Ribeira de Piquín
concello da comarca de Meira, na provincia de Lugo From Wikipedia, the free encyclopedia
concello da comarca de Meira, na provincia de Lugo From Wikipedia, the free encyclopedia
Ribeira de Piquín é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Meira. Segundo o IGE en 2022 tiña 500 habitantes (580 en 2015, 664 en 2010, 771 en 2006, 785 en 2005, 810 en 2004, 827 en 2003). O xentilicio é «ribeirego».[1]
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Lugo | ||||
Capital | O Chao de Pousadoiro | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 497 (2023) (6,81 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 73 km² | ||||
Altitude | 480 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Sabino Díaz Fernández | ||||
Eleccións municipais en Ribeira de Piquín | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 27000–27999 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 27053 | ||||
Censo total | 580 (2015) |
---|---|
Menores de 15 anos | 20 (3,45 %) |
Entre 15 e 64 anos | 300 (51,72 %) |
Maiores de 65 anos | 260 (44,83 %) |
Ribeira de Piquín segue a tendencia da Galicia interior: poboación diseminada e envellecida. Así o demostra a súa baixa densidade media (7 hab./Km2), en retroceso dende comezos do século XX por mor da forte emigración da zona, principalmente á Arxentina e a Cuba.
A forte emigración da zona atópase intimamente vencellada á estrutura minifundista da terra, á escasa mecanización e ás malas comunicacións. A súa poboación actual contrasta cos 2 229 de principios de século (censo de 1900), un descenso de arredor do 75% da poboación.
O concello de Ribeira de Piquín está situado a uns 50 km ao nordeste da capital da provincia. A casa do concello atópase no Chao de Pousadoiro. Cunha extensión de 73 km², limita ao norte coa Pontenova e Riotorto, ao sur con Baleira, ao leste coa Fonsagrada e ao oeste con Meira e Pol.
Ten un relevo moi accidentado configurado por dúas serras que bordean o paso do río Eo: a Serra de Meira, que limita o concello ao oeste, e a Serra de Pousadoiro, que o limita ao leste.
O río Eo atravesa o concello pola parte central e forma coas serras un val angosto e encaixado. A aparente uniformidade destas terras interrómpenas outros dous ríos que tamén a cruzan, o río Rodil e o río Lúa. Hai outros moitos ríos de menor envergadura e arroios que discorren polos profundos vales, en especial na zona nordeste, con altitudes próximas aos 900 metros. Os puntos máis elevados son A Pena de Ouviaña (893 m) e A Pena Grande (889 m).
A vexetación autóctona foi substituída en gran medida debido a reforestación con especies foráneas. Nas zonas máis agrestes atópanse matogueiras, mentres que no resto medran bidueiros, carballos e castiñeiros.
O clima pode clasificarse como de transición entre o oceánico húmido e o oceánico continental. A influencia da montaña produce un clima moi frío nos cumios e agradable nos vales. Presenta invernos fríos con temperaturas medias de entre 5-6 °C e veráns frescos con temperaturas medias de 16-17 °C, con precipitacións elevadas, de entre 1600 e 1700 mm anuais.
A historia do concello remóntase a Idade Antiga, así, preto da pena de Nuria consérvanse vestixios dun poboado primitivo e restos célticos ou precélticos na Insua. Enfronte de Montefurado acháronse varias machadas de pedra, unha punta de lanza de ferro e unha fíbula, tamén de ferro, moteada de tres liñas simétricas de pingas de bronce. Así mesmo, é probable que o paso baixo terra de Montefurado fose efecto da acción mineira levada a cabo polos romanos na parte setentrional da Gallaecia[2].
Pero a historia propiamente dita do municipio de Ribeira de Piquín comezou no século XI, coa restauración ou fundación do Mosteiro de Meira, que puxo ao descuberto o quefacer económico, social, cultural e relixioso duns pobos que os documentos do convento meirense chaman de tras a Serra.
