipal destacan dous núcleos urbanos: a capital, Sanxenxo, e Portonovo (na parroquia da Adina), situados na costa, con 2.275 e 2.161 habitantes, respectivamente. Tamén na parroquia de Vilalonga, no interior, concéntrase un elevado número de habitantes, aínda que máis diseminados.
Censo total (habitantes) | 17.212 (2018) |
Menos de 16 anos | 2.350 (13.65 %) |
Entre 16 e 64 anos | 10.974 (63.76 %) |
Máis de 64 anos | 3.888 (22.59 %) |
Evolución da poboación de Sanxenxo dende 1857.
Evolución da poboación de Sanxenxo Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
8.076 | 10.282 | 12.548 | 14.358 | 16.424 | 17.315 | 17.586 | 17.604 | 17.582 | 17.543 | 17.391 | 17.314 | |||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
O concello estaba habitado xa no 4000 a.C, tempos dos que quedan restos arqueolóxicos nas necrópoles de Monte Faro e do Castro da Lanzada, monumentos funerarios no Chan da Gorita, o Castro de Dorrón, etc. A relevancia histórica e económica das salinas de Noalla -que deron nome á comarca do Salnés- representou a súa explotación desde tempos dos fenicios e ata a Idade Media. Conta López Ferreiro que "alí os fenicios tiñan gran facilidade para establecer grandes depósitos de sal, naquelas deliciosas mariñas salgaban peixe e exportábano" [10].
Conta tamén que un tal Conde don Pedro, veciño do Grove, era o propietario das dez salinas de Noalla, e que o seu fillo, Hermenexildo, rebelouse contra o rei Afonso III o Magno (848-910) pola posesión e explotación das salinas, pero foi derrotado. O Rei, o 24 de xuño do 886 cedeunas á igrexa de Compostela e, posteriormente, o bispo Sisnando II (m. 968) repartiunas entre quen as reacondicionaran e diversos conventos galegos. A defensa das salinas -entre outras razóns- contra os ataques de viquingos e sarracenos moveu ó bispo a construír a Torre da Lanzada.
Cos Reis Católicos, Sanxenxo foi designada capital da xurisfición da Lanzada baixo o goberno dun alcalde, dous rexedores e un síndico nomeado polo arcebispo de Santiago (que tamén se reservaba o nomeamento de xuíces e escribáns). Sendo como era unha vila mariñeira -especialmente Portonovo-, para os asuntos relacionados co mar e a pesca dependían do que lles autorizara o gremio de mareantes da Moureira de Pontevedra, que esixía, por exemplo, que tódalas capturas da localidade, como a das outras da ría de Pontevedra, se fosen vender a Pontevedra. Esta relación de dependencia motivou continuos preitos, algúns dos cales se prolongou durante máis de 20 anos.
No Antigo Réxime, Sanxenxo e as que hoxe son as súas nove parroquias seguía integrado na xurisdición da Lanzada, provincia de Santiago (unha das sete en que se dividía Galicia), pero trala Constitución de 1812 intégrase na próvincia única de Galicia. No primeiro terzo do século XIX, o territorio dividíase en tres concellos constitucionais: Dorrón, Sanxenxo e Portonovo, pertencentes ó partido xudicial de Cambados. Cando en 1822 Galicia se divide en catro provincias, pasan a integrarse na nova provincia de Vigo, pero esta adscrición só dura ata 1823, cando se derroga aquela división territorial para recuperar a existente anteriormente.
Desde os primeiros proxectos de 1835, Sanxenxo xa aparece como concello unificado, coas súas nove parroquias, trala fusión daqueles tres concellos [11] sen que o seu territorio resultase afectado polas diferentes modificacións que se foron introducindo no proxecto de nova distribución territorial do Reino de España (como a creación de Vilanova e a desaparición da Illa de Arousa). E así quedou establecido na resolución definitiva de decembro de 1836 na que se crean as catro provincias actuais, con Sanxenxo dentro da de Pontevedra.
