O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do pan na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Recóllese non só a información referida expresamente ó pan, senón tamén a referida á fariña e a actividades directamente relacionadas, como sementar, segar etc.; as referidas ó millo e á broa recóllense no artigo o millo na cultura popular galega.
Ademais do seu significado recto (alimento elaborado con fariña, auga, sal e lévedo, fermentado e cocido no forno), a palabra pan designa especificamente o centeo ou un cereal en xeral; segundo Eladio Rodríguez, tamén denomina o millo aínda na terra. Pero ademais é un elemento de referencia para designar moitas outras realidades.
Botando unha vacaloura na auga coa que se fai a masa para enfornar, crese que o pan leveda antes.
Crese que cando as vacas acabadas de parir deitan un costro sanguinolento, débese a algunha meiga lles botara un meigallo. Para superalo, débese acender o forno tres veces ó día e botar nel o leite muxido, co que se supón que así se mata a bruxa ou, cando menos, se desfai o meigallo [1].
Cando meten o pan no forno hai que rezar o seguinte ensalmo: Que Deus te aumente con San Vicente, que Deus te levede con san Mamede. Ou ben: Que Deus te acrecente e o señor san Vicente e a santa Mariña, pra que te fagan vir axiña.
De sempre, o pan recibiu un trato de respecto debido, seguramente, ás implicacións relixiosas derivadas do seu uso por Xesucristo en momentos relevantes do nacemento do cristianismo. O feito de considerar o pan como o Corpo de Cristo esixía darlle un trato especial. Moi probablemente os tempos de fame tiveron que intervir tamén nese mesmo tratamento respectuoso.
Por todo o anterior, nunca se debe tirar o pan ó chan e, se nos cae, debe recollerse inmediatamente e bicalo. Se alguén atopa un anaco de pan deitado nun camiño, debe recollelo e colocalo onde ninguén o poida pisar.
Cando algún esmolante veña pedir e se lle dea un pan, tamén hai que bicalo antes de darllo. E o pobre debe repetir o xesto antes de agradecelo.
Tampouco se debe tirar o pan sobrante ao lixo, pero se admite botalo ao lume.
É de mal agoiro deixar cravado un coitelo no pan, o mesmo que pousalo na mesa dado a volta.
A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer![2].
Á miña Mariquitiña/ heina de ensinar a todo;/ a peneirar, a amasar/ i a mete-lo pan no forno[3].
A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ bebeu un xarro de viño,/ comeu unha bola enteira[4][5].
A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira[6].
A miña muller morreu/ enterreina tras do forno,/ pasei onte por alí,/ inda me choscou un ollo[7].
A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira[8].
A muller que ha de ser miña/ ha de ter o cu de pan,/ a barriga de cortizo/ i o nariz de bacallau[9].
A túa muller, Farruco,/ éche ben cumprimenteira,/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira[10].
Ai, Xesús, que calma fai/ por riba dos segadores!/ quen fora ramiño verde/ que cobrise ós meus amores[11].
As meniñas, as de Calvos,/ todas ten a saia rota,/ só a filla da forneira/ que a ten feita de estopa[12].
Cala, bica balorenta,/ cálate e vaite calando,/ que un ollo teño torto/ i o outro estao arremedando[13].
Cala, cebola rustrida,/ que es bica de formento,/ eres unha penachuda,/ cara de porco cheirento[14].
Cando eu era rapaz/ faguía mil diabluras:/ mollaba o pan no aceite,/ deixaba a Dios ás escuras[15].
Cando paso á túa porta/ collo pan e vou comendo/ porque non digan teus pais/ que de verte me manteño[16].
Cando te queiras casar/ busca viño de Xeás,/ panciño de Vilanova/ e carneiro de Gaiás[17].
Cara de leite fervido,/ cara de pan balorento,/ anda tua nai decendo/ que lle cóme-lo formento[18].
Caseime no mes de agosto/ porque había moito pan,/ o forno da miña sogra/ cría o fiollo no vran.
Casou Rosa cun mociño/ que é noxenta criatura,/ mais cando non hai o pan/ porvéintanse as faragullas[19].
Catro cartos para pan,/ tres e medio para viño,/ un carto para tabaco,/ alá vai un realiño.
Cunha codia de pan quente,/ unha sardiña salgada/ e o abrazo dunha nena/ pasa un home unha somana[20].
Dame un bocado de pan/ pola nai que te pareu,/ que che hei de dar un xurelo/ cando veña de Bueu[21].
