![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e1/Pelagibacter.jpg/640px-Pelagibacter.jpg&w=640&q=50)
Pelagibacter ubique
From Wikipedia, the free encyclopedia
Candidatus Pelagibacter ubique' é a única especie do xénero bacteriano Pelagibacter, a cal foi illada e nomeada en 2002,[1] e que actualmente está en proceso de ser publicada validamente de acordo co Código Internacional de Nomenclatura Bacteriana, polo que ten polo momento o status de especie candidata (candidatus).[2] É un membro moi abondoso do clado SAR11 do filo Alphaproteobacteria. Os membros do SAR11 son organismos moi dominantes que se encontran en augas doces e salgadas de todo o mundo. Inicialmente foi coñecida só polos seus xenes de ARNr, que se identificaron por primeira vez en mostras ambientais tomadas do Mar dos Argazos en 1990 polo laboratorio de Stephen Giovannoni da Universidade do estado de Oregón, e despois atopada en todos os océanos do mundo.[3] "Ca. P. ubique" e os seus parentes poden ser os organismos máis abundantes no océano, e moi posiblemente as bacterias máis abundantes no mundo, incluídos os ecosistemas terrestres. Poden supoñer un 25% de todas as células do plancto microbiano, e no verán poden chegar a ser a metade das células presentes na superficie das augas dos océanos temperados.
Pelagibacter ubique | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Candidatus Pelagibacter ubique Rappé et al. 2002 |
Ten forma de bacilo ou de crecente, é gramnegativa e é unha das menores células replicantes coñecidas, cunha lonxitude de só 0,37-0,89 µm e un diámetro de só 0,12-0,20 µm. O 30% do volume da célula está ocupado polo seu xenoma.[4][5] Recicla o carbono orgánico disolto, polo que xoga un importante papel no ciclo do carbono na Terra. É un organismo oligótrofo, xa que vive en ambientes con escasos nutrientes.