![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/5e/1887-6_3CN.jpg/640px-1887-6_3CN.jpg&w=640&q=50)
Moeda de níquel de 3 centavos de dólar estadounidense
antiga moeda estadounidense (1865-1889) / From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda de níquel de 3 centavos de dólar estadounidense é unha moeda dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada en cuproníquel na Ceca de Filadelfia entre 1865 e 1889, en substitución doutra anterior, co mesmo valor facial, cuñada en prata.
3 centavos de níquel [1] | |
---|---|
![]() | |
A/: Cabeza da Liberdade coroada cara á esquerda. Data.
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / LIBERTY (na coroa) |
R/: Valor facial en números romanos dentro dunha coroa de loureiro.
Lenda: III |
|
O seu deseñador foi o daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, James B. Longacre.
O atesouramento das moedas federais de metais nobres por parte da poboación durante a axitación económica provocada pola guerra civil estadounidense, entre as que se atopaba a anterior de 3 centavos de prata, provocou unha falta de moeda miúda en circulación. Ante isto, o Goberno federal emitiu papel moeda de valores faciais baixos para permitir as pequenas transaccións comerciais, que non gozaron dun bo acollemento popular. Logo da emisión en 1864 dun centavo de bronce máis lixeiro que o anterior e dunha nova moeda de 2 centavos, tamén de bronce, que circularon libremente, propúxose tamén a creación dunha moeda de 3 centavos de cuproníquel. Os seus defensores estaban encabezados polo industrial de Pensilvania Joseph Wharton, que daquela controlaba a subministración nacional da minaría de níquel. O 3 de marzo de 1865 presentouse un proxecto de lei no Congreso para a creación desta moeda, que foi aprobado por ambas as cámaras e asinado polo presidente Abraham Lincoln.
A moeda de 3 centavos de cuproníquel circulou con axilidade nos seus inicios, mais foi perdendo popularidade logo da introdución en 1866 dunha nova moeda de 5 centavos feita na mesma aliaxe de níquel; unha moeda máis atractiva polo seu maior tamaño e que se axustaba mellor ao imperante sistema decimal. Despois de 1870, as tiraxes da moeda de 3 centavos foron baixas a maioría dos anos, e en 1890 a súa emisión acabou sendo cancelada polo Congreso. A derradeira serie cuñouse con data de 1889, aínda que moitos destes exemplares acabaron sendo novamente fundidos, para cuñar con ese metal novas moedas de 5 centavos.