De almorzo danme papas,/ de xantar papas me dan,/ de merenda danme papas,/ de noite papas sen pan[22].
Déixame ir, que vou de presa,/ que vou abrir unha poza,/ teño trigo sementado/ no curazón dunha moza[23].
Díanno-los reises:/ figos, chourizos e viño/ e tamén algún diñeiro/ para merca-lo pantrigo[24].
Durme, meu solciño, durme,/ pra que eu poida traballar;/ teño que lava-los panos,/ peneirar e amasar[25].
Eres blanca como o leite,/ colorada como o trigo;/ se te non levan de noite/ de día non tes perigo[26].
Este ano hai moito trigo,/ ¡casamentos que ha de haber!/ hase de casa-la fame/ coa gana de comer[27].
Eu non quero ver tristezas,/ queiro o sol á miña beira;/ onda a sombra o pan non crece/ nin dá rosas a roseira[28].
Eu subín ó alcipreste,/ subino e baixei de pé;/ non quero pan encetado/ que o meu enteiriño é[29].
Foi a merla onde a formiga/ e pedíulle un pan prestado;/ a formiga lle repuxo:/ Mentras andas na silveira,/ chirlo merlo, chirlo merlo,/ traballa de vrau/ pra comer de inverno[30].
Fun ó santo San Andrés/ fun coa miña empanada,/ anque o santo é milagreiro/ é amigo da fuliada[31].
Heiche de dar viño tinto,/ sopas de pan balorento,/ moza que falas comigo,/ mira que pérde-lo tempo[32].
María Antonia do Rego,/ a do refaixo marelo,/ andas segando no trigo,/ falando cun ganadeiro[33].
Mariquiña da forneira,/ a túa nai onte coceu,/ dáme un anaco de bola/ pola nai que te pareu.
Mariquiña da forneira/ se coceres faime un bolo,/ se mo fas, faimo de trigo,/ que centeo non cho como[34].
Maruxa, se vas á sega/ escríbeme do camiño,/ se non topares papel,/ nas alas dun paxariño[35].
Maruxiña da Portela,/ hoxe túa nai coceu,/ dáme un cachiño de bola/ pola nai que che pareu[36].
Marzo, espigarzo;/ abril, penduril;/ maio, granado;/ san Xoán, curado./ Na santa Mariña/ metelo na arquiña.
Meu filliño pequerrecho,/ tesouro da túa naiciña,/ durme, que inda hei de ir ó muíño/ buscar pró pan a fariña[37].
Meu meniño, durme, durme,/ que teño que ir amasar,/ durme logo, queridiño,/ que te quero ir deitar[38].
Meu meniño, durme, durme,/ que teño que ir ó muíño,/ teño que ir pola fariña/ para fague-lo panciño[39].
Miña comadre Pelonia, / veño a que me preste un pan. / Meu compadre escaravello, / ¿logo que fixo no vran?
Miña nai como é moi probe/ non tiña pan que me dar,/ encheume a cara de bicos,/ despois rompeu a chorar[40].
Miña nai, cando peneira,/ bate cos pés no sobrado,/ dime que non quere xenro/ i eu xa llo teño buscado[41].
Miña nai, cando peneira,/ báteme cunha variña;/ dime que fuxa dos homes/ coma o gato da sardiña[41].
Miña nai, miña naiciña,/ non hai outra como a miña,/ que non comía ela o pan/ por llo dar á súa filla[42].
Miña nai por me casar/ pormeteume canto tiña;/ dende que me viu casada/ deume o fol da fariña[43].
Mozas que van á seitura,/ mozas que á seitura van,/ mozas que van á seitura,/ lévanna e non a tran[44].
Non botes leña no forno,/ se é que xa quente estivere,/ Non rifes, muller, co home,/ cando por algo se altere[45].
Non chores meu irmauciño/ que a naíña está a chegar:/ foi pola fariña ao muíño/ e non nos ha de tardar[46].
Non chores meu pequeniño/ que a naiciña está a chegar:/ foi pola fariña ao muíño/ e teu pai foille asubiar[47].
O crego e maila criada/ botaron o pan no forno,/ e os pequenos lles dicían/ nanai, teta, papai, bolo[48].
O crego e mais a criada/ ordenaron de cocer;/ tiñan a leña no monte/ e a fariña por moer[49].
O cura e maila criada/ ordenaron de cocer,/ tiñan a leña no monte/ e a fariña por moer[50].
