RMS Carpathia
transatlántico británico / From Wikipedia, the free encyclopedia
O RMS Carpathia (Royal Mail Steamship Carpathia) foi un transatlántico británico da compañía navieira Cunard Line que foi construído nos estaleiros de Swan Hunter & Wigham Richardson. A súa construción foi iniciada en setembro de 1901, foi botado ao mar en agosto de 1902 e realizou a súa viaxe inaugural en maio de 1903. O Carpathia foi deseñado para transportar inmigrantes do leste europeo e persoas de clase media, ofrecendo un confort maior que o doutros buques da época. En 1905 foi engadida unha primeira clase e aumentáronse as instalacións da terceira clase.
RMS Carpathia | |
---|---|
Historial | |
Estaleiro | Swam Hunter & Wigham Richardson, Wallsend, Tyne e Wear, Reino Unido |
Clase | Clase Ivernia |
Tipo | Transatlántico |
Operador | Cunard Line |
Porto de rexistro | Liverpool (Inglaterra) |
Posta en grella | 10 de setembro de 1901 |
Botado | 6 de agosto de 1902 |
Viaxe inaugural | 5 de maio de 1903 |
Baixa | 17 de xullo de 1918 |
Destino | Afundido polo SM U-55 ao sur da costa irlandesa |
Características xerais | |
Desprazamento | 13555 toneladas[1] |
Eslora | 170 metros (557,7 pés)[1] |
Manga | 19,63 metros (64,4 pés)[1] |
Calado | 12,19 metros (40 pés)[2] |
Cubertas | 7 |
Propulsión | Máquinas de 8 cilindros de expansión cuádrupla e dúas hélices |
Potencia | 10 000 HP (10 139 CV) |
Velocidade | • De deseño: 14 nós (26 km/h) • Máxima: 17,5 nós (32,4 km/h) |
Tripulación | 307 tripulantes[3] |
Capacidade | • En 1903: 1704 pasaxeiros[3] • En 1905: 2550 pasaxeiros[3]
|
Despois de nove anos en servizo sen ningún incidente destacado, o Carpathia recibiu as chamadas de socorro do Titanic na madrugada do 15 de abril de 1912 mentres realizaba a súa rutineira travesía dende Nova York cara a Fiume (Austria-Hungría) —na actualidade Rijeka (Croacia)—. O capitán Arthur Rostron cambiou o rumbo do barco para ir ao rescate do Titanic, preparou a toda a súa tripulación e conseguiu facer que o buque lograse o seu propio récord de velocidade. O Carpathia rescatou 712 sobreviventes[4] ao amencer e regresou a Nova York o 18 de abril. A prensa da época e varios pasaxeiros do Titanic consideraron heroes ao capitán Rostron e a súa tripulación.
O Carpathia continuou o seu servizo comercial durante a primeira guerra mundial, actuando tamén como buque de transporte de tropas. Durante a guerra, o 17 de xullo de 1918 foi torpedeado polo submarino alemán SM U-55 e afundiuse, morrendo cinco persoas no naufraxio. Os restos do Carpathia foron achados no 2000 polo explorador Clive Cussler e a súa compañía, a National Underwater and Marine Agency (NUMA).