From Wikipedia, the free encyclopedia
Un oligótrofo (do grego ὀλίγος, oligos, pouco, e τροφικός, trofikós, alimentación) é un organismo que pode vivir nun ambiente que ofrece niveis moi baixos de nutrientes. O termo está en contraposición con copiótrofo, que se aplica aos organismos adaptados a vivir en ambientes ricos en nutrientes. Os oligótrofos caracterízanse por un lento crecemento, baixas taxas metabólicas, e xeralmente baixas densidades de poboación. O adxectivo oligotrófico aplícase aos medio ambientes nos que hai poucos nutrientes para sustentar a vida, aos organismos que sobreviven neses ambientes, ou ás adaptacións que permiten a súa supervivencia. A oligotrofia é a cualidade que teñen os medios con escaseza de nutrientes.
Son ambientes oligotróficos, por exemplo, os sedimentos mariños profundos, cavernas, xeo polar ou glaciario, solo profundo, acuíferos, augas oceánicas e solos lixiviados.
Exemplos de organismos oligotróficos son o anfibio Proteus anguinus, que vive en cavernas, a bacteria, Pelagibacter ubique, que é o organismo máis abundante no océano que pode chegar a constituír a metade de todas as células presentes na superficie das augas dos océanos temperados, e os liques, que teñen unha taxa metabólica extremadamente baixa.
As adaptacións das plantas aos solos oligotróficos permítenlles ter unha captación de nutrientes máis eficiente, un consumo de nutrientes reducido, e un almacenamento de nutrientes eficiente. As melloras na captación de nutrientes son facilitadas polas adaptacións das raíces que poden ter nódulos para a fixación do nitróxeno, micorrizas e raíces proteoides. O consumo de nutrientes pode reducirse tendo niveis de crecemento moi baixos, e polo uso eficiente de nutrientes escasos ou pouco dispoñibles; por exemplo o uso de ións dispoñibles para manter a presión de turxencia, reservando os nutrientes de baixa dispoñibilidade para a formación de tecidos. Malia estas adaptacións, os requirimentos de nutrientes exceden tipicamente a súa captación durante a estación de crecemento, polo que moitas plantas oligotróficas teñen a capacidade de almacenar nutrientes, por exemplo nos tecidos do tronco, cando a demanda deles é baixa, e remobilizalos cando a demanda se incrementa.
Un ecosistema ou ambiente é oligotrófico se ten poucos recursos para sustentar a vida. O termo utilízase para describir os ambientes das augas, xeo, aire, rochas ou solos con baixos niveis de nutrientes.
O lago Vostok, é un lago de auga doce que quedou illado a 4 km de profundidade baixo o xeo do continente antártico durante uns 15 millóns de anos,[1] que se pon xeralmente como exemplo primario de ambiente oligotrófico.
Son oligotróficas as chairas areosas e solos lateríticos do sur de Australia Occidental, onde un cratón moi groso impediu a actividade xeolóxica desde o Cámbrico e no que non houbo glaciacións que renovasen os solos desde o Carbonífero. Os solos alí son extremadamente pobres en nutrientes e a maioría da vexetación debe utilizar estratexias como ter raíces proteoides para obter as pequenas cantidades que hai de nutrientes como o fósforo e o xofre.
Malia todo, a vexetación nestas rexións é salientable pola súa biodiversidade, a cal nalgunhas zonas é tan grande coma a que pode haber nunha selva tropical e produce algunhas das flores silvestres máis espectaculares do mundo. Actualmente, esta área está moi ameazada polo cambio climático que está a desprazar a faixa de chuvias invernais máis ao sur, e por despexar terreos para a agricultura ou o uso de fertilizantes. Este uso agrícula está impulsado principalmente polo baixo custo das terras, o que as fai rendibles mesmo con rendementos moi inferiores aos das zonas agrícolas de América e Europa.
Un exemplo de solos oligotróficos son os das areas brancas brasileiras, con pH dos solos inferiores a 5,0, que se encontran na conca do Río Negro no norte da Amazonia. Esta área alberga uns bosques de baixa biodiversidade moi fráxiles e sabanas drenadas por ríos de augas negras (cor debida ás altas concentracións na augas de taninos, ácidos húmicos e outros compostos derivados da lenta descomposición da materia orgánica vexetal).[2][3][4] Bosques similares atópanse nas augas oligotróficas do delta do Río Patía na costa pacífica nos Andes.[5]
No océano, as correntes cíclicas chamadas xiros oceánicos subtropicais ao norte e sur do ecuador son rexións nas cales os nutrientes necesarios para o crecemento do fitoplancto, como nitratos, fosfatos e ácido silícico, están moi diminuídos todo o ano. Estas áreas descríbense como oligotróficas e presentan un baixo nivel de clorofila superficial. Descríbense ás veces como "desertos oceánicos".[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.