Monarquía absoluta
forma de goberno na que o poder reside nunha única persoa, xeralmente un monarca / From Wikipedia, the free encyclopedia
A monarquía absoluta é unha forma de monarquía na que o monarca ten o poder absoluto do goberno e os seus poderes e facultades non están limitados por leis ou institucións.
Nela non existe a división de poderes. Aínda que a administración da xustiza poida ter unha autonomía relativa en relación ao rei ou existan institucións parlamentarias, o monarca absoluto pode cambiar as decisións e os ditames dos tribunais en última instancia ou reformar as leis á súa vontade ("a palabra do rei é lei"). Nomea e retira os seus asistentes no goberno segundo a súa vontade. A unidade de todos os poderes adoita considerarse xustificada por estimar que a fonte do poder é Deus e que os monarcas exercen a soberanía por dereito divino. Non existen mecanismos polos que o soberano (que non recoñece superiores) responda dos seus actos.
A monarquía absoluta desenvolveuse historicamente na Europa occidental a partir das monarquías autoritarias que xurdiron ao final da Idade Media coa crise das monarquías feudais e o predominio que adquiriu o rei en relación a todos os estamentos.