From Wikipedia, the free encyclopedia
O principado de Galicia-Volinia, logo reino de Galicia-Volinia, foi un estado medieval monárquico da Europa Oriental, que abranguía as rexións de Galicia (Europa Central) e Volinia. Na historiografía tamén é habitual atopalo referenciado como Gálich-Volhyn, Galicia–Volynia, Galicia–Volýn, Gálich–Volýn, Hálych–Volhyn, Halych–Volhynia, reino da Rus, Galicia-Vladímir, Regnum Galiciae et Lodomeriae ou Regnum Rusiae. Xunto coa República de Nóvgorod e o Principado de Vladímir-Súzdal, foi unha das tres potencias máis importantes logo da caída da Rus de Kíiv. Despois da devastación causada pola invasión mongol da Rus de Kíiv entre os anos 1239 a 1241, Daniel de Galicia (Danilo Románovich) viuse obrigado a xurarlle lealdade no 1246 a Batu, khan da Horda de Ouro. Non obstante, esforzouse por liberar o seu reino do xugo mongol, intentando, sen éxito, establecer alianzas militares con outros gobernantes europeos.[1]
Галицько-Волинське князівство (uk) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Hálych Lviv Chełm (pt) Volodimir-Volinski (pt) | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | antigo eslavo oriental | ||||
Relixión | cristianismo ortodoxo | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 1199 | ||||
Disolución | 1349 (Gregoriano) | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía | ||||
A Galicia-Volinia occidental estendíase entre os ríos San e Wieprz, no que hoxe é o sueste de Polonia, mentres que os territorios orientais comprendían as brañas do río Prípiat, na actual Belarús, e o curso superior do río Bug Meridional, na actual Ucraína. Controlaba o territorio do Rus menora ou Rus propia que incluía as terras da Rutenia Roxa, a Rutenia Negra e do resto do suroeste da Rus de Kíiv. Tamén dominou brevemente as rexións de Besarabia e Moldova.
Naquel tempo, o reino estaba rodeado polo Rus Negro, o Gran Ducado de Lituania, o Principado de Túrov-Pinsk, o Principado de Kíiv, a Horda de Ouro, o Reino de Hungría, o Reino de Polonia, o Principado de Moldova e o Estado monástico dos Cabaleiros da Orde Teutónica.
O Principado de Volinia e mais o Principado de Galicia foran orixinariamente dous principados separados da Dinastía Rurícovich, gobernados por asignación rotativa entre os membros máis novos da dinastía de Kíiv. A nación de Galicia–Volinia foi creada tras a morte, no 1198[2] (ou 1199[3]) do último príncipe de Galicia, Vladímir II Yaroslávich. O príncipe Román o Grande de Vladímir-Volinia adquiriu daquela o principado de Galicia, unindo ambos os dous territorios nun único estado. Daquela, as principais cidades eran Halych e Vladímir-Volinia, ata que no 1204 capturou Kíiv. Logo aliouse con Polonia, asinou un tratado de paz con Hungría e estableceu relacións diplomáticas co Imperio bizantino. No apoxeo do seu reinado, Román o Grande converteuse brevemente no máis poderoso dos príncipes da Rus,[4] pero tras a súa morte, o principado entrou nun período de caos, sendo disputado por Polonia e Hungría, que chegaron a un compromiso no 1214, en favor do fillo de André II de Hungría, Colomán de Lodomeria.
No 1221, Mstislav o Valente, liberou a Galicia–Volinia dos húngaros, pero foi Danilo Románovich ou Daniel de Galicia, fillo de Román o Grande, quen reunificou todos os antigos territorios. Daniel derrotou os polacos e os húngaros na batalla de Yaroslav, e esmagou o aliado daqueles, Rostislav Mijaílovich, fillo do príncipe de Chernígov no ano 1245. Neste ano, o papa Inocencio IV permitiulle a Daniel ser coroado rei, sendo o único membro da dinastía Rurícovich coroado e recoñecido desta maneira.
Baixo o reinado de Daniel, Galicia–Volinia foi un dos máis poderosos estados da Europa central e do leste.[5] Floreceu a literatura, producindo obras como a Crónica de Galitzia-Volynia. O crecemento demográfico viuse favorecido pola inmigración dende o oeste e o sur, incluíndo a alemáns e armenios. O comercio desenvolveuse debido ás rutas comerciais dende o mar Negro a Polonia, Alemaña e o mar Báltico.
Tras a súa morte no 1264, Daniel foi sucedido polo seu fillo León I de Galicia, que trasladou a capital a Lviv no 1272, e durante algún tempo puido manter a fortaleza do estado.
Tras a morte de León I no 1301, seguiu un período de declive. Foi sucedido polo seu fillo Yuri I, que gobernou só sete anos, e perdeu Lublin fronte ós polacos no 1302, e Transcarpatia fronte ós húngaros. Desde o 1308 ata o 1323, Galicia–Volinia, foi gobernada conxuntamente polos fillos de Yuri I, André e León II. Como reis tributarios dos mongois, participaron en expedicións con Uzbeg Khan e o seu sucesor, Janibeg Khan.[6] André e León II morreron en batalla no 1323, sen deixar herdeiros.
Coa extinción da Dinastía Rurícovich, Volinia pasou a mans do príncipe lituano Liubartas, mentres que os boiardos tomaron o control de Galicia. Máis tarde, no 1349, o rei Casimiro III de Polonia, durante unha invasión exitosa, capturou e anexionou Galicia. Galicia–Volinia, polo tanto, deixou de existir como estado independente.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.