En 1171, a condesa Sancha, irmá do rei Afonso VII, fixo doazón ao mosteiro de Meira da metade da vila de Piquín, e en 1182 o conde Rodrigo Álvarez, maestre de Santiago, entregou ao mesmo e ao seu abade Vidal da parte que tiña en Santalla de Piquín. Pola súa banda, o rei Fernando II doou, á súa vez, en 1184, ao abade e frades de Meira o reguengo de Santalla de Piquín e do Casal de Piñeiro. E no privilexio de posesión que outorgou ao ano seguinte en Cáceres o mesmo rei, ao fixar os límites dos bens da abadía dise que van …de Montefurado adporium de Piquín…. En 1233 o rei Fernando deu ao prior de Meira e á súa comunidade a terra das ribeiras de Piquín.
O comportamento dos fidalgos destas terras foi moi diferente no século XIX. Levántanse todos a un tempo para defender as súas terras e as súas liberdades contra o francés. Constituídos en milicias populares, inflixen serios reveses ás tropas do xeneral Mauricio Mathieu, acampadas en Santalla. Ao mando do meiriño e xustiza ordinaria de Luaces, Juan de Neira e Feijoo, fustrigan unha e outra vez as forzas invasoras[3]. Evacuados da Ribeira os franceses, únense aos soldados do marqués da Romana que puxera o seu cuartel xeral en Piquín para continuar a súa loita. Así mesmo, cando en 1833 cren en perigo os seus foros e as súas tradicións, volven á guerra para loitar contra o liberalismo. O territorio pertenceu a Asturias até 1833.
O concello constituíuse o 6 de maio de 1935 ao ser segregado de Meira. O seu primeiro alcalde foi Fermín Llousas González. As parroquias de Santalla de Piquín, San Pedro de Navallos e San Xurxo de Piquín pertencían ao concello de Meira, do que se segregaron por acordo do ano 1933.
A sesión constitutiva do municipio de Ribeira de Piquín celebrouse o día seis de maio do ano 1935 baixo a presidencia de Eusebio Sierra, secretario do Concello de Fonsagrada, que actuaría como Delegado gobernativo para o efecto de dar posesión aos concelleiros e a designación entre eles de alcalde do novo concello, cargo para o que é elixido Fermín Llousas González, por nove votos a favor e unha papeleta en branco. Primeiro tenente de Alcalde, foi Manuel Pardo Durán e segundo tenente de alcalde Emilio Fernández Fernández. Subscribiu o acta como secretario Luís Goy, aínda que parece que de feito o foi Avelino López Otero, natural de Barcia e naquel momento profesor do Colexio Balmes de Lugo[4].
Nos cincuenta integrouse no concello de Ribeira de Piquín a parroquia de Santiago de Acevo.
Entre o seu patrimonio destacan:
A igrexa de San Xoán de Baos[5], situada nun outeiro rodeado polo río Rodil, conformando igrexa e pobo un pintoresco cadro, no que parece ser unha construción castrexa. De amplas proporcións atópase revogada en cal, con tres naves cubertas con tellado de lousa e madeira no interior. No seu interior, destaca o retablo maior, neoclásico, así como a imaxe policromada de Santo André, do século XV, situada no retablo lateral, de estilo renacentista.
A igrexa é unha das poucas que pertenceu en Galicia á orde militar e relixiosa de San Xoán de Malta (Orde dos Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén) e conserva, como curiosidade, no muro sur polo exterior un reloxo de sol fabricado en 1742 en lousa da autoría dun Lombardero, familia de reloxeiros do s. XVIII con orixe en Santalla de Oscos, na veciña Asturias[6].
Ademais, no muro interior do lado oeste do mesmo pórtico (denominado polos veciños do lugar cabildro), mesmo en fronte da fachada da igrexa, incrustadas nunha parede ben caleada, pódense ver as cinco caveiras humanas. As caveiras quedan altas (entre 2,66 e 3,44 metros), pero ordenadas, simulando a figura dun triángulo. Supoñen os veciños do lugar, dado o tamaño dalgunhas das caveiras, que poderían ser de persoas que aínda non chegaran á madurez, aínda que se contradín coa opinión popular, recollida e publicada, que explica que as caveiras poderían pertencer a antigos párrocos[7][8][9].
