escritor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 e finado en Santiago de Compostela o 15 de outubro de 1981, foi un escritor republicano galego do exilio, que pertenceu á chamada Xeración de 1925. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra valdeira (1927) e Dos arquivos do trasno (1926), tentou modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo. Atribúeselle en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego. Dedicóuselle do Día das Letras Galegas de 1995.[2]
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Retrato en Vida Gallega, 1926. | |
Nome orixinal | Rafael Dieste Gonçalves |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 29 de xaneiro de 1899 Rianxo, España |
Morte | 15 de outubro de 1981 (82 anos) Santiago de Compostela, España |
Educación | Escola Normal de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, escritor, catedrático |
Empregador | Seminario de Estudos Galegos Real Academia Galega |
Membro de | Real Academia Galega (académico de número) (1970–1981) Real Academia Galega (membro correspondente) (1949–1970) |
Xénero artístico | contos, teatro |
Carreira militar | |
Conflito | Guerra do Rif |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Carmen Muñoz Manzano[1] |
Pai | Eladio Dieste |
Irmáns | Eduardo Dieste |
Premios | |
| |
Foi o último dos sete fillos (seis homes e unha muller) do galego Eladio Dieste Muriel e a uruguaia Olegaria Gonçalves Silveira, descendente de portugueses establecidos no Brasil. Con quince anos matriculouse na Escola Normal de Santiago de Compostela mais, en 1917, interrompeu os seus estudos para viaxar a México, onde moraba un irmán seu pero non se afacía e regresou ó ano seguinte.[3]
De regreso a Rianxo iniciou a súa relación coa literatura da man de Manuel Antonio. Ambos os dous entraron en contacto co federalismo e o nacionalismo a través de Vicente Risco.
Entre 1921 e 1923, ao rematar os estudos, debeu facer o servizo militar na Guerra de Marrocos, e onde estivo dous anos.[3] Publicou algúns relatos na revista Cuentos Nuevos de Santiago de Compostela. De regreso a Galiza, rematou a carreira de xornalismo e colaborou en varios xornais de Vigo, como Faro de Vigo, Galicia. Diario de Vigo e El Pueblo Gallego. En 1926 recolleu oito relatos xa publicados nestes dous últimos no libro Dos arquivos do trasno e, ano ano seguinte, publicou A fiestra valdeira.[3] Ese mesmo ano, 1927, ingresou no Seminario de Estudos Galegos. Mentres, segue a publicar diversos artigos en El Pueblo Gallego, e todos eses textos serán incorporados á 2ª edición Dos arquivos do trasno de 1962, e na que se considera a definitiva de 1973.[4]
Nos momentos finais da Ditadura de Primo de Rivera e comezos da República, Dieste formou parte dunha nova xeración que se debateu entre a dedicación á causa galega e o desexo dun triunfo persoal máis amplo nas letras españolas. Tras unha estancia en Londres, en 1932 trasladouse a Madrid para iniciar a súa carreira como escritor e incorpórase aos movementos literarios españois e abandona a escrita en galego, á cal só retornará de xeito circunstancial.[5]
Foi animador nas Misións Pedagóxicas,[5] e en 1933 encabezou a misión que visitou Galiza. Na provincia de Cáceres coñeceu a inspectora de educación Carmen Muñoz Manzano, con quen casou en Santander en 1934. Cunha bolsa de estudos da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas viaxou en 1935 por Francia, Italia e Bélxica para estudar o teatro europeo.[5][6]
O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid, traballando nas Misións Pedagóxicas. Durante a Guerra civil española de 1936 formou parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas promovida polos comunistas e foi un dos responsables da súa revista literaria, El Mono Azul, colaborou tamén na revista Nova Galiza, e El buque rojo.[5] Foi nomeado director do Teatro Español, formando unha compañía con actores en paro. Seguiu a retirada republicana a Valencia en novembro de 1936, onde participou na fundación da revista literaria Hora de España e Barcelona a finais de 1937 e recibiu o encargo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de dirixir Nova Galiza. En 1939 ingresou no Exército do Leste como comisario e participou na elaboración de El Combatiente del Este. Finalmente exiliouse coa caída de Cataluña.
Despois de breves estadías en Francia, Rotterdam e no Uruguai, estableceuse en Buenos Aires, onde traballou como director literario na Editorial Atlántida. En 1948, viaxou por Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo, e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Cambridge até 1952, ao que seguiría outro lectorado no Instituto Tecnológico y de Estudios Superiores de Monterrei, México. En 1954 regresou a Buenos Aires e á Editorial Atlántida,[5] na que apareceu a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958).
En 1961 regresou a Rianxo e, un ano despois, publicou na Editorial Galaxia unha reedición de Dos arquivos do trasno, ampliando o número de contos. A mediados desa década instalouse na Coruña e o 18 de abril de 1971 ingresou na Real Academia Galega como membro de número co discurso A vontade de estilo na fala popular, respondido por Domingo García-Sabell.[7] Colaborou en diversas publicacións e foi requirido para participar en conferencias, homenaxes e mesas redondas. As súas intervencións nestes actos públicos foron recollidas no libro póstumo Encontros e vieiros (1990). En 1977 asinou o "Manifesto dos 29", reclamando o autogoberno para Galiza.
Poucos meses antes da súa morte, apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos dos anos vinte publicados en El Pueblo Gallego. Foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en 1981.
Ocasionalmente utilizaba o pseudónimo Félix Muriel. Este dá nome ao instituto de educación secundaria de Rianxo, o IES Félix Muriel.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.