O día da miña voda,/ que ogallá sexa mañá,/ heime mercar un vestido/ i unha boroa de pan[51].
O lobo i a muller/ trataron de cocer:/ a leña no monte,/ a fariña por moer[52].
O meu meniño é pequeno,/ heino daprender a todo:/ a amasar i a peneirar/ i a que quente ben o forno[53].
O meu pai foi sancristán/ e fixo moitas diabruras,/ mollaba o pan no aceite,/ deixaba o Cristo ás escuras[54].
O pan trigo, sabe ben,/ dichoso de quen o come!/ Muller bonita casada,/ fortuna para o seu home[55].
O Roque e maila muller/ ordearon de cocer,/ tiñan a leña no monte/ i a fariña por moer[56].
Os ratos coa fariña/ ten un bo divertimento:/ eu tamén che me adivirto/ traguéndote no pensamento[57].
Para pantrigo, Castilla,/ para buen vino, el Ribeiro,/ para rapazas bonitas/ viva Facós, que es mi pueblo[58].
Pequerrechiña/ quedei sen pai,/ almas sinxelas/ dádeme pan;/ inda son nena/ e no lugar/ andan os mozos/ a ver cal deles/ me ha de levar[59].
Perguiciña, queres pan?/ Quero, quero, se mo dan./ Pois vai busca-lo coitelo./ Ai, non señor, non o quero[60].
Periñas me dan ao almorzo,/ ao xantar peras me dan,/ á merenda danme peras,/ ao cear peras sen pan[22].
Sega, fouciñiño, sega,/ por ise panciño raro,/ que ó que quer gañá-la vida/ cómprelle de ir con coidado[61].
Sete xastres fan un home/ no ano do pan barato,/ que no ano do pan caro/ precísanse vintecatro[62].
Sete xastres fan un home/ o ano do pan barato,/ o ano que o pan é caro/ xa fan falla vintecatro[63].
Si todo o mar fora leite/ e Monte Louro boroa,/ xa terían que comer/ os tramalleiros de Boa[64][65].
Tanto baillei/ á porta do forno,/ tanto baillei/ que me deron o bolo[66].
Teño muíño e moe fariña,/ teño forno e coce pan,/ teño unha muller bonita,/ xa estou feito un capitán[67].
Terra negra non dá pan;/ os mociños de Galicia/ noutra terra non os hai <refXaquín Lorenzo Fernández, 153.</ref>.
Tiroliro, miña gaita,/ tiroliro, que che falta,/ te-lo viño na bodega/ i o pantriguiño na arca[68].
Todo se me dá na man/ se non a sacha do millo/ e mais a sega do pan[69].
Todos din casar, casar,/ eu tamén me casaría,/ se non fora, miña prenda,/ polo pan de cada día[70].
Toma meu cego a limosna/ e non me tóme-la man./ - Perdone miña señora,/ pensei que todo era pan.
Torradiñas de manteiga,/ torradas non quero máis;/ por causa das torradiñas/ fóxenlle as fillas ós pais[70].
Vaite de eí, carociño,/ terra seca non dá pan;/ máis vale quedar solteira/ que casar cun balandrán[71].
Viva O Maño, viva O Maño,/ que é terra de moito pan,/ o forno da miña sogra/ bota uvas polo vran[72].
Xa hai tres días que non como/ senón lágrimas con pan;/ ises son os xantarciños/ que os teus amores me dan[73].
Recitados
-Preguizosa, ¿queres pan?
-Si, señora, se mo dan.
-Pois vai colle-lo coitelo.
-Non señora, así non quero.
O pan, fonte de léxico
Ademais do seu significado recto (alimento elaborado con fariña, auga, sal e lévedo, fermentado e cocido no forno), a palabra pan designa especificamente o centeo en numerosas localidades, sexa en gran, sexa aínda na terra, ou un cereal en xeral; segundo Eladio Rodríguez, tamén ó millo na terra. Pero ademais é un elemento de referencia para designar moitas outras realidades, algunhas relacionadas directamente co pan (formas, presentacións, características do pan) e outras como elemento metafórico:
Variedades de pan
bolo: peza de pan redonda e alta, tamén chamado molete.
pan abenzoado: pan que se bendecía na misa e que se repartía entre os fieis nos días solemnes.
pan albeiro: pan de trigo, moi branco e fino.
pan ácimo: pan feito sen lévedo.
pan branco: pan elaborado con fariña de trigo.
pan centeo, pan centeio: pan de centeo.