Ata hai poucos anos, nesta igrexa celebrábanse as poxas de galos e lacóns para sufragar os oficios de ánimas e tamén a festividade de San Antonio[10].
A Igrexa de San Xurxo de Piquín[5], situada na beira esquerda do río Eo e datada no ano 1782, posúe un belo estilo neoclásico con muros de lousa. A súa planta é de cruz latina, formada por dúas capelas, cunha soa nave cuberta por unha bóveda de canón. No interior, un retablo neoclásico na capela lateral e unha cruz de prata en relevo. A igrexa está rodeada polo cemiterio e un contorno natural, o seu arco na entrada principal da paso ó seu solemne interior[11].
A Igrexa de Santa Baga de Piquín[12], con muros de cachotaría en lousa do país, posúe varios retablos barrocos do século XVIII, con tallas interesantes, sobre todo o maior, de tres pisos e cinco rúas, columnas entorchadas e estriadas e banco con relevos sinxelos.
Capelas: Santo Estevo, Santa Catarina; San Miguel; Santa Apolonia; San Luís Rei; San Caetano; San Antón; Capelas de Baragón, Boel, Cabaceira, Lamas, Outariz, Piquín, Vilares (Santabaia), Barcia, Meroi, Mestre, Sadradín, San Fiz (San Xurxo)
Neste concello naceu o artesán José Seivane. En agosto de 2008 no Chao de Pousadoiro foi inaugurado un busto na súa memoria. Na súa inauguración deu un concerto a súa neta, a gaiteira Susana Seivane.
Na actualidade existen tres rutas de sendeirismo homologadas[13]:
Esta ruta de 4,5 kms transcorre integramente polo concello de Ribeira de Piquín. Comeza na área recreativa e na praia fluvial de Chao do Pousadoiro.
Esta ruta circular foi homologada no ano 2017 e consta dunha distancia de máis de 12 kms cunha dificultade media.
A senda comeza a uns 400 metros de altitude, xunto á estrada LU-751 e o camiño discorre paralelo ao río Eo, entre campos e bosque. Tras percorrer un quilómetro, o carreiro ascende e atravesa a estrada. Logo pasa preto da aldea de San Xurxo de Piquín, onde podemos atopar a igrexa parroquial. Seguindo unha ampla pista forestal, alcánzase a derivación que leva á Fervenza de Pena dos Portelos. Durante o percorrido de acceso, transítase polo bosque autóctono con carballos e castiñeiros centenarios.[14]
O concello forma parte da reserva da biosfera Río Eo, Ozcos e Terras de Burón[15] e ten un carácter interautonómico. Polo tanto, está xestionada pola Xunta de Galicia e o Principado de Asturias; esténdese ó longo de 14 concellos, sete na provincia de Lugo (Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz) e os outros sete no territorio asturiano. Esta reserva vertébrase a través da conca fluvial do río Eo e nela pódense distinguir catro grandes unidades paisaxísticas: litoral cantábrico occidental, leitos fluviais, estuario e desembocadura do río Eo, e serras e montañas. Neste caso, tamén as augas mariñas posúen unha destacada importancia.
A economía baséase fundamentalmente na agricultura e na gandaría, sendo polo tanto os principais sectores de ocupación, aos que se dedica o 85% da poboación. Unha pequena parte da superficie - o 20% - resérvase para estes sectores, xa que o 80% restante emprégase para o uso forestal. Os demais sectores laborais ocupan ao 3% da poboación no caso da industria, a un 4,4% no da construción; e un 7% no sector servizos. A industria fórmana fábricas de produtos lácteos, outras relacionadas co sector da madeira e algunhas de tipo extractivo.
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Ribeira de Piquín vexa: Lugares de Ribeira de Piquín.
Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Ribeira de Piquín | |
---|---|
Navallos (San Pedro) | San Xurxo de Piquín (San Xurxo) | Santalla (Santalla) | Santiago de Acevo (Santiago) | Os Vaos (San Xoán) |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.