![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/6f/Diagram_human_cell_nucleus_es.svg/langgl-640px-Diagram_human_cell_nucleus_es.svg.png&w=640&q=50)
Envoltura nuclear
From Wikipedia, the free encyclopedia
A envoltura nuclear (abreviado, EN) é a envoltura membranosa que rodea o núcleo das células eucariotas, onde se encerra o material xenético, a cal está formada por dúas membranas superpostas (membranas nucleares interna e externa) separadas por un espazo. Cada unha destas membranas consta dunha bicapa lipoproteica. A envoltura nuclear tamén se chama carioteca ou ás veces, simplemente, membrana nuclear (pero téñase en conta que consta de dúas membranas).
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/6f/Diagram_human_cell_nucleus_es.svg/320px-Diagram_human_cell_nucleus_es.svg.png)
A envoltura nuclear serve como barreira física que separa o contido do núcleo celular (ADN fundamentalmente) do citosol (citoplasma), sen que isto impida totalmente a comunicación entre ambos, xa que na envoltura nuclear hai numerosos poros nucleares, que permiten e regulan o intercambio de substancias entre o núcleo e o citoplasma, tales como proteínas, incluídos os factores de transcrición, e ARN. Pénsase que a envoltura nuclear xoga un papel na organización e actividade transcricional da cromatina.
A membrana nuclear externa continúase coas membranas do retículo endoplasmático rugoso, e pode presentar ribosomas sobre a súa superficie. Na membrana nuclear interna atopamos diversas proteínas de membrana específicas de dita membrana. Ambas as membranas están fusionadas na zona dos poros nucleares.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/6c/The_three_layers_of_NE_proteins.jpg/640px-The_three_layers_of_NE_proteins.jpg)
A membrana nuclear interna está conectada pola súa cara nuclear coa lámina nuclear, un entramado de filamentos intermedios composto de varias proteínas laminas (A, B1, B2, e C). A proteína lamina actúa como un lugar de unión para os filamentos de cromatina e dálle estabilidade estrutural ao núcleo. Os defectos nas laminas están asociadas con varios trastornos xenéticos denominados laminopatías.
O espazo entre as membranas nucleares interna e externa ten de 20 a 40 nm de grosor e denomínase cisterna perinuclear ou espazo perinuclear e continúase co espazo interno do retículo endoplasmático rugoso. As proteínas acabadas de sintetizar nos ribosomas que pode haber na membrana nuclear externa entran na cisterna perinuclear, igual que o fan no interior do retículo endoplasmático rugoso.