Filos bacterianos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os filos bacterianos son as principais liñaxes (filos ou divisións) do dominio Bacteria.
Ao clasificar as bacterias seguindo o sistema de clasificación científica establecido por Carl von Linné,[2] cada cepa bacteriana ten que estar asignada a unha especie (nomenclatura binaria), a cal é un nivel inferior dentro dunha xerarquía de rangos ou categorías. Actualmente, o sistema de clasificación dos taxons maiores máis aceptado é o sistema de tres dominios, que está baseado na filoxenia molecular. Neste sistema, as bacterias son membros do dominio Bacteria[3] e o "filo" (phylum) é a categoría que queda debaixo do dominio, xa que a categoría "reino" está en desuso actualmente na taxonomía bacteriana.[4]
Neste esquema de clasificación, Bacteria era (non oficialmente)[5] subdividida en 2013 en 30 filos con representantes cultivados en laboratorio.[6][7][8][9][10][11] Creáronse moitos grandes clados con representantes que non poden ser cultivados actualmente; estes clados coñécense só pola súa metaxenómica e denomínanse filos candidatos. Se os incluímos no conxunto dos filos, o número de filos é de decenas máis.[12]
Os novos filos bacterianos descubertos non pararon de aumentar desde entón. En total estímase que poden existir uns 1300 filos bacterianos.[13] En maio de 2020, xa se recoñecían 41 filos bacterianos, aceptados formalmente pola LPSN,[14] mentres que na base de datos Silva recoñecíanse 89 filos bacterianos, e propuxéronse ducias máis,[15][16] e probablemente quedan centos máis aínda por descubrir.[13] A gran maioría dos filos bacterianos recoñecidos son filos candidatos,[17] é dicir, non teñen representantes que se puidesen cultivar.
En canto á filoxenia precisa que está na base dos clados de Bacteria, algúns científicos cren que pode haber unha orde de ramificación, mentes que outros, como Norman Pace, cren que os diversos filos bacterianos representan un grande politomía (un evento de especiación múltiple simultáneo).[18]