From Wikipedia, the free encyclopedia
O pato mandarín,[3] Aix galericulata (L.), é unha especie de ave da orde dos anseriformes e familia dos anátidos oriúnda da China, o Xapón e Siberia que, polas fermosas cores dos machos, foi introducida en diversos puntos de Europa, sendo moi apreciada pola súa beleza, polo que está presente en numerosos parques de todo o mundo.
Pato mandarín Aix galericulata | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Aix galericulata (Linnaeus, 1758) [1] | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
|
Elegantes e de constitución repoluda, son parrulos relativamente pequenos, que miden entre 41 e 49 cm de lonxitude e teñen unha envergadura alar que vai dos 65 aos 75 cm. Os machos adultos en plumaxe reprodutora son aves de aspecto rechamante e inconfundible. Teñen o bico vermello, a cabeza verde metálica, un debuxo branco en forma de media lúa sobre dos ollos e a cara vermella con "patillas" castañas. O papo é púrpura con dúas liñas verticais brancas e os flancos avermellados, con dúas “velas” alaranxadas no lombo, formadas polas plumas da ás. A plumaxe ten reflexos metálicos.[4]
As femias teñen unha coloración moito máis discreta, castaña agrisada, manchada na parte inferior. Teñen un anel ocular branco e unha liña que parte do ollo, ademais dunha pequena parte branca nos flancos. A punta do seu bico é pálida. En xeral soi moi semellantes ás femias do chamado pato da Carolina ou pato da Florida (Aix sponsa, a outra especie do xénero).[5]
Orixinalmente a área de distribución da especie comprendía toda a Asia oriental, pero as exportacións masivas (para parques e coleccións) e a destrución do seu hábitat reduciron fortemente as súas poboacións no nordeste da China e a rexión rusa do Amur a un número por debaixo das 1 000 parellas en cada unha das zonas; no Xapón, porén, estímase que existen unhas 5 000 parellas.[6]
Actualmente a especie está moi ameazada nestas áreas.
Como ave de parques e zoos espallouse case por todo o mundo, sendo moi común que algúns espécimes escapen de coleccións, e durante o século XX asilvestráronse algunhas poboacións, con máis ou menos éxito, nalgunhas zonas coma Alemaña, Austria, Suíza, os Países Baixos e o sur de Inglaterra, que conta co censo máis importante cunhas 1 000 parellas.
A poboación salvaxe europea, que conta cunhas 7 000 parellas, e sería hoxe superior á asiática.
As poboacións salvaxes asiáticas son migratorias, e pasan o inverno nas terras baixas do sur da China e do Xapón.
Malia que os seus efectivos mundiais estímanse entre 60 000 e 65 000 individuos, a IUCN non considera o pato mandarín especie ameazada.[7]
En estado salvaxe os patos mandaríns crían en zonas de bosque mesto preto de lagos pouco fondos, pantanos ou estanques.
A súa presenza como visitante na Península Ibérica é excepcional,[8] pero existen rexistros de capturas en diversos lugares.[9] En Galicia é accidental.[9]
Na natureza son aves tímidas que se moven entre a vexetación mesta, voando con habilidade entre as pólas e agatuñando polas árbores. Son pouco sensibles ao frío, o que lles permite sobrevivir no inverno centroeuropeo. Buscan comida (sobre todo plantas e sementes) tanto en terra como na auga, pero principalmente no chan, apañando mesmo sementes grandes, como as das faias e as landras dos carballos. Aliméntanse principalmente ao amencer ou cando empeza a anoitecer, e pasan o día pousados nunha pola ou agachados na vexetación.
En inverno poden formar pequenos grupos, pero raramente se asocian con outros patos.
Aniñan en buratos de árbores próximos á auga. Ao pouco tempo de naceren os parruliños, a súa nai voa ao solo, animándoos a saltar do niño.
Fan os niños en buratos das árbores próximas á auga. Poñen de 6 a 10 ovos brancos, duns 5 cm de longo, que chocan uns 31 días. Cando os polos saen do ovo, a nai salta ao solo e chámaos inmediatamente para salten tamén eles. Os parruliños móvense xa de pequenos con facilidade polas pólas, grazas ás unllas aguzadas e a cola longa.
En Asia oriental os patos mandaríns foron considerados animais portadores de boa fortuna, e de amor e afecto conxugal.
Na China o pato mandarín segue a ser un símbolo de fidelidade dentro do matrimonio, malia que as parellas de mandaríns non duran máis ca unha estación, de tal forma que neste país adoita agasallarse cunha parella destes patos, como regalo principal, nas vodas máis importantes.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.