En 1837, Sanxenxo reclama para si as illas de Ons, que quedaran sen adscribir na división de 1836, e a Deputación concedeullo. Pero en 1841, os labregos das illas -que eran veciños de Bueu- apoiados polo Marqués de Valladares, daquela propietario das illas, pediron a segregación de Sanxenxo para pasar a depender de Bueu, o que lles foi concedido por Real Orde de 20 de novembro de 1844.
Aínda se presentaron novos proxectos de redistribución territorial e, en 1868, proponse reducir á metade o número de concellos, co que se crea un formado polos actuais Sanxenxo, O Grove e Meaño, con capital en Dena (Meaño), pero o proxecto nunca se levou adiante.
A Idade Contemporánea trouxo consigo importantes cambios no eido económico. Por unha banda, a chegada dos fomentadores cataláns coas súas novas técnicas de pesca e de salgado de peixe, especialmente sardiña, o que prexudicou gravemente nos mariñeiros tradicionais da zona e de Galicia enteira. Por outra banda, o lento pero progresivo desenvolvemento turístico do concello, anunciado xa por Celso García de la Riega en 1882: "O pobo veraniego de Sanxenxo é o único da beira dereita da ría de Pontevedra chamado a obter un próximo desenvolvemento, principalmente como punto de baños", e comparábao con distintas localidades da Bretaña e Normandía "transformados hoxe en elegantes estacións de verán" [12]. Para conseguir ese obxectivo, comezaron a construírse infraestruturas turísticas e estradas de acceso desde Santiago e Pontevedra, melloras que conseguiron converter a vila nun centro de veraneo ou visita esporádica de buen número de persoeiros das elites políticas e culturais galegas ou foráneas do momento: Augusto González Besada (deputado provincial por Cambados en 1890), Eugenio Montero Ríos, Gabino Bugallal Araújo, Luis Espada Guntín, Julio e Francisco Camba, José Piñeiro González, José Luis Sáenz de Heredia. O mesmo Francisco Franco visitaba Sanxenxo con frecuencia a bordo do seu iate Azor.
Na primeira metade do século XX construíronse numerosos establecementos hostaleiros e de lecer para dinamizar o lecer dos meses de verán, tendencia que se mantén nos comezos do século XXI. Estes establecementos hostaleiros abertos no concello -de carácter estacional na súa maioría, concéntranse especialmente en Sanxenxo, Portonovo e ó longo de toda a costa atlántica ata chegar á praia da Lanzada, Sanxenxo. O tirón turístico da localidade pode explicar que ´nela se rodaran pelóculas como Sonatas, de Juan Antonio Bardem; Flor de Santidad, de Adolfo Marsillach; ou La alegre casada, de Miguel Zacarías.
A vila de Sanxenxo é de orixe mariñeira, e figura como capital do concello xa desde os tempos do Dicionario de Madoz (1845), sen haber o menor cambio desde aquela. Recibe o título de vila desde o século XVIII, como mínimo, pois así se denomina no Censo de Floridablanca de 1789 e na descrición do Reino de Galicia de José Cornide de 1786; en todo caso, cómpre indicar que tamén Portonovo recibía o tratamento de vila.
O escudo de Sanxenxo reflicte un brazo de guerreiro, protexido con coiraza e armado cunha lanza. Este motivo xa figuraba nos selos que se utilizaban no concello en 1840, sen que conste explicación histórica do que poida representar. Segundo a páxina web do concello, inspírase na fortaleza e xurisdición da Lanzada, con capital na vila de Sanxenxo.
A bandeira incorpora á esquerda unha franxa vertical, de cor azul, na que aparece o brazo de guerreiro armado. No resto do pano distribúense nove franxas azuis separadas por outras tantas amarelas, todas elas onduladas. As nove franxas amarelas representan as nove parroquias que conforman o concello, e as nove azuis serían as nove ondas que se deben toman no baño ritual na Lanzada.
No territorio municipal atópanse numerosas construcións, obras u outros elementos que conforman o seu patrimonio histórico-artístico.
