político español From Wikipedia, the free encyclopedia
Pío Gullón Iglesias, nado en Astorga en 1835 e finado en Madrid o 22 de decembro de 1917, foi un avogado, xornalista e político español, ministro de Gobernación durante o reinado de Afonso XII e ministro de Estado durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena e durante o reinado de Afonso XIII.
Nado en 1835 na localidade leonesa de Astorga, con 12 anos seus pais enviárono a París, onde estivo a se educar até a idade de 15 anos co seu tío Bernardo Iglesias, posteriormente director de La Iberia, que por entón se achaba emigrado debido ás súas ideas liberais.
Antes de cumprir os 20 anos, trasládase a Madrid, onde se dedicou de cheo ao xornalismo. As súas primeiras manifestacións literarias foron no xornal La Nación e dende 1857-58 escribiu as primeiras colaboracións de tipo periodístico no xornal Las Novedades[1] e por aquel entón tamén redactou un folleto chamado La Fusión Ibérica. Ao rematar aquela publicación, e tras vivir ausente de Madrid durante algún tempo, Gullón deu varios traballos literarios que apareceron en xornais semanais. Merecedores de recordo son os artigos titulados "De la ignorancia en España" nos que se criticaban o popular como próximo á ignorancia.[2] Ademais, foi redactor-xefe de El Día e escribiu e dirixiu El Siglo Industrial, La Unión Mercantil, e outros xornais.[1] Tamén fundou La Revista Española.
En 1865 foi correspondente de Journal de Geneve.
Ao producirse a Revolución de 1868, foi levado por Madoz e Sagasta á Secretaría de Goberno Civil de Madrid. Despois pasou ao Ministerio de Gobernación en calidade de Oficial de Secretaría. Ao encargarse Nicolás María Rivero de Gobernación, Gullón foi nomeado Xefe da Sección de Administración.
Cando se formou o Partido Constitucional, Gullón foi elixido deputado por Toledo. Ademais do Manifesto do 18 de outubro, que establece a separación entre radicais e constitucionais, redactou moitos outros documentos de Sagasta e foi por longo tempo Secretario do Comité Directivo dos constitucionais.
Ao ascender Francisco de Paula Candau ao Ministerio de Gobernación, Gullón rexeitou a subsecretaría, pero admitiu o cargo de Subsecretario de Estado xunto a De Blas. Ao pasar Sagasta ao Ministerio de Gobernación, Gullón puido cooperar como subsecretario situándose a un alto nivel. Tomou asento no Congresos dos Deputados en 1871 e 1872 (ambos por Toledo), 1881, 1884 e 1886 (representando a León),[3] aínda que renunciaría ao de 1886 ao ser nomeado senador vitalicio en 1888.[4]
Foi ministro de Gobernación entre o 9 de xaneiro e o 13 de outubro de 1883, nun goberno presidido por Sagasta, político co que ocuparía, entre o 4 de outubro de 1897 e o 18 de maio de 1898, a carteira de ministro de Estado e na que tivo que lidar coa guerra hispano-estadounidense por Cuba, a cal pretendeu evitar por medios diplomáticos sen conseguilo.[5] Posteriormente, e con Eugenio Montero Ríos, volvería ocupar a carteira de Estado entre o 31 de outubro e o 1 de decembro de 1905. Finalmente, nun gabinete López Domínguez volvería ser ministro de Estado entre o 6 de xullo e o 30 de novembro de 1906.[1] Ademais desempeñou outros destacados cargos, como ser gobernador do Banco de España[6] e a Presidencia do Consello de Estado.
Por outra banda, en 1905 ingresou na Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. O seu discurso de ingreso, titulado "Crise contemporánea do réxime parlamentario" foi respostado polo seu paisano Gumersindo de Azcárate.
Astorga, a súa cidade natal, élle debedora da prolongación da liña férrea do Oeste, dende Benavente a esta poboación. Tamén conseguiu o título de Excelentísimo para o Cabido da catedral astorgana, e a aprobación dos planos e primeira subvención para a construción do Palacio Episcopal.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.