escritor e político galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Ramón Villar Ponte[1][2][3][4][5][6][7] (tamén coñecido como Ramón Vilar Ponte[8][9]), nado en Viveiro o 10 de xullo de 1890 e finado na Coruña o 14 de setembro de 1953, foi un dos máis importantes ensaístas das Irmandades da Fala, xunto ao seu irmán Antón.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de xullo de 1890 Viveiro, España |
Morte | 14 de setembro de 1953 (63 anos) A Coruña, España |
Causa da morte | homicidio |
Lugar de sepultura | cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
Alcalde de Viveiro | |
abril de 1931 – outubro de 1931 ← José Santiago Seijo – Eugenio Pérez Abadín → | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | político, escritor |
Empregador | Irmandades da Fala |
Membro de | Real Academia Galega (académico de número) (1951–1953) Real Academia Galega (membro correspondente) (1942–1951) |
Xénero artístico | Ensaio |
Familia | |
Cónxuxe | Teresa Chao Maciñeira |
Fillos | José Ramón Villar Chao |
Irmáns | Antón Villar Ponte |
Fixo o bacharelato por libre e examinouse no Instituto de Lugo. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Madrid entre 1912 e 1916, regresando a Galicia ao licenciarse. Dedicouse profesionalmente ao ensino privado e ao xornalismo. En 1919 casou con Teresa Chao Maciñeira, cuñada do seu irmán. En 1921 accedeu á dirección do xornal ferrolán El Correo Gallego; foi correspondente de El Sol e La Voz de Madrid e colaborou tamén en Galicia e El Pueblo Gallego de Vigo.
Organizou, xunto con Xaime Quintanilla, a Irmandade da Fala de Ferrol e foi o redactor dos seus boletíns. En 1921 o grupo de Ferrol fundou a editorial Céltiga, a primeira editorial nacionalista na que Ramón era xerente. En 1922 trasladouse a Viveiro onde creou o grupo nacionalista como Subdelegación da Delegación da ING en Ferrol. En 1927 ingresou no Seminario de Estudos Galegos.
Coa proclamación da Segunda República foi alcalde de Viveiro de abril a outubro de 1931 representando a ORGA. Porén, tras deixar a alcaldía acabou entrando no Partido Galeguista en 1932.[10] En 1936 culminou a iniciativa do seu irmán Antón coa fundación, en Santiago de Compostela, da Asociación de Escritores de Galicia.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 refuxiouse en Viveiro. O seu catolicismo librouno da represión, participou nos faladoiros dos membros de Acción Católica e falanxistas locais, como Francisco Leal Insua e Antonio Noriega Varela.
En 1942 trasladouse á Coruña coa muller, os fillos e os sobriños (fillos de Antón dos que se fixo cargo), onde sobreviviu impartindo aulas en colexios privados. En 1946 gañou o primeiro premio nos Xogos Florais de Betanzos co romance histórico Mandeu. Ingresou na Real Academia Galega en 1951, a proposta de Manuel Casás Fernández, Francisco Vales Villamarín e Ángel del Castillo, cun discurso en galego titulado A xeración do 16, lido o día 16 de xuño no acto da súa recepción, respondido por Ramón Cabanillas.[11] Permaneceu á marxe do grupo Galaxia nos anos cincuenta até a súa morte e seguiu colaborando na prensa galega e na da emigración, utilizando o pseudónimo Licenciado Pravio. Traballos seus foron lidos nas emisións da BBC londiniense.
O 16 de xuño de 1951 fixo a súa intervención en galego na Real Academia Galega, desobedecendo as ordes franquistas.[12] Pouco despois uns falanxistas déronlle unha malleira e morreu debido ás secuelas en 1953.[13]
Os fondos da biblioteca de Ramón Villar Ponte e do seu irmán Antón están no Parlamento de Galicia dende o ano 2001, cando foron adquiridos xunto co seu arquivo persoal. A colección está composta por 1216 volumes de monografías e alberga ademais 43 títulos de revistas, xunto con obras propias e un importante conxunto de documentación de carácter político, especialmente referido á actividade dos partidos galeguistas antes da guerra civil. Destacan preto de cen títulos impresos antes de 1900, entre os que hai obras de Benito Xerónimo Feijoo e algunhas primeiras edicións das de Manuel Murguía.[14]
O Concello de Viveiro convoca o Premio de Novela Vilar Ponte que rende homenaxe a Ramón e a Antón Vilar Ponte.[15]
Casou con Teresa Chao Maciñeira,[16] e foi pai de Jaime, Teresa e José Ramón Villar Chao.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.