pan da borralla: pan cocido na cinza.
pan da lareira: pan cocido sobre a pedra da lareira, cuberto cunha tapa de ferro que á súa vez se cobre de brasas.
pan da voda: bóla de pan que se repartía entre os asistentes a unha voda, con carácter simbólico.
pan de boroa: pan de millo.
pan de entrepeneiras: pan de mestura.
pan de figos: pan elaborado con figos, améndoas e especias, con forma de torta.
pan de mestura: pan elaborado coa mestura de dúas fariñas diferentes, como tal millo e trigo. Para Eladio Rodríguez, o elaborado con fariña milla mesturada coa de trigo ou de centeo.
pan de millo: broa.
pan de molde: pan de codia branda e o miolo esponxoso, con forma rectangular, cortado en rebandas e empaquetado.
pan de ovo: roscón, elaborado con ovos e azucre.
pan de peneira: ver: pan picón.
pan de peso: pan de trigo, redondo e de gran tamaño, elevado no centro onde presenta unha especie de mamila. Chámase así porque se vende normalmente ó peso, segundo o demande o comprador.
pan de picos: bolo feito con fariña de trigo, formado con dúas barras de masa terminadas en punta e enlazadas polo centro, de forma que quedan as catro puntas saíntes e equidistantes.
pan de poia, pan de proia: torta que fai o forneiro cos restos da masa que se coce no seu forno. Adoita deixarse como pago en especie do usuario ó propietario do forno.
pan de relón: pan elaborado coa fariña da segunda criba. Tamén designa o pan elaborado co relón: casca dos cereais que se separa da fariña.
pan do lar: nome xenérico que reciben diversas clases de pan cocido na pedra da lareira (bica do lar e bóla do lar).
pan dos anxos: ver pan eucarístico.
pan dos días de festa: pantrigo.
pan eucarístico: hostia consagrada na misa.
pan feiral: trigo ou centeno comprado na feira ou no mercado.
pan froleado: pan elaborado coa flor da fariña de trigo.
pan grañón: pan moreno, feito con fariña de trigo lixeiramente peneirada.
pan integral: pan elaborado con fariña integral.
pan milleiro: broa.
pan negro: pan de centeo.
pan picón: pan elaborada coa fariña pasada por unha segunda peneira.
pan regañado: pan que se abre no forno, por estar moi quente.
pan relado: pan seco e moído que se emprega xeralmente para rebozar.
pan resésigo, pan reseso: pan que non está cocido no día senón o anterior ou máis atrás, polo que comeza a endurecer.
pan seco: pan só, sen outro acompañamento.
pan terzado: pan elaborado con tres tipos de fariña, que adoitan ser de centeo, de millo e de trigo.
pantrigo: pan elaborado con fariña triga.
O pan como metáfora
burra de pan: morea de feixes de palla, herba, etc, nas leiras
Na novela Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, o autor sinala as preocupacións de Balbino ao comer pan de millo (á súa nai "sentáballe mal a broa"), mentres os nenos de familias máis adiñeiradas podían mercar "pantrigo".
O Padre Sarmiento escribiu "Os rústicos comen pouco pan de trigo, o máis común que comen é pan de millo".
Castelao describiu unha Galiza soñada por el coma "Vexo aos nenos, loiros e bonitos, a comeren pantrigo con mel e manteiga".
Xaquín Lorenzo Fernández, 93. En tempos, existían as chamadas mozas alugadas, que formaban cuadrillas para ir á sega a terras de preto, aínda que tamén podían chegar a Castela. A cantiga reflicte a súa mala fama.
Boa é a parroquia máis occidental do concello coruñés de Noia, lindando con Porto do Son. Tramalleiros son os que pescan ó tramallo, unha arte de pesca formada por tres redes superpostas. Álvaro das Casas, 192; no orixinal: Montelouro,
Xaquín Lorenzo Fernández, 149). Explica Xaquín Lorenzo que, cando se coce o pan de millo no forno, faise unha peza moi batida, delgada, que é a primeira que se saca do forno, a que chaman bolo. Compártese, como sinal de aprecio, cos veciños que se atopen no forno no momento de saca-lo bolo.
Xaquín Lorenzo Fernández, 164. No orixinal: dias, senon, dán.
Bibliografía
ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
Fermín Bouza-Brey (colector): "Novas cántigas e triadas da parroquia de Paradela, na terra da Ulla", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 96, 15.12.1931.
CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931.* ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008