Canto ás telleiras, sábese da existencia de cinco no termo municipal, todas elas no norte do concello e na beira da ría de Arousa [14]. Algunhas delas foron evolucionando e mecanizándose, como a da Fianteira, da que se conservan os dous longos fornos e a cheminea. Esta telleira foi reconvertida en 2008 no Centro de Interpretación da Natureza As Telleiras [15], que pronto pechou como consecuencia da crise económica, tralo que o concello dedicou as naves a almacén municipal e cedeu parte das instalacións ó Banco de Alimentos Rías Baixas, que as ocupou desde 2012 [16] ata 2023.
Sanxenxo está considerado entre os operadores turísticos como a capital turística de Galicia [17][18][19][20][21] ou das Rías Baixas [20][22]. Isto explica que nos meses de verán, os turistas presentes no concello incrementen a poboación ata cifras superiores ós 100.000 habitantes.
Pero tamén foi ese atractivo turístico e esa aglomeración de persoas o que puxo a Sanxenxo no obxectivo de ETA nas campañas de terrorismo de verán que de cando en vez desenvolvía en diferentes localidades costeiras do territorio español. En agosto de 1996 colocou en Galicia varios artefactos explosivos de pouca potencia, concretamente en Santiago de Compostela, Baiona e Sanxenxo, sen provocar danos persoais porque sempre se advertiu con suficiente antelación da colocación dos explosivos. No caso de Sanxenxo, as bombas colocáronse no paseo de madeira da praia de Baltar (o 24 de agosto) e xunto a un hotel da praia de Silgar (o 25 de agosto); tamén houbo, coincidindo con estes feitos, falsas ameazas de bomba noutros lugares do concello [23].
No verán do 2005 inaugurouse o porto deportivo de Sanxenxo, bautizado como Juan Carlos I, e ampliouse o club náutico, con case 700 prazas de amarre, obra da arquitecta Marta Chaves. Sobre o aparcadoiro do porto deportivo colocouse unha grande estatua de Paco Leiro denominada El Atlante.
Toda a costa norte (cara á ría de Arousa) e a costa oeste ata o promontorio da ermida da Lanzada (inclusive) está integrada dentro do Complexo Intermareal Umia-O Grove [24], para os interesados no turismo ornitolóxico.
As rutas de sendeirismo tamén están presentes. A ruta do Padre Sarmiento, que ven desde Poio, discorre por toda a beira sur e oeste de Sanxenxo, máis ou menos paralela á estrada PO-308 (coa que coindide nalgunhas ocasións) ata entrar no termo municipal do Grove. Tras circunvalar este, volve a penetrar en Sanxenxo para seguir por estradas secundarias e camiños de terra polo norte das parroquias de Noalla e Vilalonga ata cruzar o río da Chanca e entrar en terras de Meaño.
O 24 de decembro de 2016, os veciños de Noalla colocaron na punta máis occidental de Punta Faxilda un banco de madeira para observar o solpor e a paisaxe mariña, e dous meses máis tarde a xuventude de Noalla puxo outro banco de madeira mirando á ermida da Lanzada e das illas de Onza, Ons e Sálvora, secundando o banco de Loiba (Ortigueira) [25].
O concello está cruzado polas seguintes estradas:
Ademais destas estradas hai unha rede de estradas locais que unen as diferentes localidades do concello.
Ademais das diferentes festas que se celebran ó longo do ano, como as de Reis, Carnavais, Semana Santa ou San Xoán, no concello celébranse numerosas festas na honra do seu santo patrón, gastronómicas ou doutro tipo, de carácter local, nas parroquias e mesmo nalgún lugar.
As dúas festas locais oficiais, festivos en todo o concello, son Santa Rosalía (4 de setembro) e Luns de Pascua. Aínda así, Portonovo celebra tamén as súas propias festas locais o 15 a 17 de agosto, celebrando o día 16 o día de San Roque e o 17 o día do Carme.
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Sanxenxo vexa: Lugares de Sanxenxo.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.